Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Máis 98

Diciamos que os feitos históricos ben establecidos son sempre opinabeis. Diciamos que en 1898 os EE UU perderan a súa virxinidade anticolonial ao expulsar a España de Cuba, Puerto Rico e Guam. O cal non completa o relato, xa que, por aquel mesmo tempo, l'Union, como sempre escribía Jules Verne, tamén quixo facerse, e fíxose, con Hawaii, que Álvaro de Mendaña descubrira, non sei se na compaña de Isabel Barreto, antes de Cook, Julián Juderías e Ramiro de Maeztu, e en xeral todos os que combateron a "Leyenda Negra", coincidiron en que Ingleses e Norteamericanos tamén abusaron das nacións indias de América, co cal deixaban para sempre demostrado que España non estaba soa na indignidade histórica.

Ora ben, observo que o españolismo pasa sempre nos "bicos dos pés", como di o Portugués, ao tratar dunha Franxa do seu enorme país. Ollo, que non falo da Franxa de Aragón, tan discutida, que foi sempre e será sendo catalana. Falamos da Franxa Sudoeste, ou centro Sul dos EEUU, onde están California, Nevada, Texas..., que, por un ou outro medio económico e militar, deixaron o imperio español e pasaron ao imperio norteamericano, cos seus indios incorporados.

É ben certo que en España se constituíu unha xeración do 98 moi crítica, nos seus inicios, co chamado Desastre. Pero o antinorteamericanismo de dereitas explodiu coma unha pompa de xabrón cando Franco lle deu aos EEUU posesión das bases militares e os EEUU lle deron a Franco protección contra os demócratas españoles que querían derrubalo e pór de novo unha República, mesmamente co estatuto de autonomía de Galicia que fora votado polos antepasados dos galegos hoxe vixentes.

Ese é o día no que a dereita española desvelou a natureza do seu patriotismo. Con Franco e cos EE UU eles estarán sempre. Por iso non queren que lle retiren o cadávere do monumento monstruoso de Cuelgamuros, como ben explicou en clave vitriólica e xenial o Cermeño aí atrás.

Carlos Martínez Barbeito, sempre en termos de republicanismo moderado, aseguroume un día que el só subiría a Cuelgamuros o día da voadura do Valle de los Caídos. Son cousas que parecen remexidas, e temas heteroxéneos, pero en realidade están razoabelmente conectados. Os amigos de Aznar non son os nosos amigos, deberían dicir os xenuínos patriotas españolistas. Pero non.

Compartir el artículo

stats