Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

1898

A Declaración de Independencia dos EE UU marca, coa francesa dos Dereitos do Home e do Cidadán, a aparición do Mundo Moderno. A Declaración de Independencia establece para sempre un dereito fundamental: o dos pobos dependentes ao exercicio da nosa autodeterminación.

Desde México á Patagonia, o imperio español rachou en cachos. Cos ollos postos no modelo do Norte, os súditos americanos do rei de España proclamaron as súas independencias. Non prosperaron as monarquías, nin en México nin no Brasil. Todo foron repúblicas; moitas delas, federais, ostentaron o nome de EEUU. Nortemerica fíxose un país anticolonial, diferente das potencias europeas. Por iso Jules Verne adoraba o que el chamou sempre "a Unión".

Perdeu Washington a virxinidade anticolonial en 1898, ano no que naceu o pai de quen isto escribe. Polo tanto, apenas onte, se falamos en duración histórica.

Co pretexto de axudar o patriotismo independentista de Cuba e Filipinas, os EE UU entraron en terríbel guerra con España. Non o fixeron entusiasmados polas palabras cálidas de Martí ou Rizal. Ían por un botín, e conseguírono. Converteron Cuba nunha neocolonia da cal inda lle queda, en réxime de pleno dominio, Guantánamo. Só a revolución de Fidel Castro liberou verdadeiramente Cuba.

As Filipinas só ás ceibaron, e moi superficialmente, despois de 1945. Na actualidade, Puerto Rico é unha colonia dos EE UU que chaman, na verba toldada do xurismo servil, Estado Asociado. Algo que se relaciona coas sociedades mercantís, como ironizaba Nicolás Guillén.

A españolísima Illa de Guam, é tan norteamericana hoxe que constitúe unha colosal base militar da metrópole. De Guam partiron as superfortalezas voantes coas bombas que habían de destruír, en crime de guerra, Hiroshima e Nagasaki.

Despois dedicaronse a fomentar o neocolonialismo en Latinoamerica, antes Hispanoámerica. E os EE UU seguen a promover golpes, brandos cando non poden ser duros, contra Nicaragua ou contra Venezuela, porque saben desde o intento de Kennedy, que contra Cuba non se pode.

Así é con Trump e así foi antes de Trump. A dereita española perdooulle o 98 aos EE UU. Iso ocorreu cando Eisenhower e Franco se deron apertas perante un mundo que, en apariencia, enterrara o fascismo.

(*) O autor non é membro do Instituto Elcano

Compartir el artículo

stats