Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Redonda do Berete

Pola prensa, imos sendo sabedores de acontecementos que se producen nos territorios de Turonio, ou sexa o país antigo e actual que limita ao Norte coa ría de Vigo e ao Sul co Miño. Polo mar, a seguinte terra é Nova Inglaterra, ou sexa os máis antigos EEUU, nos que entra Nova York. Ao Leste, Turonio carece de marcas precisas. Uns fan chegar Turonio a Ribadavia e outros queren que se deteña no Suído. Todo intento de incluír o Morrazo en Turonio será van e todo propósito de lle dar outro nome ao hinterland de Vigo terminará coroado polo fracaso.

En Turonio, pois, áchase Redondela, e a vila e concello que leva tan ilustre nome venera como peixe identitario o berete. Lemos que ven de construír, na vella estrada da Encarnación, un roundabout novo, que recibirá o nome do berete. Aquí facemos votos porque non lle digan oficialmente "rotonda" nin moito menos "glorieta". Esta derradeira é voz enxebre madrileña. Glorietas de Bilbao, de Ruiz-Giménez, de Quevedo, da nosa mocedade! Nada teñen que ver estas "glorietas" nin con Redondela nin coa Terra e Condado de Turonio. Polo tanto a nomenclatura pública de Redondela, neste e máis casos, e tamén a doutros concellos, debe ir á denominación do roundabout que o pobo galego discurriu na práctica diaria: REDONDA. Tamén redonda foi adoptada no Bierzo, digo por apoiar a proposta. Berete é un dos nomes galego vulgares que leva a especie de peixe que no ano 1758 o fundador da taxonomía zoolóxica, Linneo, carimbou para sempre como Aspritigla cuculos. O de berete debe de provir de Gasconha, que é a costa atlántica de Occitania, moi mariñeira. En galego, esta especie é tamén coñecida coma rubio, escacho, escarabillón. E doutros modos e maneiras.

Nós apoiamos, con toda a nosa simpatía, a decisión dos redondeláns. Eles queren facer do peixe berete un signo patrimonial. Tiñan xa o choco, pero parece que lles sabe a pouco. Coloquen, se queren, un berete no escudo municipal. Pero, polos cravos de Cristo, non mesturen o berete coas "glorietas" do Madrid mesocrático do século traspasado. Ademais, que é Redondela senón unha redonda nun diminutivo en función afectuosa?

Compartir el artículo

stats