Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Presos e deportados

Oio falar de dispersión dos presos políticos e acórdame un film magnífico no que José Ferrer, que fai de Dreyfus, é deshonrado militarmente, condenado a prisión máxima e enviado a cumprir tal "estadía de inferno" en Cayenne, triste trópico da colonia francesa. Estes días renóvase, en medios republicanos e nacionalistas de Galicia, un asunto digno do dictame de Concepción Arenal.

En termos humanitarios e democráticos é lexítimo incrementar con pena de desterro a de privación de libertade estricta que lle impuxeron os tribunais a un individuo? Se un tribunal condenou a prisión unha persoa, o poder político non tén autoridade suficiente para engrosala coa de traslado do preso a un lugar distante de onde el radica.

En termos penais, o desterro, o desraízamento, o residenciamento, a limitación de movementos sobre o territorio, é unha pena universalmente admitida e executada. O "degredo" dos portugueses. Se o tribunal non sentencia esa pena, o poder político non ten o dereito de aplicala. Hai, neste momento, seis presos independentistas galegos que cumpren, día a día, o castigo que lles foi imposto en cadeas de Ocaña, Mansilla de las Mulas, Dueñas, Villabona.

Acórdanme os presos galegos de 1846 no penal de Ceuta e moitos asturianos e vascos nas cadeas de Camposancos ou Celanova. O dereito de os presos extinguiren a condena que lles foi imposta en prisións situadas no espacio vital, familiar e cultural no que vivían en libertade é, ao noso modo de ver, obvio e irrenunciábel. En caso contrario, as familias, os amigos, as persoas próximas aos presos, que non foron condenados a nada, convértense noutra sorte de penados ao teren que desprazarse lonxe das súas moradías para visitar aos seus achegados por sangue ou por afinidade política ou afectividade.

Esta columna está escrita para aplaudir a Miguel Anxo Fernán-Vello, quen, en representación do grupo parlamentario de Madrid no que se inclúe En Maré, usou, mellor ca min, dos argumentos anteditos para esixir do goberno e das institucións penitenciarias o traslado das persoas presas de ideoloxía independentista galega a cadeas españolas de Galicia.

Compartir el artículo

stats