Está rulando polas redes sociais un novo anuncio publicitario chamando ao consumo de produtos galegos etiquetados no noso idioma. Unha creación de Pio García Audiovisuais, S.L. para o Foro Peinador - Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística que en pouco menos de corenta e oito horas acadou máis de oito mil reproducións. Pódese visionar na páxina www.galeguizargalicia.com.

A mensaxe do anuncio baséase na evidencia de que o sector agroalimentario galego vive unha crise endémica que lle impide afrontar a competitividade de produtos foráneos que se comercializan nas grandes superficies con agresivas campañas publicitarias que seducen aos consumidores que non aplican o principio da discriminación positiva nas opcións de compras individuais e familiares. A insolidariedade cos nosos produtos é de tal natureza que os que así se comportan tiran pedras contra o seu propio tellado; é dicir, empobrecen o país e arruinan as noas explotacións agrarias e industrias transformadoras.

A mesma crise que vive a nosa economía agraria é semellante á marxinación da lingua galega en moitos usos sociais, que queda reducida no ichó do ámbito literario con poucas posibilidades noutros ámbitos sociais e económicos. De aí que manteñamos desde hai ben tempo a necesidade dunha alianza estratéxica entre a lingua e a economía galegas para superar a marxinación a que son sometidas tanto unha coma outra.

Unha reflexión sobre estas circunstancias fai que todos os anos nas portas do 25 de xullo, Día da Patria Galega/Día de Galicia, tan propicia á exaltación do espírito da galeguidade, insistamos na necesidade de apelar á coherencia dos celebrantes mesmo despois de rematados os mítines e concentracións. Pero para iso cómpre que as proclamas que se lancen insten aos asistentes a seren consumidores galeguizados.

O discurso da galeguidade debe ser máis pedagóxico e didáctico para que sexa interiorizado polas nosas xentes. Os galeguistas e nacionalistas de noutrora exerceron un maxisterio máis incisivo que os de agora, aleccionando eficazmente aos seus militantes. Así o fixo o Partido Galeguista que fora decantando unha postura de galeguismo económico que puña o acento na exhortación aos galegos para que consumisen preferentemente produtos galegos. "Por onde vaiades convertédevos en propagandistas incansables e fervorosos dos nosos viños, gabándoos e recramándoos no restorán a onde vaiades xantar, na taberna onde vos vexades citados e no café do que sodes clientes", dicían en 1934. "Pensade ao defender os produtos da nosa terra que estades defendendo o pan dos nosos veciños, os intereses dos nosos amigos e a gloria e a fame do noso país", dicía o Manifesto da Unión de Colleiterios do Ribeiro do Avia.

Os seus chamamentos á galeguidade dos consumidores era unha constante: "Unha patria para existir necesita contar cunha economía. Tena Galicia? Tena, aínda que moitos galegos non o saiban", afirmaban; e mesmo denunciaban as economías alleas que lle facían a guerra "coa complicidade dos propios galegos", por activa ou por pasiva.

A Federación das Mocidades Galeguistas fixeron tamén bandeira deste discurso. O que non fan, desgrazamente, hoxe as organizacións da mocidade. Nin tampouco os seus dirixentes políticos.

Defender a nosa economía e que ésta fale galego é unha obriga para todos, sexan galeguistas ou nacionalistas. A obriga tamén é lles afecta en xeral a todos os galegos que non profesen credos partidarios, se non queren empobrecer os sectores produtivos do noso país e minorizar a nosa lingua.

O Día da Patria Galega/Día de Galicia, xornada de catarse colectiva, debe ser aproveitada para poñer en práctica o exercicio dunha experiencia inédita: consumir produtos galegos etiquetados no noso idioma alí onde celebremos a xornada cos amigos ou coas familias. Unha oportunidade para demostrarlles aos fabricantes de produtos etiquetados en galego a nosa solidariedade ao tempo que penalicemos aos que aínda non incorporaron o noso idioma ás súas etiquetas.

A única política que vale é a dos feitos, a que crea conciencia galega galeguizada. Só así poderemos avanzar. O demais é falar por falar.

*Presidente do Foro E. Peinador