O 25 de xullo de 1968, despois de non poucos atrancos, o papa Paulo VI asinaba a encíclica Humanae vitae. Pasados cincuenta anos daquel feito, é o momento de achegarnos ao mesmo coa perspectiva do tempo pasado e do cambio producido na sociedade e na mesma Igrexa.

Sendo un texto que xerou no seu momento tensión, polémica e enfrontamento, neste novo tempo eclesial inaugurado polo pontificado de Francisco, quizais podemos achegarnos a el desde unha perspectiva distinta: máis pastoral que dogmática, máis sinodal que piramidal. Os textos do maxisterio non han servir para crear fendas co pobo de Deus, senón comuñón.

A celebración dos cincuenta anos da publicación suxírenos unha achega á encíclica desde unha perspectiva integradora, na que o binomio discernimento-conciencia abre camiños de acollida á hora de decidir, con criterios de racionalidade humanizadora, o como e o cando de acoller unha nova vida.

Detrás de todo o rebumbio que esta encíclica xerou, foi crecendo tamén un esforzo de reflexión desde a Teoloxía Moral renovada por propoñer -que non impoñer- unha visión da sexualidade asentada na antropoloxía da comuñón cooperativa entre o home e a muller, asentada na visión positiva e boa da sexualidade -"Viu Deus canto fixera e era de verdade moi bo" (Xen 1,31)- que foi substituíndo á proposta fixista do iusnaturalismo biolóxico anterior.

Cincuenta anos dan para moito; pero nin a sociedade nin a Igrexa, nin tampouco o papel da muller en ámbalas dúas é o mesmo que daquela. Para entender ben, desde hoxe, o que supuxo a HV, debemos partir do Concilio Vaticano II. Da constitución Lumen gentium e da Gaudium et spes. Sen elas non entenderiamos nin a encíclica nin a relectura que dela debemos facer nesta primavera eclesial da Igrexa.

A constitución sobre a Igrexa -LG- marca un cambio na maneira de entender que é e quen conforma a Igrexa, chamando a superar unha eclesioloxía piramidal e xerarquizada, e propoñendo unha visión moito máis dialóxica e participativa, de comuñón -Francisco defínea como poliédrica-. Nela o Pobo de Deus convértese, con todo o que iso supón, en alicerce da vida e da concepción da Igrexa. Ten capacidade de decisión.

O segundo texto que debemos considerar para entender a HV, é a constitución do diálogo da Igrexa co mundo, Gaudium et spes, especialmente o nº 50, onde presenta a decisión da paternidade/maternidade desde unha visión integral e integradora, na que os cónxuxes son os protagonistas da decisión en conciencia. Isto remítenos ao nº 16 do mesmo documento, que define a conciencia como o "sagrario", o lugar teolóxico onde a persoa verifica o seu encontro con Deus. De aí que mereza o maior dos respectos. A comunidade de vida e amor formada polos esposos é a que ha tomar as decisións sobre a responsabilidade de acoller unha nova vida. Nunha Igrexa pobo, son as persoas que nela participan as que toman decisións vivindo o seu ser Igrexa no construír familia cristiá, desde o Evanxeo e a palabra dos seus pastores. Asumindo ser persoas adultas, libres e responsables. Neste contexto é onde hai que buscar o humus que servirá logo para entender o que quixo ser Humanae vitae.

Recuperadas tanto a conciencia como a responsabilidade, a encíclica ve a luz despois de moitas discusións, tensións e cambios na comisión/s xurdidas ao longo do seu proceso de elaboración, incluída a escisión en dous do propio grupo de traballo.

A aparición da HV supuxo abrir unha fenda na relación maxisterio-pobo de Deus; ao que se lle engadiu unha terceira voz: a dos teólogos moralistas que, conscientes de todo o que supuxera o concilio, e nun mundo no que se ían operando sucesivos e rápidos cambios, consideraban necesaria unha mirada distinta respecto da cuestión da procreación responsable e a concepción da sexualidade nunha perspectiva moito máis personalista. Anos despois, coa publicación da exhortación postsinodal "Amoris laetitia" -asinada por Francisco o 19 de marzo de 2016, e publicada o 8 de abril do mesmo ano-, confirmarase esta hipótese.

Amoris laetitia, retomando o binomio conciencia-discernimento, sitúa, desde a chamada "hermenéutica da reforma dentro da continuidade da tradición", o novo paradigma eclesial, onde o centro está na persoa que discirne situada no contexto concreto. Non se toman decisións en abstracto, diranos Francisco. Unha decisión que, sendo persoal, ábrese ao ben común, e fai posible que as comunidades sigan a crecer desde a solidariedade ofrecida dunha maternidade/paternidade libre, responsable e feliz.

Poñendo á persoa no centro é onde hai que situar, na busca da mellor decisión, o proceso de discernimento -que non de autoxustificación-, superando calquera intento de empobrecemento autorreferencial que só busque a comodidade afín ao neoliberalismo patriarcal e económico, que superpón o ter sobre o ser. Tomar a decisión de traer unha nova vida ao mundo é froito dun proceso realizado no tempo, tendo en conta todos os demais elementos, para que esta sexa persoal, responsable, madura e libre; sen deixarse levar de presións. Así, a nova vida será froito dun amor humano, total, exclusivo, fecundo e fiel, elementos que a Humanae vitae sitúa como nutricios desa comunidade de vida e familiar.

Máis alá de polémicas, e superando tanto o camiño fácil que ofrece optar pola escravitude da lei como pola irresponsabilidade dunha sexualidade simplemente biolóxica e carnal, a encíclica invítanos a camiñar na pedagoxía dunha moral cristiá que fala desde as persoas e para as persoas, superando a tentación de calquera reducionismo. Porque a vida, agasallo e don, non é froito dunha pulsión, senón do proxecto de Deus para facernos felices.

Humanae vitae abriu un camiño que nos urxe a facer unha lectura do texto que nos axude a comprender que desde as claves do discernimento debemos facer pedagoxía na que ir crecendo para tomar decisións desde unha conciencia que imos formando, e que non deixamos que ninguén manipule. Este é o gran servizo que queremos agradecer á encíclica de Paulo VI na celebración dos seus cincuenta anos.

*Profesor de Teoloxía Moral. Instituto Teolóxico S. Xosé