O 15 de xullo de 1885 Rosalía de Castro expiraba na súa casa da Matanza, Iria, Padrón. Xohán Rodríguez da Cámara chamoulle a aquilo, e a toda a nosa patria, "Pequena Francia". Rosalía, antes de da-la ialma, pediulle aos concorrentes de abriren as fiestras da alcoba. Ela quería "ver o mar". Non foi delirio de muller desvariada polo transo. Segundo Anxo Angueira, ela falaba pola boca colectiva dos habitantes de Iria. Eles cháman-lle "mar" ao esteiro final no que o Ulla desauga na ría da Arousa. "Mar" e "río" poden ser sinónimos, ou reemprazabeis, no labirinto paralelístico das cántigas medioevais de Galicia. Otero Pedrayo explicou moi ben que o Ulla é un grande río da Nosa Terra. O segundo, despois do Miño.

Do mesmo modo que Roldán viña un paso atrás de Carlomagno e facendo par con outros grandes en honor e dignidade. A Ulloa é a terra de nacencia do río que, desde a prehistoria a hoxe, é Ulia ou Ulla. Logo dá lugar a ribeiras que son, sempre en fiminino, a Ulla. Finalmente, os do Ateneo de Catoira, nos anos cincuenta do século XX, apuxéronlle Ullán ao tramo final do río grande, Percurso que comeza onde son as pesqueiras e finaliza nos Lombos, fronteira da Ría. Isto é o que quería ver Rosalía de Castro antes de ela morrer. Se tal, o seu corazón gastadiño tamén desexaba ver pasar as velas brancas dos galións, das dornas grandes. Ao mellor non tan brancas eran coma son dentro do tópico literario. E si acastañadas coma os ollos das meniñas gaiteiras, e iso por efecto das cascas ou da condición do liño nacional-popular. Rosalía é filla do Ulla final. Aquel esteiro por onde sobe o salmón, peixe magnificente, e tamén a samborca ou sable ou sábel, ou mesmo as recortadas sabelas. Se cadra, sabía Rosalía (non había de ela saber) das lampreas e das troitas e das bogas e dos escalos, de que ben disteran os baleiros de Lestrobe. Rosa, esoutro día, no seu cabodano, recibiu en Padrón a máis nobre homenaxe, entre ben delas altas e merecidas.

A homenaxe dos mariñeiros galegos que puxeron as proas das súas embarcacións ancestrais ou simplemente antigas (dornas, gamelas, bucetas, galións, lanchas, racús?) esteiro arriba e lle foron render homenaxe a Ela. Que está sempre alí, a chamar polos mortos e os afogados e a lles dar azos ás mulleres descalciñas de pé e perna. "Non quero sapato baixo/ que se me enterra na area" - contaba unha. Os meus parabéns á Fundación, Casa, Santuario Cívico de Rosalía de Castro: Padrón, Padrón.