Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Cara Italia

Beizón a Xosé Ramón Pena que localizou para min, leitor interesadamente amnésico, as primeiras liñas de Conversaciones en la Catedral, nas que Vargas Llosa lanzou aquela frase inmortal na que alguén se pregunta "Cando foi que se fodeu o Perú?". Desde logo, aos Incas fodeunos Francisco Pizarro pero nunca estiveron moi lonxe de Vargas Llosa os que realmente están a foder o seu país e pretenden deixar reducida á nada a que antano foi pomposamente chamada "Hispanidad".

Como Pena e máis eu estamos preocupados por Italia, direilles que esta nación fodeuse ao día seguinte do fracaso dos ideais republicanos de Mazzini e Garibaldi. Murguía, o seu amigo Deus, o pintor vigués Avendaño (e mailo irmán) e deseguida Curros, adoraron o Risorgimento e apoiaron a unificación e o nacemento de Italia. Celebraban que os rexurdintes combatesen contra Austria, contra os Borbóns e contra todos os poderes reaccionarios que pexaban a unidade. Sobre todo estiveron felices de ver como a nova Italia desposuía o papa rei dos seus Estados Pontificios e quedaba reducido a arresto domiciliario. Xa explicou Marx por que Italia se frustrou ao expulsar do seu Rexurdimento a clase obreira e aceptar a monarquía. Polo que sigo dicindo que Italia xa se suicidara cando aclamou aquel Mussolini que convertiu a patria soñada nun modelo exportábel de estado totalitario. Tamén lle fixo dano a Italia a conquista de Abisinia e, moitísimo, a malleira que nós lle metemos en Guadalajara. "Como el rayo del sol exía/por Guadalfaxara", que gorxeaba a kharxa mozárabe. Italia converteuse de novo ao vaticanismo o día en que Mussolini quixo vivir verdadeiramente de xeito perigoso e lle regalou ao Papa a praza de San Pedro e outros predios valiosos. En fin, parecía revivir Italia, ao son do Bella Ciao, pero a democracia cristiá e o socialismo claudicante volveron cortarlle a respiración.

Cando se pensaba que o PCI ía arranxar as cousas, este pasouse ao outro bando e inventou o eurocomunismo, modo de comportarse contemporaneamente que na tradición marxista chamamos "oportunismo". Finalmente, cando xa non había política nin URRSS, apareceu Beppe Grillo, a conciencia de Pinocho (así escribiamos os nenos da miña rúa). Ninguén máis verboso, fato e carente de humor xenuino. Beppe Grillo do ganchete coa reacción máis dura goza do privilexio dos fondos de inversión. Pepito Grillo non acredita na loita de clases é, cando estes días o entrevistou en RT Rafael Correa, o que foi presidente de Ecuador parecía sentir vergoña. Estívolle ben por levalo ao seu programa despois de pasar por el Pepe Mujica!

Compartir el artículo

stats