Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O bispo de Ourense, Pedro de Quevedo (1776-1818)

A observación dos feitos acaecidos en Francia, mais a política expansionista republicana de compoñente xirondino e a influencia directa da ideoloxía antirrevolucionaria que emanaba dos sacerdotes franceses exiliados en Ourense, facían mela no noso bispo, que temía pola súa relixión, polo seu rei e pola súa patria porque, dicía cun indubidable ton de receo, "Pódese contar coa amizade da república francesa?" E a continuación empeza a enumerar os -para el- incumprimentos de Bonaparte co Papa en relación aos territorios pontificios e ás partidas económicas achegadas pola Igrexa. Logo dá mostras de ter un exacto e amplo coñecemento da situación europea e dos cambios relacionados coa influencia francesa, e do estado de sometemento en que quedaron os habitantes de Módena, e os venecianos e xenoveses, quen -pregúntase- "Fixéronse máis libres porque se fixeron escravos da gran nación?" (Francia). E logo comenta que tamén podería mencionar a Suíza, Nápoles ou Toscana. E insiste: "Pódese contar cunha república chea de ambición e de soberbia?". E cando termine a súa guerra con Alemaña, a súa amizade con España vaille impedir "estender cara ao occidente a súa dominación, e decretar que deben ser os termos da súa república o océano e o Mediterráneo?". As ambicións de Napoleón de dominar España, polo seu potencial humano e económico, e Portugal, pola súa alianza con Inglaterra, ponas en coñecemento de Carlos IV e dos seus ministros D. Pedro de Quevedo dez anos antes de que se pretenda materializalas.

Con non pouca retranca dille ao rei que "o bispo, señor, non intenta falar de política [...] (porque) as súas luces son curtas". E se se atreve a opinar e a advertirlle é porque "as obrigas de bispo e de vasalo, o máis fiel e recoñecido de V.M. non lle permite deixar de clamar á V.M. que teme que queira, esta república filosófica e apóstata, acabar coa relixión, co culto, coa monarquía e co trono de España. Teme (ao seu parecer xustamente) que aumenten cada día as súas pretensións [?] e que cheguen a un extremo en que non poidan xa acceder a elas; entón, minada xa a fe e a fidelidade de moitos españois fascinados cos seus escritos [?] cun exército tan pouco numeroso trasladan a España a liberdade que deron aos outros estados[?] Estes temores debería ocultalos?".

Despois despídese co protocolo habitual, pedindo ao Señor que garde "a católica real persoa de V.M. para ben da Igrexa e do Reino". Datada en Ourense, o 19 de maio de 1798 e asinada por Pedro, bispo de Ourense.

Así pois, a defensa da patria, a relixión e o trono ante a ameaza revolucionaria e anexionista francesa, que se farán evidentes en 1808 e que se xeneralizarán por practicamente todo o país, empézaas o bispo de Ourense moitos anos antes, e manifesta o seu receo e preocupación ao monarca advertíndolle que cando se espallen as novas ideas e moitos españois estean de acordo con elas (os futuros afrancesados), a "república filosófica e apóstata", cun exército non moi numeroso, pode acabar coa relixión, coa monarquía española e coa independencia do propio país, e trasladar a España -di cunha axustada e irónica dobre intención- "a liberdade que deron a outros estados".

A popularidade e o prestixio que alcanza o bispo Quevedo fai que, ás veces, Carlos IV o utilice como "reservado" conselleiro. Como cando o 6 de outubro de 1806 lle consulta sobre a conveniencia -xa que se tiña a convicción da imposibilidade da súa defensa- da emancipación de América en réxime de vasalaxe feudal con España, e de establecer cinco vicerreinados hereditarios gobernados por membros da familia real. Ademais dunhas interesantes consideracións sobre o tema, que agora non veñen ao caso, o que é rechamante é que dous anos antes dos acontecementos de maio de 1808 aproveita esta misiva ao monarca para lle dicir, nunha digresión que o bispo considera "case forzosa", que hai moitas dificultades para defender os dominios de América, pero "Están seguros os de España mesmo? Quen deterá [?] os que adulan e saúdan xa os seus admiradores como o emperador de Occidente?". As pretensións de Napoleón respecto a España, que se farán claras e manifestas en 1808, exponllas con meridiana clarividencia o noso bispo ao rei con dous anos de antelación, cando di que, unha vez que o emperador estea tranquilo pola parte do norte e mediodía de Europa, "non estenderá as súas miras ás columnas de Hércules en Cádiz; e non verá que dominando a España, o plus ultra (sic) que lle serve de brasón (América) será en todo ou en gran parte o resultado desta conquista? Poderá V.M. confiarse sen perigo en prendas de amizade, en tratados ou en seguridades de palabras? Polo menos, non esixirá que a España e a Portugal coas súas Américas sexan estados confederados ao modo dos do Rhin, e veñan a ser feudais e tributarios do seu imperio?"

Nun tempo en que ninguén sospeitaba das avesas intencións napoleónicas respecto á dinastía española, xa o bispo Quevedo avisa o monarca de cal é o obxectivo final de Bonaparte e ponlle exemplos do que tamén lle pode suceder a el. Por iso, a continuación, pregúntase: "E parará aquí? Á augusta familia de Borbón debe sempre asustarlle polos seus dereitos o trono de Francia. A ocasión de que se valeu para destronar e afastar do trono de Nápoles o augusto irmán de V.M. e toda a súa descendencia, que indica? [?] Só o de España poderá subsistir coa política, coas forzas e coa preparación necesarias dirixidas por un goberno vixiante, atento e solícito de asegurarse o amor dos pobos".

E non só fai unha correcta lectura dos propósitos de Napoleón respecto a España, das súas colonias e da súa dinastía real, senón que o insta a que, para poder sobrevivir a esta ameaza, se prepare e traballe no desenvolvemento da nación. "O estado secular esixe a maior reforma", di, e aínda que se atreve a indicar algún tema relativo á economía e á facenda, conclúe que: "os sabios e xustificados ministros de V.M. non dubido que nos achen" (as reformas necesarias). Noutro fragmento posterior ratifica quen, na súa opinión, ten a culpa de todo o que está ocorrendo, das inseguridades mentais e do acoso á relixión e dos cambios e incertezas nas monarquías e territorios establecidos no Antigo Réxime: "(?.) Non pode dubidarse de que a revolución francesa todo o trastornou e dela proveñen en gran parte os males que padecemos" .

No único momento no que o bispo parece ter algunha dúbida respecto ás intencións de Napoleón, ou coida que, na maraña de intrigas, confusións, presións políticas e, xa despois, noticias incertas de levantamentos patrióticos que ocorren desde o motín de Aranjuez do 19 de marzo é no período que vai desde o mes de abril ata finais de maio, máis en concreto, ata o 24 dese mes, data da convocatoria da xuntanza de Baiona. Ese tempo rematou coa idea de que a mellor saída, ou o mal menor, dadas as circunstancias e as presións napoleónicas tanto a Fernando como aos seus conselleiros desprazados á forza a Baiona, era a volta ó trono de Carlos IV (cousa que se coñece pola circular do Consello de Castela do 10 de maio dando conta da renuncia de Fernando VII), aínda que houbera que soportar o nomeamento de Murat como home forte no país e ás tropas francesas como garantes da amizade francesa preocupada por evitar unha guerra civil e a perda de América, como Napoleón había aconsellado interesadamente que se divulgara. Noso bispo non sabía, pois, que a estratexia de Napoleón era restablecer a Carlos IV, salvar a Godoy e desautorizar a Fernando VII mentres ofrecía o trono de España o seu irmán José, rei de Napoles, porque a vontade de Carlos IV ("olvidando por completo las más elementales normas jurídicas", sinala Artola) movíase xa só polo odio a seu fillo e polos consellos de Napoleón, e a proba é que o 2 de maio asinara unha carta na que negaba validez á abdicación de Aranxuez ("Mi abdicación es el resultado de la fuerza y la violencia") e que, de inmediato, suscribira un incrible tratado no que o seu primeiro artigo di textualmente: "El rey Carlos?ha resuelto ceder como cede por el presente a S.M. el emperador Napoleón todos sus derechos al trono de España e Indias" .

O coñecemento da renuncia de Fernando VII coincidiu có bando publicado o día 11 de maio na Coruña polo capitán xeral Francisco de Biedma (a instancias do Duque de Berg) e enviado a todas as autoridades galegas para informar dos sucesos do 2 de maio en Madrid, das terribles consecuencias que tiveron, e chamar á tranquilidade e, sobre todo, á boa harmonía cos franceses que están xa ou que poidan vir a Galicia, ameazando cos máis severos castigos para os que os ofendan . Pero non di nada do cambio de dinastía, polo que o bispo de Ourense pensaba que teríase volto á situación de antes da crise do motín de marzo e que era conveniente pacificar á poboación para que non houbera represalias lamentables por parte das forzas francesas, como había sucedido en Madrid. Isto xustifica a circular que escribiu o 17 de maio de 1808 para o clero e seculares da súa diocese a instancias do capitán xeral, moito máis cauta e menos comprometedora que a que mandaron algúns dos seus colegas, como o propio arcebispo de Santiago, Rafael Múzquiz,

Coa súa especial claridade de exposición e argumentación, D. Pedro de Quevedo comeza por lembrar, avisar e dicir ós seus lectores que existe o perigo de "destrucción y ruina" para "Gentes y Reynos" e que só pódelos librar a "misericordia del Altísimo", polo que, para aplacar a súa "Divina Justicia", é preciso "egercitarnos en obras de Religión, de Piedad y Misericordia" e multiplicar as oracións para atraer su protección "para todos los Dominios de España, para nuestros Piadosos y Católicos Monarcas, para toda la familia Real y para nosotros mismos". Así pois, advirte que pódense producir acontecementos graves para o país, os seus territorios e as súas xentes, como ten ocorrido noutras épocas, e que os monarcas precisan axuda de todos, aínda que na súa mentalidade cristiá e providencialista a máis importante sexa a divina.

Despois apela á caridade, que "es la divisa del Cristianismo" e a que nos fai "amar a nuestros Proximos, y aun nuestros enemigos", para aplicala aos soldados franceses ós que hai que considerar como hóspedes "conforme a las intenciones del Rey y del Gobierno: y pende de esto la Paz, la tranquilidad?del Estado, y de cada uno de los que lo componen". Logo alude explicitamente a Fernando VII, que sacrifica todo e renuncia a todos os seus dereitos a favor do seu pai Carlos IV, polo "bien común de todos sus Basallos? que volviendo a ser Rey apenas reserva sino el nombre; (porque) deja el Govierno de sus Reinos, la suerte de sus Dominios, y Basallos en las de un Principe (Murat), hechura suya formado asu modelo, unido con èl (Napoleón) por los lazos dela sangre". Isto é, a D. Pedro ninguén lle dixo que se produxera un cambio de dinastía, polo que esta situación lle pareceu unha volta atrás, e o único salientable era que o goberno do reino (como antes ocorrera con Godoy) agora estaba nas mans francesas.

De todos os xeitos, nas liñas seguintes Quevedo amosa certa desconfianza e temor ó sinalar que as sospeitas de que poda existir unha estratexia conspirativa non poden ser certas, porque "estos hechos tan extraordinarios? son capaces de hacer huir muy lejos todos los recelos de una astucia.. de afianzar la confianza, y desterrar los temores que por otra parte podían inspirar. Un Emperador grande, que se precia de Justo?sería capaz de burlar las esperanzas de las Augustas y R.s Personas, que han contado tanto con su amistad?y su buena fee? Los artificios, la doblez, el engaño, y la mala fee, no pueden caver en espiritus elevados, magnanimos, sinceros, y generosos". Así, pois, o noso bispo quere expor ós seus feligreses que non pode ser que o Emperador, que é un grande home e que se di "Protector" dos reis, esté a maquinar un troco ó seu favor no trono de España, aínda que, como soe dicirse, denota nas súas verbas que está ca "mosca detrás da orella".

E remata esta circular lembrando que todo ocorre porque así o quere a Providencia, que non se deixen perturbar e se dediquen a traballar nas súas ocupacións e, aínda que tampouco fai referencia algunha aos recentes acontecementos do dous de maio madrileño, si parece que veladamente están implícitos cando aconsella que "no deis oidos á banos rumores, ni tengais una curiosidad, que impida la tranquilidad de vuestro espíritu",

O 24 de maio publicouse na Gaceta de Madrid a convocatoria da reunión de Baiona que se celebraría o día 15 de xuño "para tratar alí da felicidade de toda España, recoñecer todos os males que o anterior sistema ocasionou, e as reformas e remedios máis convenientes", como rezaba o texto. Por razóns ideolóxicas e por fidelidade aos Borbóns, pero sobre todo polo masivo levantamento que xa se estaba producindo nas provincias, a maior parte dos designados escusaron a súa participación, e houbo que buscar novos deputados e repartir credenciais aos españois que estaban en Baiona; reuníronse ao final o día da apertura 65 deputados que alcanzarían a cifra de 91 o 7 de xullo, data da clausura da Asemblea. Segundo Sanz Cid , dos 50 deputados que correspondían ao estamento do clero acudiron 16, e dos 24 representantes das cidades con voto en Cortes, só a metade.

A máis soada destas ausencias foi a do bispo de Ourense, D. Pedro de Quevedo, polos razoamentos que expuña na súa renuncia e a publicidade que se fixo dela. Pode ser que o noso bispo aceptase ideoloxicamente o corporativismo do Antigo Réxime reflectido na organización institucional que proclama o texto de Baiona, a confesionalidade católica do Estado e aínda ata o pragmatismo napoleónico, pero de ningún xeito os principios liberais e a declaración de dereitos individuais, o que suporía unha profunda transformación da organización social (superación de privilexios, liberdade persoal, inviolabilidade do domicilio, liberdade de imprenta etc.) nin, por suposto, o cambio de dinastía.

Na carta de renuncia á Asemblea ou Deputación Xeral que se ía reunir en Baiona, dirixida á Xunta de Goberno e datada o 29 de maio de 1808, e que é contestación á que lle remitiron o día 19 comunicándolle o seu nomeamento, o noso bispo empeza xustificando a súa ausencia en virtude da súa avanzada idade (73 anos) e "unha indisposición actual" que lle impide unha viaxe tan longa (naturalmente son escusas, porque dous anos despois, e polo tanto máis vello, foi a Cádiz a presidir a rexencia do Reino e a participar nas sesións das Cortes). A pesar diso, polo interese da nación e os designios do emperador e rei (de Italia) tómase a liberdade de facer presente o que "diría e protestaría na Asemblea de Baiona, se puidese concorrer a ela".

E ben que o dixo e protestou, porque a importancia fundamental desta carta dirixida a D. Sebastián Piñuela, secretario da Xunta de Goberno, é que por vez primeira -que eu saiba- maniféstanse argumentos e razoamentos de tipo patriótico e ideolóxico que se esgrimirán a partir de entón e que se plasmarán en moitos escritos e periódicos posteriores (Diario de Santiago e Diario de La Coruña, por exemplo) e en moitas das proclamas e manifestacións diversas das xuntas de defensa que se empezan a crear neses últimos días de maio por todo o territorio nacional por impulso dos movementos e levantamentos populares. O contido esencial desta é o seguinte:

1) Nega, xa de entrada, as atribucións legais que poida ter Napoleón para influír na política da nación e para propor unha solución "aos males de España", porque non ten capacidade xurídica nin política. "Trátase -di- de mellorar a sorte da nación e a monarquía: pero [?] hai medio aprobado e autoridade firme e recoñecida pola nación para isto?"

2) E quen a ten, que é a familia real española, atópase internada e presa en Francia, lonxe dos seus dominios, nun territorio onde os seus parentes ("a primeira rama", di o bispo -Luís XVI e a súa esposa-) foron eliminados pola "violencia dunha revolución insensata e sanguinaria".

3) Logo cuestiona a validez das renuncias, porque non se fixeron libremente senón forzadas e rodeadas de presións e forzas e sen o consello dos seus asesores. Polo tanto, non se fixeron como un común acto hereditario familiar, senón que "resultan sospeitosas a toda a nación [?] e delas pende toda a autoridade de que xustamente pode facer uso o emperador e rei" e, esixirían, para que tivesen validez, que se ratificasen estando os reis e infantes que as fixeron libres de toda coacción e temor".

4) Quevedo propón que os monarcas e a súa familia sexan devoltos a España, que se convoquen logo Cortes Xerais e que a nación mesma, "coa independencia e soberanía que lle compete, procedese a recoñecer polo seu lexítimo rei o que a natureza, o dereito e as circunstancias chamasen ao trono español". Levar adiante este plan cubriría de gloria o "moderado, xusto, magnánimo, benéfico Napoleón o Grande" (intencionadamente eloxia con adxectivos favorables a Bonaparte).

5) Nótese que nada se di, como fiel vasalo que é, da debilidade e indignidade dos Borbóns por aceptar esta trampa e deixar a Napoleón como árbitro dos preitos monárquicos españois. Nin tampouco da submisión para aceptar as súas imposicións con actitudes máis ben servís.

6) Despois, abertamente, tamén por vez primeira, tacha a Napoleón como un opresor dos monarcas e da nación española, á que ten escrava pola violencia e a forza dun potente exército "que foi admitido como amigo, ou por indiscreción e timidez ou seica por unha vil traizón".

7) E logo pregunta, quen fixo tenente gobernador do Reino o duque de Berg? (Murat). Non se fixo o nomeamento en Baiona de Francia por un rei que está "en mans -di- de lados imperioso (é dicir, presionado) pola forza e o poder?". E logo segue mostrando de xeito sarcástico a incongruencia "e artificiosa quimera" de nomear por tenente do seu reino a un xeneral que manda un exército que o ameaza "con renunciar inmediatamente a súa coroa?"

8) Outro argumento que se vai a utilizar despois, no discurso patriótico, é a denuncia da xogada de Napoleón co débil rei español, cando insinúa a súa sospeita de que "só quixo volver ao trono Carlos IV para quitarllo aos seus fillos?" Termina este parágrafo dicindo que nin en España, nin en toda Europa, hai unha persoa sincera que non estea escandalizada por estes "actos extraordinarios e sospeitosos, por non dicir máis".

9) E por se non quedase todo claro, escribe unha especie de conclusión e resumo en que afirma que "a nación vese como sen rei, e (claro) non sabe a que aterse". As renuncias (volve insistir) dos seus reis e o nomeamento de Murat fixéronse en Francia e polas presións dun Emperador que se empeñou (di con indubidable sorna) en facer "feliz a España e darlle unha nova dinastía" porque a actual é incapaz de producir príncipes cos mesmos talentos que a familia do (e outra sarta de epítetos) "invencible, o vitorioso, o lexislador, o filósofo, o grande emperador Napoleón". E a todo isto -di- "a Suprema Xunta de Goberno sen liberdade, e o mesmo sucédelles aos conselleiros e aos tribunais da corte".

10) En consecuencia, ante esta situación exclama: "Que confusión! Que caos e que manancial de desgrazas para España!". Esta confusión non a pode evitar unha asemblea convocada fóra do Reino e cuns membros que non teñen liberdade, nin (en expresión moi galega) "aínda téndoa, crerse que a tivesen".

E por riba, se aos "movementos tumultuosos que poden temerse dentro do reino (que xa se estaban producindo) se xuntasen pretensións de príncipes e potencias estrañas, socorros ofrecidos ou solicitados e tropas que veñan a combater dentro do seu seo contra os franceses e o partido que os siga, que desolación e que escena poderá concibirse máis lamentable?" Por iso, manifesta, esta proposta de Napoleón poderá (á nación) "antes que curala, causarlle os maiores desastres".

11) E termina pedindo que estas reflexións e temores se fagan á Xunta Suprema e ao propio emperador, do que espera que, recoñecendo que "non pode estar a saúde de España en escravizala, non se empeñe en curala encadeándoa, porque non está tola nin furiosa". Establézase primeiro unha autoridade lexítima e trátese logo de curala".

12) Logo segue a despedida coas consideracións de amor á patria, afecto á augusta familia real e respecto a Napoleón. É a data do 29 de maio de 1808.

Esta misiva, que o bispo Quevedo eleva a Napoleón a través da Xunta Suprema de Goberno, en que rexeita a legalidade da actuación napoleónica e cuestiona as súas pretensións e os medios utilizados, vai provocar un terremoto político de grande envergadura nuns momentos en que todo o país se estaba levantando en armas, e convertérase no factor decisivo, xunto coa súa actividade antifrancesa e a súa pertenza á Xunta Superior de Galicia, para a súa elevación política posterior ao ser nomeado con gran consenso presidente da rexencia, o máis alto cargo neses momentos da política nacional.

O propio conde de Toreno, co que o noso bispo discutiría reiteradamente, reflicte a impresión profundísima e duradeira que o escrito do prelado produciu en España, o que lle conferiu unha clamorosa popularidade e de que se fixeron numerosísimas copias impresas e manuscritas que circulaban por todo o país. Textualmente chegará a dicir que "quen avantaxou a todos en resistencia foi o reverendo bispo de Orense, don Pedro de Quevedo e Quintano. A contestación deste prelado ao chamamento de Baiona, obra sinalada de patriotismo, uniu á solidez das razóns un atrevemento ata entón descoñecido para Napoleón e para os seus secuaces [?] Como no seu contido sentaron as doutrinas máis sas e os argumentos máis convincentes a favor dos dereitos da nación e da dinastía reinante, recomendamos moi particularmente a lectura de tan importante documento, do cal a letra inserimos en nota aparte [?] Así foi como aquela contestación penetrou moi alá en todos os corazóns, causando impresión profundísima e duradeira?" .

A edición e difusión desta carta foi inmediata e xeral, como pode apreciarse no Diario de Santiago que, no número 4, do 6 de xuño de 1808, fala das novas que chegaron de Ourense o día 3 e de que "los estrechos límites de este diario no nos permiten por ahora [?] dar un extracto de la admirable respuesta que el Ilmo. prelado dió a la Junta Gubernativa de Madrid, en la que se excusa para no asistir a la Junta de Baiona: es una carta digna de los Atanasios y Crisóstomos: se está imprimiendo a toda prisa en la casa de Aguayo" .

Da importancia e divulgación -mesmo internacional- desta carta dá conta tamén o Diario de La Coruña o 12 de xullo de 1808 ao insertar a noticia de que dos "Gazetas inglesas, el Staar, o Estrella, (sic) y el Correo de Londres (sic), ambas con fecha 30 de junio" publicaban literalmente o texto do bispo de Ourense . E o mesmo indica a nota de correccións duns irrelevantes erros que poucos días despois, o 24 dese mes, doutra misiva asinada o día 20 (nótese a cercanía das datas) polo bispo e mandada publicar "por orden del Reyno" (a Xunta Suprema da Coruña) .

Esta nova carta , de tons e argumentos patrióticos e antinapoleónicos, é a que lle dirixe o bispo de Ourense o 20 de xullo de 1808 ao Supremo Consello de Castela, en que contesta á que recibira do seu secretario D. Bartolomeu Muñoz, asinada o 11 de xuño, en que o informaba do nomeamento que Napoleón fixera do seu irmán José, rei de Nápoles, como rei de España e das Indias o día 6 de xuño, e inseríase a xustificación deste en que era necesario terminar xa o interregno en que estaba sumido o país. Tamén se encargaba que se publicase a devandita proclamación de forma axeitada.

O noso bispo non vai deixar pasar a ocasión para dicirlles ao emperador, ás máis altas institucións españolas e ao pobo en xeral, como di nesta carta, que se divulgará tamén escrita por todo o país, e na de Baiona, que todo o que se está a facer "carece de fundamento e de solidez, polo que non poderá xamais subsistir". Lembra que os inconvenientes desta tentativa xa os presentou na carta que enviou á Xunta de Goberno en que renuncia á súa asistencia ao congreso de Baiona, "e como esta se imprimiu sen noticia miña [?] non é necesario, ao facela tan pública, repetila aquí". Pero non só os repite, senón que os amplía. De entrada xa di que todo o que se acordou e aprobou en Baiona é nulo "pola falta de liberdade dos dous reis", pola violencia usada para provocar as renuncias ao trono, "e polo ningún concurso da nación, a máis interesada en actos desta natureza".

E logo volve dicir a Napoleón como se deben facer as cousas para que teñan validez e sexan asumidas polo pobo español. A solución é que volvan os reis e a familia real "para que libres en España e en cortes xerais dos seus reinos fixesen o que lles parecese e a nación deliberase, e tivese polo seu rei lexítimo a quen nas circunstancias a natureza e o dereito chamasen ao trono español".

Se non se fai así o bispo prognostica unha guerra "funestísima" de incalculables consecuencias, e os seus temores xa se empezaron a verificar coa alarma de case todas as provincias, e "a nación enteira (está) xustamente indignada polo que se fixo cos seus reis e infantes e polo que se proxectaba contra ela, (e) non é xa unha nación aliada e amiga do goberno francés, que compra a paz e a aparente amizade co diñeiro [?] (senón que) é unha nación armada e inimiga declarada".

E toda a súa vea patriótica sae en termos categóricos cando lle di a Napoleón que o que non conseguiu cunha "política fraudulenta" non o intente coa forza porque, ameaza o bispo, "a España sería o túmulo de case todos os conquistadores e quizais do propio Napoleón: e non poderá este, aínda sobrevivindo, dominar español ningún, e quedarán todos sepultados antes entre as ruínas da súa patria".

Napoleón debía estar asombrado polo atrevemento, pola insubmisión e polo fervor patriótico deste bispo de afastada e pequena diocese ao que sen dúbida non debía dar moita importancia.

Outro argumento que discute é ese suposto baleiro de poder ou "interregno imaxinario" -chámalle o prelado- que alega Napoleón para xustificar o cambio dinástico; porque cando Fernando VII pasou a Baiona "pensando atopar un protector e amigo verdadeiro no emperador Napoleón, estaba recoñecido por toda España polo seu lexítimo monarca". E se o Consello de Castela e a Suprema Xunta de Goberno tiñan autoridade era porque emanaba do poder de Fernando VII. "Quen pois fixo cesar este reinado? El subsiste sen dúbida contra todas as actas de Baiona e de Burdeos". E a forza e as "argucias" do emperador e dos conselleiros de Carlos IV "non poden facelas lexítimas, e a España míraas con horror". Polo tanto, non é "o interregno o que se debe facer cesar". O que esixen a xustiza, a boa fe e a magnanimidade de Napoleón "é que faga cesar a opresión e o estado infeliz en que puxo a Fernando VII, que lle restitúa o seu reino, que o ama e está armado e resolto a soster a súa causa, empeñados todos os seus vasallos en sacrificaren por ela os máis preciosos intereses e derramaren todo o seu sangue".

O número 1 de El Patriota Compostelano do 16 de xullo de 1808 recollería axustadamente esta idea cando di sen paliativos que "Quando peligra la Patria no hay medios que no deban usarse para su libertad" .

Logo adula a Napoleón por se cambiase de opinión e fixese caso ás súas observacións, porque é "propio dun sabio mudar de consello recoñecido o erro". E nunha formulación que logo seguirá a historiografía nacionalista ao longo do século XIX, D. Pedro de Quevedo argumenta que Carlos IV, como calquera rei, non ten máis dereito ao trono español que o da herdanza e a transmisión pola súa descendencia, e non pode renunciar e traspasar a coroa de España a Napoleón privando deses dereitos, non só os seus fillos, senón os seus irmáns e a outros membros da familia real. Aínda que esta renuncia fose voluntaria, que non o é, non tería valor. Polo que de nada serve que Napoleón, á súa vez, renuncie aos seus dereitos a favor do seu irmán José, porque "é indubidable que ningún tivo xamais, nin ten, a coroa de España. Só podería e pode ter os da forza", que é a que usou para lograr as renuncias de Carlos IV e Fernando VII coa "entrada de máis de cen mil homes no reino, pola ocupación de prazas fronteirizas e pola astucia e circunvención". Textualmente dirá:

"Nas propias renuncias e na carta do Sr. rei D. Carlos IV como na exhortación dos infantes, áchanse probas incontrastables da violencia. Carlos IV confesa que se viu como sorprendido e receoso dos designios hostís do emperador Napoleón cando as súas tropas se dirixiron cara á corte, [?] (e) dille ao seu fillo, o Sr. D. Fernando VII, que non podía xa ser rei de España, porque as tropas francesas a ocupaban, e díxolle o gran Napoleón que non o recoñecería xamais por rei de España: e exhórtase aos españois a que se suxeiten á vontade do emperador para escusar o sangue que se derramaría doutra sorte, e pola dificultade de resistirse. O amor dos seus vasalos e o desexo de evitar os seus males move ás renuncias, e é toda a causa delas. Pero os males que se temen, de onde poden vir senón da forza armada de Napoleón en España, e do seu empeño en pór a coroa nas tempas do seu irmán, rei de Nápoles [?]?"

Para que se entenda mellor o atropelo político e xurídico que, en opinión do bispo, se ía cometer cos Borbóns españois pon logo como exemplo a mesmísima dinastía bonapartista e a nación veciña. Se un herdeiro do Imperio, pola súa propia vontade ("sen a autoridade ou consentimento da nación francesa", advirte) renunciase á coroa imperial nun príncipe doutra casa ou "noutra persoa estraña", "a Francia debería recoñecelo e someterse a el?". A Quevedo parécelle evidente que as pretensións de Napoleón "á coroa de España e a renuncia de tales dereitos no seu irmán non é senón unha clarísima usurpación violenta dos xustos e lexítimos dereitos dos verdadeiros herdeiros". Se isto puidese ser así "non habería outra constitución que a vontade dos sucesores, porque cada emperador e cada rei podería, por renuncia ou testamento, pasar a coroa a quen quixese, e non sería hereditaria senón electiva". Exposto o problema nestes termos "a España, podendo resistir unha dominación inxusta, debendo ser fiel aos seus reis, xurándolle a Fernando VII, príncipe de Asturias, herdeiro da coroa, e recoñecéndoo despois polo seu lexítimo rei, abandonaríao agora para compracer o emperador Napoleón? [...] e deberíase xulgar feliz porque este lle dese por rei un irmán seu [...]?"

Termina a carta D. Pedro de Quevedo cos arrestos suficientes, non só para aconsellar ao Supremo Consello de Castela que faga presente todo o dito anteriormente ao emperador Napoleón e ao seu irmán José, senón tamén para ameazar o mesmísimo Napoleón advertíndolle que todas as cousas teñen un final e o seu pode ser España. "Un emperador invencible e afortunado ata agora pode achegarse a un termo infelicísimo e inesperado". Napoleón debía estar moi sorprendido de que nos momentos máis gloriosos do seu poder e influencia, un bispo español de modesta diocese pero de recio carácter patriótico e formación máis que notable, lle adiantase o principio das súas dificultades e a súa non moi afastada derrota. Para que iso non ocorra, o bispo, con gran dose de valor e non pouca desenvoltura, dille que "dea antes a paz á España, (e) se contente cos loureiros que o adornan", porque ten un inimigo moi poderoso e invencible que pode acabar con el usando a España como instrumento, porque "o único Señor, o que puxo termos ao mar, e obriga as súas soberbias ondas a que se suxeiten e desfagan na praia e cedan ás areas, non o porá as vitorias e conquistas de Napoleón? Non podería ser a España a escolma que causase o seu naufraxio?

E remata cunha sentenza latina referida tamén ao mar pero de aplicación ao que lle pode ocorrer ao emperador se se empeña en seguir adiante cos seus plans respecto de España. Dille: Husque huc venies et non procedes amplius, hic confringes tumentes fluctus tuos. Que quere dicir: ata aquí virás e non avanzarás máis, aquí romperás as túas soberbias ondas.

Esta carta, xunto coa que escribira a Carlos IV en 1796 onde lle predicía os designios de Napoleón sobre España, vendíanse por todo o país ao prezo dun real. En Santiago na libraría de Rey Romero.

Tal foi a incidencia destes escritos, e especialmente a carta-renuncia á Asemblea de Baiona, que o propio Cabarrús, naquel momento ministro de José Bonaparte, viuse na obriga de escribirlle o 8 de setembro para contrarrestar os argumentos do bispo, intentar convencelo da bondade do plan napoleónico e divulgar, polos mesmos medios, as vantaxes das reformas e do cambio de dinastía. Ambas as cartas son como o anverso e o reverso dunha mesma moeda, a sociedade dirixente española dividida entre unha actitude reformista que pasaba polo cambio dinástico e outra defensora do absolutismo borbónico e o statu quo institucional, e a través de ambas as caras albíscanse as posicións antagónicas do pensamento reaccionario e patriótico por unha banda, e do liberal e afrancesado por outro. Quizais as "dúas tristemente famosas Españas" que xearon o corazón dos españois repetidas veces teñen, non sei se o seu nacemento pero, seguramente, a súa primeira expresión nestas dúas epístolas.

Nesta carta ao bispo de Ourense, que coincide con outra enviada nesas datas a Jovellanos e que está recollida por Sánchez Agesta, o propio Conde de Cabarrús resume o seu pensamento ao dicir que "se trata hoxe de optar entre a guerra ou a paz. Entre a conquista ou a constitución. Entre as Indias ou España, pois quero supor que as primeiras se perdan. Entre un príncipe sagaz, ilustrado, xusto e bo, ou a anarquía". E propón ao noso bispo Quevedo que por Deus, a relixión, a patria e a humanidade "tome da súa conta, tome logo estes sacros intereses" (?), que a súa voz "resoe por todas partes, e a oian os pobos". E cunha declaración de confianza cara a José Bonaparte e unha cortés despedida termina a carta, datada en Vitoria o 8 de setembro de 1808.

Non sabemos se o bispo lle respondeu, pero si podemos aventurar que foi Quevedo, coa súa actitude -primeiro respecto de Baiona e logo, máis tarde, durante as Cortes de Cádiz- e os seus escritos, un dos primeiros defensores do pensamento realista e antiliberal e divulgador principal do patriotismo nacionalista español. Está xa suficientemente estudada a procedencia e difusión da ideoloxía liberal en España en xeral, e en Galicia en particular, e tamén sabemos agora que a ideoloxía antirrevolucionaria e reaccionaria procede tamén do mesmo país: Francia.

No caso do bispo de Ourense, D. Pedro de Quevedo, a súa ideoloxía e actitude respecto do que puidese provir da nación veciña estaba profundamente mediatizada polas informacións, opinións e escritos dos numerosos clérigos franceses que, fuxindo da revolución ou deportados por se negar a xurar a Constitución Civil do clero (12 de xullo de 1790), van atopar asilo e refuxio nesta diocese galega, e van ser recibidos como hóspedes honorabilísimos que personifican a persecución á doutrina de Xesucristo por parte dos peores e máis malvados membros da especie humana: "os franceses republicanos, ateístas e rexicidas" . Polo menos 328 clérigos procedentes das dioceses do oeste de Francia (desde Bretaña ata Baiona), as zonas más antirrevolucionarias (a Vandée e a Chouannerie bretona), habitaron en Ourense entre 1792 e 1801, ano da firma do concordato entre Napoleón e Pío VII . O máis famoso de todos eles foi Alexandre François de Louriziéres Thémines, exbispo de Blois, que foi expulsado da súa sede en 1791, chega a Ourense en 1793 e vive no palacio episcopal ourensán ata 1806 en que, pola inquietude que provocaban as súas pastorais e escritos reaccionarios, é recluído no convento do Bon Xesús da Limia (Trandeiras) ata 1808 en que, aproveitando a conxuntura bélica, o bispo Quevedo consegue da Xunta do Reino de Galicia (da que é membro) que sexa liberado. Morreu en 1829 logo de provocar un cisma na Igrexa coa creación da Petit Eglise, movemento reaccionario de sacerdotes sen apenas fieis nas súas filas .

Non é de estrañar que con estes antecedentes vitais e ideolóxicos, co coñecemento de primeira man dos horrores e das negativas transformacións que para a Igrexa se produciron en Francia, mais as descaradas intencións de Napoleón de cambiar a dinastía española como paso fundamental para alcanzar o seu obxectivo de imperio occidental e pechar o bloqueo a Inglaterra coa toma de Portugal, o bispo Quevedo transformárase en 1808 nun dos elementos máis sobresalientes dos defensores de "Deus, a patria e o rei", e, consecuentemente, non acudise á chamada de Baiona. O importante non foi iso, porque outros moitos fixeron coma el. A importancia radica en que foi o primeiro que a través da súa famosa carta de renuncia expuxo os argumentos e razóns (ampla e rapidamente difundidos) que serán despois esgrimidos polo movemento patriótico antifrancés, tanto do reaccionario como do liberal .

Un dos exemplos máis claros da súa influencia e difusión van ser os dous diarios bicentenarios decanos da prensa galega. O día seguinte de saír do prelo o Diario de Santiago, o 2 de xuño de 1808, xa coñece a carta de renuncia a Baiona do bispo ourensán, porque dirá -practicamente nos mesmos termos que Quevedo- que a Xunta Gobernativa desa cidade abriu unha subscrición "para la defensa de la Religión, de la Patria, del honor y nombre Español" . O Diario de La Coruña inclúe unha nota o día 24 de xullo que di que a Xunta Suprema de Galicia ("o Reyno", di o periódico) mandou publicar a carta do Ilmo. Sr. bispo de Orense en que respondía á que se lle remitiu por parte do secretario do consello D. Bartolomé Muñoz, e onde lle notificaba a designación de José Bonaparte como rei de España .

Tamén tivo unha actuación relevante antifrancesa presidindo a Xunta de Defensa de Ourense, participando na da Suprema de Galicia, formando a de Lobeira, (que levantaría un reximiento militar que tivo participacións bélicas encomiables), aportando cantidades moi importantes de diñeiro, instando o seu clero e fieis á participación activa na contenda, etc., ata que os exércitos franceses mandados por Soult y Ney foron expulsados de Galicia a mediados de 1809.

Todo isto lle deu tal fama que, coando a Xunta Central Suprema crea en Cádiz, a finais de xaneiro de 1810, o Consello de Rexencia que vaille sustituir, Quevedo é nomeado Vocal primeiro y despois Presidente, polo que tivo que desprazarse á cidade gaditana chegando a últimos de maio. En seguida fixo renuncia dese cargo, o mesmo que de Diputado, (había sido nomeado por su provincia de Extremadura), pola súa disconformidade con las decisións que estaban tomando as Cortes, especialmente a súa asunción da soberanía nacional. Su non aceptación custoulle un oprobioso arresto domiciliario desde principios de outubro ata febreiro de 1811.

De volta a Ourense en marzo, ó ano seguinte ía ter outro problema có xuramento de gardar e facer gardar a Constitución aprobada o 19 de marzo de 1812. Publicada en Ourense catro meses despois con gran solemnidade e boato, o bispo Quevedo resistiuse ó xuramento se non o facía con determinadas xustificacións. O Goberno non podía permitir unha negativa dun personaxe tan coñecido ó que moitos poderían imitar e ditou unha orde de extradición que cumpliu dun xeito certamente singular, pois a principios de setembro marchou ó pequeno pobo de Turey, que está na fronteira portuguesa pero que curiosamente pertence á dioceses ourensán, con o que o prelado puido seguir desde alí gobernando o seu territorio. Nesta parroquia escribiu -e logo publicou- o seu famoso Manifiesto a la Nación española no que fai unha longa exposición das súas ideas e da súa postura.

Coa chegada de Fernando VII as súas tribulacións acabaron e se sucederon as satisfaccións. Ofrecéuselle o arcebispado de Sevilla e por segunda vez renunciu ( tampouco tiña aceptado o cargo de Inquisidor Xeneral), despois condecoróuselle coa Gran Cruz de Carlos III e, finalmente, alcanzou o Capelo Cardinalicio, sendo investido o 19 de novembro de 1816. Faleceu o 28 de marzo de 1818 e os seus restos descansan nun notable panteón construído en Italia e levantado en 1833 na capela do Presbiterio ó lado do Evanxelio.

Compartir el artículo

stats