Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

O spleen do príncipe Neymar

Como, sen dúbida, han de coñecer moi ben bastantes/todos (d)os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais -e que hoxe se despiden deica setembro; que teñan Vdes. un moi feliz verán-, acontece que, pronunciado/escrito na forma que empregan aló por Mogi das Cruzes, estado de São Paulo,o noso "mermão" Neymar da Silva Santos Júnior "achou um saco", "o bagulho ficou doido" en Rusia e a "parada" aquela do futebol "deu ruim." Traducido para esta beira do Atlántico, sucede, daquela, que o noso ghicho anda talmente aborrecido, chateado, amuado... a mergullar por completo no fastío e mais a postración sen límites: o que se di, toda unha desfeita. E é que por máis que sinale confíar na bondade divina -"tenho certeza que Deus me dará força suficiente para enfrentar qualquer coisa"-, o astro brasileiro semella atravesar horas moi baixas e así o fixo saber, as redes sociais polo medio, urbi et orbi: "Difícil encontrar forças para querer voltar a jogar futebol." Xa que logo, e despois daqueles de Lionel Messi, CR7, a España de Hierro e mais a todopoderosa Deustchland über alles, estamos, pois, diante doutro solpor mundialista?

"Los suspiros se escapan de su boca de fresa/que ha perdido la risa,/que ha perdido el color". Como esoutra alteza que deseñara Rubén Darío - "la princesa está triste. ¿Qué tendrá la princesa?"- así mesmo o príncipe Neymar semella padecer melancolía. Trátase, entón, daquilo mesmo que a literatura romántica e, logo desta e singularmente, Charles-Pierre Baudelaire foi popularizar como "spleen"; isto é, esa angustia vital que aflixe, acora, consome... e que, finalmente, irrita, desacouga e remata por confundir a vontade: "¡Pobrecita princesa de los ojos azules!/Está presa en sus oros, está presa en sus tules,/en la jaula de mármol del palacio real." Así as cousas, como ha de poder retornar á disciplina, e mais á fria cidade, do PSG?

Un tanto esgumiado si que andaba ás veces o seu compatriota José Roberto Gama de Oliveira, "Bebeto", pola Coruña adiante; para convencelo de fichar polo Deportivo, seica Augusto César Lendoiro lle fora espetar ao baiano algo así como: "vente para Riazor, Bebetiño, que aquilo é como Copacabana, pero en máis pequeno". Iso si: esqueceu, prudente e moi oportunamente, o mandatario dos brancoazuis explicarlle ao crack que nin a temperatura do ambiente nin, desde logo, a das augas tiñan moito que ver en ambas as ribeiras do océano. Mais con todo, Bebeto triunfou, marcou moitos goles e, segundo o seu propio relato, foi feliz e fixo feliz á xente: "Ali, n´A Corunha e graças a Jesus Cristo, eu fiz história, marquei época no clube. (...) O povo tinha um reconhecimento muito grande por mim. Fui para passar três anos, mas por tudo isso passei cinco." Mauro Silva, Rivaldo, Roberto Carlos..., eles tamén deron coa fórmula máxica. Estamos a falar desa mesma que reflectían os ollos e mais a boca de Ronaldo de Assis Moreira, Ronaldinho, durante os seus marabillosos anos no F.C. Barcelona: gozar xogando, desde logo, pero ben antes que iso, xogar para facer gozar os siareiros.

Non lle explicaron cumpridamente -ou el non soubo/non quixo aprendelo- as regras do oficio ao príncipe Neymar. O que é peor aínda, tal parece mesmo que nin sequera lle foron ensinar -nin el prestou a debida atención ao asunto- que se trataba, e que se trata, diso mesmo: dun choio, dun labor, dunha ocupación profesional. Antes ben, o "NeyMonstro" pisou, e pisa, os estadios arreo convencido de que podía/pode moi perfectamente ocupar os noventa minutos de cada xogo a elaborar "lambrettas", "gambetas", "bicicletas", "foquinhas", "rabonas" e caneos e frivolités mil con absoluta independencia do resultado -a favor, en contra, igualados-, do estado de ánimo do público e sobre todo para alén do humor/falta de humor dos defensas contrarios. Narcisista en estado puro; engaiolado tal e como se levase diante de si mesmo un espello perenne; soñando sempre o seu propio soño... o príncipe Neymar devén, daquela, abraiado cando os seus acaban derrotados: unha eventualidade que non sequera se lle pasara pola cabeza, convencidísimo como está de que o seu dominio do "jogo bonito" -o Camp Nou, o Parc des Princes non veñen ser outra cousa, para el, que o prolongamento dos areais de Santos- ha de resultar un episodio máis que suficiente para atinxir todas as glorias. Pero non.

Aloumiñado, afagado... adulado sen pudor, o noso protagonista vén de descubrir, de súpeto, a amarga lección do fel. Incapaz para cola de león, nin aturou a sombra de Messi nin admitirá un lugar baixo esoutra de CR7. Xa que logo, alguén o irá despertar do feitizo?

Compartir el artículo

stats