Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

OS CAMIÑOS DA VIDA

Xosé Luis Méndez Ferrín

As cores do Románico

Aínda, eu, de neno, ouvín decer que o Cristo de Vilanova dos Infantes era de estilo bizantino. Axiña, a denominación "románico" terminou de universalizarse. Pero non estaban errados os que identificaban arte románico e arte bizantina. Nin xenética nin visualmente errados. Un templo bizantino está cheo de cor e luminosidade plástica. Chegou así a nós debido a que os bizantinos non estiveron nunca pintados, senón ilustrados con mosaico resistente ao paso do tempo. Polo contrario, as construccións eran policromadas con pinturas menos resistentes ao clima e ao deterioro da idade.

Case só queda pintura románica nas igrexiñas pirenaicas; por razóns de abandono, digo eu. Houbo un tempo en que as igrexas medievais foron caleadas de riba a abaixo. Segundo un rumor erudito, iso ocorreu por medo ás pestes. Atribuíanlle ao cal, propiedades e valor desinfectantes. Eu que sei. Para máis desgraza, no século XVIII veu a moda de situar na nave central das catedrais o coro que historicamente estaba rodeando o altar maior. E ben, o século XIX, segundo penso, picou o cal das catedrais e sacou o coro da nave central, aínda que iso non chegou a ocorrer na igrexa abacial de Celanova.

O pouco de pintura que podía quedar nas igrexas medievais, con outras capas posteriores, desapareceu en Galicia. Ocorreu co románico e ocorreu co gótico, que se apagaron. Naturalmente non en toda Europa. Podemos desfrutar en Alemaña dun románico, dun gótico e, mesmo, dun barroco, multicolores e continuamente restaurados.

Repintar podiamos nosotros, aínda desde a inexistencia de cor. As iluminacións e miniaturas dos manuscritos están cheas de motivos arquitectónicos e icónicos que nos poden indicar cales son as cores que hai que repoñer.

O Pórtico do Paradiso de Ourense salvouse felizmente do apagón terríbel que deixou en sombras os nosos vestixios medievais. O da Gloria de Compostela, despois de coñecer a penumbra, acaba de voltar á vida. Agora é máis da Gloria. O dourado das barbas, o matiz das meixelas, mesmo a tisura andróxina de anxos e arcanxos. Os anciáns que describiu Rosalía parece que falan moito mellor que cando Ela ía ouvilos. De súpeto, Daniel (o que escribiu, ou non, na Biblia aquelas desmesuras) ri mellor e semella máis louzao, máis pánico, máis rillote ca nunca. E así talla por talla. Viva a pedra policromada, como quer o ceramista Pérez Porto!

Compartir el artículo

stats