Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Feiras, festas e mercados

Distinguíanse ben en Galicia. As feiras eran acontecementos sinalados en días fixos do mes ou ano. Nela vendían e comprábase (mercábase) facenda, gado, ou sexa animais grandes e avenza ou sexa ovino. Tamén había porcos e pitas. Nas grandes feiras concorrían outras mercadorías: plantas, semente, verdura, zapatos, ferramenta agraria e doméstica, latería.

En cidades coma Pontevedra, os días de feira había unha praza especializada para cada ramo, coma a da Verdura ou a do Pan. Había feiras do ano ou feiróns, máis nutridas de xente e abundantes de negocio. A estas soían vir os trileros e os xogadores profisionais ou tafures. Mercado chamábaselle a unha feira reducida, xeralmente semanal, na que se vendía, e non se compraba, mercearía corrente, roupa, froita, ovos ou o que en Ourense se lle dicía "rianxo". Circulaban coches mixtos, de Feiras e Mercados, con animais, obxectos e persoas. A ningún pontevedrés sensato se lle ocorría chamar "feria" ao programa taurino, como fan agora Rajoy e os seus amigos.

Nas feiras do interior de Galicia comíase "pulpo", ou sexa polvo de Ons curado en Marín, distribuido por comerciantes do Carballiño e cociñado por excelentes profisionais. Nas Rías Baixas, o polbo era de consumo doméstico ou tabernario e non se comía nin en feiras nin en festas. Esta última verba, festa, só se usaba para as patronais e para as romarías. Volvendo ás feiras do interior, digamos que nelas tamén se comía carne de vacún, cocida en grandes caldeiros. Era famosa a carne de Cambeo, e a da Peroxa, feiras próxima á cidade de Ourense, a cal tamén gozaba feiras propias. Hoxe a esa comida chámanlle "carne ao caldeiro".

O nome galego histórico e correcto é este: "vitela; en latín directo, rústico e clásico. En todo caso virxiliano. Pena que se perda vitela para nomear a carne do que sendo bicho vivo é "cuxo", "pucho" ou "pucha", "becerra". En todo caso a vitela, coma o bacallau, servíase en doses individuais moi xenerosas que levaban o nome de "postas". Tamén "posta" é palabra que se disolve no ar. Segue a haber feiras anuais especializadas. No feirón de Carballo destacan as fabas ricas de Bergantiños.

As feiras de cabalos non só non se perden senón que teñen moita vitalidade de Norte a Sul. Nas de Padrón, S. Martiño, Santiago, fraguouse o cruce entre cabalo bretón e autóctono que diu lugar a esas bestas rubias e potentes que tan ben montan no antroido do Ulla os xenerais. A festa, a feira e o mercado viven e transfórmanse porque o mundo está vivo e, Galicia, envolta en "panos de mil anos" dixo o poeta.

Compartir el artículo

stats