Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Pedro Quevedo acepta a Diócese de Ourense en 1776

D. Pedro Benito Antonio de Quevedo e Quintano, que era como realmente se chamaba, foi preconizado bispo de Ourense o 15 de abril de 1776 sucedendo no goberno desta diocese a D. Alonso Francos Arango (falecido o 15 de febreiro de 1775) e alcanzando o capelo cardinalicio o 19 de novembro de 1816 . Por dúas ocasións, en 1784 e 1814, renunciou á salientable e apetecible sé patriarcal do arzobispado de Sevilla.

Nacera en Villanueva del Fresno, Badajoz, o 12 de xaneiro de 1736 no seo dunha familia da pequena nobreza que, ademais de piadosa, gozaba de importantes bens materiais, como observan os seus biógrafos e reflicten os estudos e carreiras que proporcionará aos seus cinco fillos. Don Pedro de Quevedo comeza a súa formación con estudos de Gramática Latina e Fundamentos de Humanidades no colexio da Compañía de Jesús de Badajoz. Aos 11 anos os seus pais envíano ao colexio dos Xesuítas de San Bartolomé e Santiago de Granada, onde estudia seis anos de Filosofía Aristotélica e Teoloxía Eclesiástica e obtén o grao de bacharel por esa universidade. Pasou en 1754 a Salamanca, onde ingresa no Colexio Maior de Cuenca, e ao ano seguinte, con 19, licenciouse en Teoloxía pola Universidade de Ávila.

O seu principal biógrafo, o deán Bedoya, resaltará como "na idade en que outros principian os estudos sacros, el tíñaos concluídos" . Incorporouse a continuación en labores docentes na Universidade de Salamanca e, dous anos despois, en 1757, aos 21 anos de idade, obtivo a coenxía de lectoral en Zamora. En 1760 gañou a de maxistral na catedral de Salamanca, á cal se reincorporou, doutorouse despois en 1766, e no seu claustro chegou a alcanzar os cargos de vicechanceler e xuíz de estudos. Pasou 19 anos de cóengo e de profesor en Salamanca, con fama de estudoso, caritativo, etc. e outras virtudes tales que chegaron aos oídos do rei Carlos III, que o propuxo para ocupar a vacante cadeira da diocese de Ourense, non sen insistencias varias pola negativa de D. Pedro a aceptar tan alta dignidade.

O 15 de abril foi preconizado en Roma e o 14 de xullo foi consagrado en Madrid, facendo de madriña a Universidade de Salamanca. Axiña púxose en camiño e o 13 de agosto de 1776 entraba humildemente en Ourense ao lombo dunha mula e sen máis compañía que o criado que xa o servía en Salamanca. Morreu o 28 de marzo de 1818 e, nos 42 anos que durou o seu pontificado, realizou a actividade pastoral propia e esperada do seu cargo eclesial, notablemente sobresaínte no exercicio da predicación, das visitas pastorais, da ortodoxia litúrxica e canónica, da pobreza persoal e a caridade cós pobres, chegando a ter ben gañada fama de gran esmoleiro, pero tamén tivo outra moi importante e variada tanto dende o punto de vista social como, e especialmente, no eido ideolóxico e político.

Nun tempo de elevada taxa de nacementos ilexítimos no que ningunha institución preocupábase dos nenos orfos e abandonados, o bispo Quevedo estableceu no hospital de San Roque un centro de recollida dos cativos que logo eran distribuídos entre nodrizas ás que se pagaba mensualmente un salario para a súa alimentación e crianza; e tamén fundou e mandou construír un colexio-residencia-obradoiro ó carón do convento feminino das Mercedes no que, dirixido polo cóengo D. Juan Crespo, chegou a ter máis de oitenta nenas expósitas internas que alí estudiaban primeiro e traballaban despois nun taller de fiados e tecidos de lenzo ata que casaban o ían a servir nalgunha casa púidente.

Outra importante actuación tívoa coa creación do Seminario Conciliar de San Fernando no edificio do colexio dos expulsados xesuítas xunto á igrexa de Sta. Eufemia. Primeiro serviu de hospedaxe de parte dos cregos franceses que D. Pedro tiña refuxiados en Ourense, e cando a maior parte de estes retornaron a Francia despois do Concordato de 1801, mercou duas casas contiguas para rematar a obra do edificio que, a partires de 1804, será sede da principal actividade educativa de Ourense, primeiro do Seminario solo e, dende 1846, compartido có recén creado Instituto.

Un suceso que lle deu moita sona e recoñecemento, tanto en Galicia como na Corte, foi a paz social que conseguiu ó apaciguar ós revoltosos do "motín da Ulloa", chamado así porque nesta comarca da alta conca do Ulla (Lugo), ubicada practicamente no centro de Galicia, e que ten como núcleos principais a Monterroso, Palas de Rei e Antas de Ulla, iniciouse o maior movemento antifiscal da Galicia do Antigo Réxime. Especialmente desde agosto ata finais de novembro de 1790 partidas de amotinados provocaron alborotos polas ferías do país, como en Monterroso, Chantada, Vilalba, Ribadavia, Vilanova dos Infantes, entre outras moitas, ou en cidades como Lugo, Santiago, Betanzos, Mondoñedo e, ó cabo, Ourense. As causas do movemento habería que buscarllas no incremento das rendas provinciais nos últimos anos, a supresión dos encabezamentos, a aparición nas cada vez máis numerosas ferías dunha nova burocracia fiscal que cobraba os impostos das transaccións e a intención de por en marcha unha única contribución que unificara as distintas existentes (millóns, alcabalas, etc..). O "modus operandi" era entrar -ó grito de "viva o Rei, viva a Ulloa, morra a Única"- nos mercados e ferias, espantar o gando para provocar maior confusión e atacar e roubar ós recadadores. Ademais de loubar á propia terra, o seu propósito era deixar claro que non ían contra o rei se non contra unha burocracia cada vez máis recadadora e avariciosa. O propio xefe da partida, chamado Fernando Joanes, asturiano que servira 8 anos no corpo de artillería, díxolle ó noso bispo que iles "nunca habían robado, ni querían otra cosa sino quitar los tributos y nuevas imposiciones introducidas sin noticia y contra la voluntad del rey y solo por abuso de los dependientes inferiores" . D. Pedro convenceulles de que depusieran a súa actitude a cambio da promesa de asegurarlles a vida intercedendo ante o rei, cousa que, non sen dificultades, conseguiu.

Ademais da súa actividade propia como prelado dunha diocese afastada e de escasa relevancia, o que lle deu de verdade fama e sona fora de Galicia foi a súa axuda e hospitalidade cós clérigos refractarios franceses refuxiados en Ourense fuxindo de Francia despois da aprobación da Constitución Civil do Clero de 1791 por unha banda, e, por outra, a súa notabilísima actuación político-social e divulgativa dos principios fundamentais que van xustificar a revolución española e a guerra contra o francés, baseados nun depurado e contaxioso patriotismo, nunha defensa a ultranza do rei Fernando e da patria española, e nunha profunda ideoloxía reaccionaria, o que lle faría -entón e despois- ser moi coñecido, encomiado, admirado e, tamén, deostado.

Xa antes da carta de renuncia a Baiona, Quevedo, nunha epístola que manda a Carlos IV para que se suspendan as ordes de enviar ás illas de Mallorca e Canarias os clérigos emigrados franceses (ordes que non cumpriu), asinada en data tan temperá como o 19 de maio de 1798, xa dicía, entre outras moitas cousas interesantes, que os ministros de Xesucristo foron, "e son, o obxecto máis odioso" da Asemblea Nacional primeiro, e da convención despois e "agora da república francesa en que reinou e reina o espírito dunha insensata filosofía que se declarou contra todo xénero de relixión, e mira a verdadeira e soa obra de Deus, a relixión cristiá, como oposta e irreconci- liable co ben dun Estado". E pregunta despois ao monarca se "por condescendencia cos que se honran co símbolo detestable da rebelión, do rexicidio, da irrelixión e aínda da apostasía [?] mandará saír de España aos que non perderon a súa patria, os seus bens e canto podía interesarlles sobre a terra, senón polo seu celo pola verdadeira relixión e a fidelidade que deben a Deus e debían ao seu rei".

E o que resulta realmente sorprendente é a predición que a seguir fai o bispo do que vai ocorrer ¡dez anos máis tarde!. Nada pode estrañarnos da súa actividade literaria e política a partir de 1808 se xa en maio de 1798 expresaba ao rei que: "na primeira ocasión e con calquera pretexto que tome a república francesa para invadir a nación, dominala, inspirala das súas máximas absurdas e conducila á irrelixión e ao odio ao reinado, se una co exército ou exércitos republicanos, e forme as cadeas da dependencia e escravitude co especioso título de liberdade, que desterre tamén o verdadeiro culto de Deus [?]".

Advirte ao monarca que non quere facer un exercicio de elocuencia nin de adornos literarios, senón que se contenta sinxelamente con expor "o que cre digno das máis serias reflexións" e, aínda que indica que o trono ten excelentes ministros e conselleiros con notables coñecementos e luces nestas e noutras materias; insiste en que "un bispo debe soster os dereitos da relixión, e un fiel vasalo debe clamar cando lle parece ver o lume que vén incendiar e reducir a cinzas o cetro e a coroa".

Compartir el artículo

stats