Xa vai alá un ano do pasamento de Alfonso Zulueta de Haz, ocurrido o 27 de xuño de 2017. O tempo corre pero, para sorte de todos, permanece a memoria das persoas que dedicaron a súa vida aos demais e a construir un mundo mellor. Alfonso sentíndose vigués polo seu nacemento e a súa residencia, non deixou de sentirse galego e universal. Entregouse ao traballo a prol da cultura de Galicia na Editorial Galaxia, no Consello da Cultura Galega, na Fundación Otero Pedrayo, na Fundación Penzol,e noutras entidades defensoras e promotoras da nosa identidade.

Destacaba como cristián encarnado na realidade do noso pobo. Inspirouse nos ventos anovadores que o Concilio Vaticano II insuflou na Igrexa. Desde a Editorial SEPT promoveu e publicou a tradución da Biblia ao galego feita desde as linguas orixinais. Traballou arreo pola inculturación da Igrexa galega para que a nosa lingua estivera presente nas celebracións litúrxicas. SEPT cedeu gratuítamente aos bispos galegos a versión galega da Biblia para que servira de base para os leccionarios da misa. Levaba no corazón o cristianismo e Galicia e todo o que facía estaba orientado desde eses sentimentos.

Do seu viguismo deixou constancia como Conselleiro da Caixa de Aforros, como Presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, como membro de Instituto de Estudos Vigueses.

Como notario exerceu os últimos anos da súa profesión na nosa cidade. Riguroso profesionalmente era de trato amable e acolledor. Calquera que acudía a el era atendido con atención e esmero e cun toque de humanidade que a todos engaiolaba.

Tamén militou na política nos tempos da transición, incluso na clandestinidade, desde o ano 1974 no Partido Galego Social Demócrata e posteriormente no Partido Galeguista.

A sensibilidade cara os necesitados e marxinados tamén era unha característica súa, que vivíu xunto coa súa dona Teresa no labor en favor dos discapacitados psíquicos, na Fundación Xoán XXIII e na Fundación Tutelar Salvora, nesta última proporcionando aos pais e ás familias dos discapacitados a seguridade de que serán atendidos cando eles falten deste mundo.

Eu que tiven a honra de ser amigo del durante perto de cincuenta anos e compartín con el moitas ilusións e labores podo asegurar que Alfonso era unha persoa da que deitaba concordia e armonía, que creía nas cousas feitas "pouco a pouco", sen estridencias nin acritud. Home firme nas súas creencias e de comportamentos éticos ben probados, foi é segue sendo un referente para moitos. Graciñas Alfonso.

*Director da Fundación Penzol