Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Europa e Comunidades Básicas

Cando eu tiña (para aí) dazaoito ou dazanove anos circulou nos medios galeguistas dirixidos ideolóxicamente por Ramón Piñeiro unha idea que se presentaba como liberadora de Galicia. Dicíase que o europeísmo, alén de ser garante de democracia, érao tamén do respecto aos pequenos países que, coma Galicia ou Bretaña, sofrían o centralismo dos grandes estados. Así Francia coma, no futuro, España, ao disolveren a súa soberanía na futura Europa Unida, deixarían aflorar das sombras da marxinación secular, aquelas entidades negadas como era o caso da nosa.

Cando fun aos clásicos, aos precursores e aos contemporáneos do europeísmo, nomeadamente a Salvador de Madriaga por telo máis á mao, non achei nada do que me contaban Ramón Lugrís e Ramón Piñeiro. Mesmo un día me chamaron estes para planificar un libro de Illa Nova que ía titularse "Europa e Comunidades Básicas diferenciais". Ninguén entregou a parte do orixinal que lle fora atribuída pola sinxela razón de que consultados os documentos reais do europeísmo en marcha nos anos cincuenta, miramos que neles non figuraban nin Bretaña, nin Escocia, nin Gales, nin Cataluña, nin Euskadi, nin Galicia.

Así dinlle moitas voltas á CECA (Comunidade Económica do Carbón e do Aceiro), un dos xermolos do Mercado Común pero non percibín alí nada do conflicto lingüístico que ardía en Bélxica; por un caso. Logo procurei que tiña de Goethe, de Joyce, de Picasso, o MC, e resultou que non había integración europea non dominio do "espírito" e que, na liña Oder/Neisse, terminaba groseiramente o proxecto. Non só estaba Dostoievski fóra do europeísmo idealizado polos galeguistas (e polo PNV e polos nacionalistas cataláns) senón que todo o leste do Continente, que fora capaz de derrotar el só o nazismo, fora desprazado a outra dimensión. Co cal ficaba para moitos claro que a unidade europea era un artefacto sen corazón humanista e únicamente, xunto coa NATO, estaba destinada a constituír un búnker contra o comunismo igual ca outros que o Imperio Norteamericano habilitaba no mundo.

Como o Imperio investira plenamente a Franco como "centinela de Occidente", resultaba que o Mercado Común en calquera das súas fases non só non servía para facer emerxer Galicia e as Comunidades Básicas subestatais senón que nin sequera podía democratizar España. Agora, cando parece que o Imperio declina, a UE amenaza cunha ruína estrepitosa.

Compartir el artículo

stats