Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

País!

País!, que dicía este mago do humor recentemente desaparecido, Forges, na voz dos seus personaxes de viñetas. Pois iso, que vaia país o noso.Temos un país tan inmenso e marabilloso que nin entre todos somos quen de acabar con el por moito que nos empecinamos.

Nun so día, que digo día, horas, as axencias de novas das que se alimentan os xornais non dan abasto a seleccionar o que a actualidade manda. De feito, ao final non tes moi claro, como me pasou o outro día, se o exseleccionador da selección de fútbol que vai xogar o Mundial foi para o cárcere, o xenro do emérito rei, que xa ten mérito, foi nomeado ministro de Cultura e Deporte ou Pipino O Breve -o ministro máis curto da historia, tan so sete días, en tanto nós todos soportamos un goberno corrupto durante sete anos, paradoxos da vida-, pois digo que é ou non o que se vai encargar de dirixir aos peloteiros do fútbol durante o Mundial. Un xa non sabe, porque ten tal cantidade de información que as neuronas non asimilan e, claro, velaí tedes montado o lío.

País! Dende logo que si. No que se permite a certos persoeiros elixir cando e onde poden comodamente entrar no cárcere, en tanto outros pasan os seus días esquecidos de todos nun cheirento inframundo por unha letra dunha canción ou un tweet deses, que nada teñen que ver co famoso baile dos anos sesenta, ou dicir a súa opinión libremente.

Curioso país, dende logo, no que a avidez e a rapiña do Estado é de tal calibre que temos que soportar e pagar impostos, taxas, tributos, gravames, etc. que fan que sexamos un dos países de Europa cunha das cargas impositivas máis elevadas; de xeito que aquí pasamos de non pagar nada a manda carallo o que temos que pagar. Pero cun nivel de servizos lamentable.

Sen dúbida, país no que a preocupación do Estado polo noso benestar fai que teñamos policías autonómicos, municipais e nacionais, Garda Civil, Mossos de Escuadra, Ertzaintzas, gardas de seguridade, etc. -o que coñecemos por corpos e forzas de seguridade do Estado-, e xa non digo nada dos gardacostas e vixiantes privados; pero non paran de medrar a inseguridade, os roubos e atracos e as bandas organizadas.

Que me van dicir dun país no que as estradas e as autoestradas de peaxe están esquecidas e abandonadas, e con máis buratos que a miña economía familiar, pero, iso si, non paramos de facer investimentos en helicópteros que te fotografan a non sei cantos quilómetros de distancia se estás a meter o dedo no nariz, en radares fixos, en móbiles, en motos, en coches, en branco e negro ou de cores, o caso é recadar, multar e sacarche os cartos; aínda que os sinais sexan un galimatías e a túa seguridade estea máis que en dúbida polo lamentable estado da vía, se vas 10 km. por riba do que che marcan, ollo, que a multa non cha quita nin o luceiro do alba.

País, si, no que me encanta vivir, pero gustaríame que moitas cousas funcionaran dun xeito radicalmente diferente, e dende logo que gañaramos o Mundial de fútbol.

Compartir el artículo

stats