A familia de Modesto Riobó Fontán quere, a través do FARO DE VIGO, un dos medios do que foi subscritor toda a súa vida como xa o fora o seu pai, dar as máis expresivas grazas a todas as persoas que nos mostraron ou nos fixeron chegar o seu apoio e condolencias polo seu falecemento. Tamén a todas aquelas que enviaron flores o día da súa despedida.

As importantes mostras de afecto recibidas fannos, se cabe, entender un pouquiño máis o seu carácter afable e amistoso, o seu don de xentes e o seu optimismo, toda unha filosofía de vida que o levou a ser consecuente tamén na súa partida, xa que entre os seus desexos nos pide que esteamos alegres porque xa está descansando.

Por iso tamén o noso agradecemento ao mestre Xabier Blanco, por quen sentía unha franca admiración polo seu traballo, por cumprir o seu desexo de facer soar a gaita na súa partida.

Non queremos esquecernos daquelas persoas que nos últimos meses nos acompañaron durante os ingresos hospitalarios. A todas elas o noso agradecemento por eses momentos de complicidade e apoio.

Algunhas desas persoas foron Elisa de la Peña e Manolo Méndez. Elisa ingresada na ala contigua, cos seus detalles e enviando calor e forza á familia e sobre todo a Belamar, coma sempre pensando máis nos demais que nela mesma; grazas Elisa polo teu inmenso corazón. E Manolo sacándolle sempre algún sorriso falando de viaxes, entroido ou anécdotas, que tanto lle gustaba.

Estamos moi agradecidos a todas e todos os que nos fixestes sentir que non estabamos sós neste momento tan amargo de despedir a un ser tan querido.