Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Os (non) candidatos

"Pero..., que foi o que pasou? Por que non continúa coa cousa? Cal é o auténtico motivo de que o deixe? É que están tan tolos, acaso, que ninguén se decata de que vén ser o único que podía ter verdadeiras posibilidades? Pensan, daquela, deixalo todo nas mans de Sánchez, os do "coleta" e mais os separatistas? Albert Rivera, dixeches? Pero...non me...! Quen demos vén ser o tal Rivera, tío!?"

Semellantes frases foron pronunciadas, de certo e nos pasados días, por un amigo de meu que comparte a condición de seareiro aceso de "la Roja" con esoutra de resultar simpatizante/votante fidelísimo do Partido Popular. Nin que dicir ten -e saiban disimular os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais a pequena licenza-, constitúen máis ben, en realidade, unha sorte de ensalada, potaxe... respecto dos seus pareceres arredor do fulminante cesamento de D. Julen Lopetegui como adestrador do combinado futbolístico patrio e mais verbo desoutra condición final de non candidato á dirección dos populares por parte de D. Alberto Núñez Feijóo. Resumindo ás bravas: a crónica dunha impactante traxedia.

Polo demais, se é que algúns de entre Vdes. se declaran así mesmo devotos animadores da "Roja"-ao tempo que torcen ben polo PP e/ou contan con familiares, amigos, achegados... en sintonía coa formación política que no seu día fundara Manuel Fraga Iribarne-, sen dúbida que foron artellar e/ou oíron esparexer, e continúan aínda na hora presente, tales, moi atribulados, queixumes. Mesmo acontece aínda nalgún caso que houbo/hai quen concrete que estamos cruzando, pecadores de noso, o limiar dunha terrorífica, ineludible Apocalypse Now tras da cal nada quedará en pé daquilo que vimos coñecendo como selección española, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos. Dito/escrito en romance futbolístico: non pasamos (se é que aí damos chegado) dos cuartos! Con Quim Torra e mais os seus malvados ad hoc presionando arreo a Sergio Ramos e poñendo dos nervios a David de Gea, velaí o retorno da antiga maldición!

"En Italia seiscientas y cuarenta; en Alemania doscientas treinta y una; en Francia cien; en Turquía noventa y una, pero en España son ya mil y tres". Julio Iglesias, talvez? Desde logo, ben puidera ser, pero non. Anoten Vdes., en todo caso: Leporello, o criado de D. Juan Tenorio na célebre ópera de Wolfgang Amadeus Mozart, "Don Giovanni". Ou traducido ao castizo cheli e como o expresaba o meu amigo Fernando Parra "Madriles": "¡desengáñate, Monchi!: aquí, en este país, no es que no se holle; ¡lo que pasa es que siempre hollan los mismos!" (ben; en realidade, el dicía -¡chulo que ej uno!-: "hollamos"; fala por ti, Fernando). En fin, como moi ben foi lembar Cesare Marchini, dito/escrito está para algo que España vén ser a esaxeración de Europa (á súa vez, Andalucía devén na esaxeración de España e Sevilla, esoutra de Andalucia). Outra volta, a crónica da traxedia inmisericorde.

Non se apuren, meus: España "¡es de Hierro!" -claro que, iso tamén, Cristiano Ronaldo devén de aceiro- e malo será que Diego Costa, Julio Salinas supetamente redivivo, non meta uns cantos goles máis aínda que sexa de rebote, nas nádegas e cos ollos pechados. Como mágoa ha de ser que, da súa parte, e xa xurda a cousa a través Sáenz de Santamaría (Dna. Soraya) ou mediante de Cospedal (Dna. Dolores), este país de países, tribo de tribos non se resolva. qué menos!, na explosión súper látex total.

"Si, vale, pero... por qué?" Unha das explicacións máis socorridas -que sabe ninguén!- vén ser, certo é, aquela que fai referencia ao laboratorio de fotografía, analóxica e dixital, que rexenta D. Eduardo Inda e mariachis asociados. Que se agacha aínda nos arquivadores das súas, moi procelosas, salas? Quizais o argumento completo dunha nova temporada de "Fariña"? Ou será, tamén/mellor, que o "medo escénico", tan brillantemente descrito polo gran filósofo Jorge internacional Jorge Alberto Valdano, anda a facer das súas? A ver: non che é o mesmo canear no Multiusos San Lázaro que improvisar "gambetas" na herba imperial do Santiago Bernabéu, a plana maior de "Jugones" a destriparte, si ou mañá. Así as cousas, D. Alberto ben pode perecer entre a dúbida e mais a dúbida; canto a D. Julen, de Madrid ao ceo tan só lle fai falta unha liga.

Compartir el artículo

stats