Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Xosé de Sanxenxo na RAE

"Yo me llamo, como me llamo aquí y en la China Popular". Se os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais fan memoria, han de lembrar ben que de tal xeito se foi manifestar D. Josep-Lluís Carod-Rovira cando nun programa televisivo -hai dez anos da cousa-unha asistente ao mesmo teimaba en nomealo, queiras non queiras/deixes de querer, como "José Luis", para alén de todas as evidencias e filoloxías ad hoc. Non consta de certo, porén, se a referida dama -natural de Fachadolid, que non de Valladolid!- se dirixiu, ademais, algunha vez aos irmáns Pau e Marc Gasol, chamándolles, respectivamente, "Pablo" e "Marcos", ou se, abusando da confianza, tratou mesmo a Imanol Arias como "apreciado Manolito" e a Garbiñe Muguruza como "mi querida Inmaculada."

A título persoal, e por máis que un servidor nunca figurase nas filas de Esquerda Republicana de Catalunya, si que lles podería relatar a Vdes. algunhas anécdotas en relación aos meus primeiros nome e apelido, Xosé e Pena, transformados de súpeto -e facendo caso omiso daquilo que figura nos documentos oficiais- non só en "José" e "Peña" senón aínda en "Soxé", "Joxe" e outras lindezas antroponímicas varias. Mesmo, adiviñando tal vez que conto con familiares nacidos e criados en terras de Euskal Herria, tampouco foi faltar, iso tamén, quen escribise o hipocorístico, Moncho, polo que me veñen tratar na casa e/os amigos, como "Montxo". Escrito está que "mal de moitos, consolo de parvos"; non obstante, debo confesarlles que non deixo de anotar algo de alivio cando comprobo que son uns cantos aqueles que se refiren ao célebre escritor brasileiro Paulo Coelho como "Paolo Coelo", que acoden a comprar toallas a unha tal "Valenca do Mino" e/ou que turran en alcumar "Sin" ao gran Sean:Connery, nin que dicir ten.

"Pois moi bonito, Sr. Pena! Pero saiba que non todos andamos por aí a facernos os listos, coma fan Vde e mais os seus amiguiños! Non todos tivemos a sorte de poder aprender idiomas! A ver se o que sobran aquí son tantos espertos, culturetas, como van!" Moi ben, ok McKey, pero permitan aínda a matización, miñas e meus. Verán; hai, no caso que nos ocupa, dúas clases de ignorancia: aquela que, en efecto, deriva da ausencia de coñecementos por causa dunha escolarización breve/deficiente -e que, xa que logo, non merece ningún reproche e si plena comprensión- e esoutra produto do desinterese, da preguiza intelectual, asociada decote coa arrogancia, a soberbia e mais o desprezo por todo aquilo que non se coñece. "Eu non tiven estudos pero fun á mellor universidade: a universidade da vida!"; atención: moito perigo á vista!

Nos pasados días daba cumprida conta da noticia este venerable rotativo: velaí que a Real Academia Española, mediante un tuit, vén de aconsellar que: "Fuera de usos oficiales, en español se recomienda usar la forma tradicional española del topónimo, que es Sanjenjo (sic)". Unha recomendación, daquela, que foi rexeitada axiña, e de xeito contundente, por lingüístas, escritores..., pero asemade por cidadáns alleos á filoloxía, moi indignados polo que consideran unha absoluta falta de respecto diante da lingua e da cultura de noso: comportamento, polo demais, pouco explicable nunha RAE está dirixida agora mesmo por alguén tan solvente, e natural de Vilalba, como vén ser o profesor Darío Villanueva.

Non será o autor destas liñas quen lles vaia retrucar aos académicos da rúa Felipe IV dos Madriles como deben/non deben deixar de pronunciar e/ou escribir antropónimos e topónimos en idioma castelán. Ao cabo, son unhas cantas as traducións deficientes dos mesmos aquelas que campean de forma oficial en España, arqupiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos: velaí, por exemplo, ese "Gran Sol" -o ben coñecido caladeiro situado no Atlántico Norte-, translación errada do "Gran Sole" (isto é, "Gran Linguado") orixinal. Ou aínda "Canal de la Mancha" no canto de "Canal de la Manga", verdadeira tradución, esta, do francés "Manche". En fin, non deixa de ter o seu aquel que, sempre en castelán, o río que atravesa a capital de Rusia, e que lle dá nome á cidade, veña ser o Moscova... a pasar por Moscú!

"Pero a historia é a historia -poderá obxectar alguén- E, doutra parte, a toponimia é froito do uso e mais do tempo; tanto en castelán coma en galego ou en calquera outra lingua". En efecto, así acontece. Agora ben; por moito que admiremos os logros do Imperio Romano, cabe pensar que non eloxiamos nos nosos días as loitas de gladiadores no circo e/ou a existencia da escravitude. Ou (ben) traducido para a RAE: tampouco estaría mal que unha institución que di representar lingüisticamente a todos os habitantes de España, unha España que se recoñece legalmente plural, no século XXI, fose recomendar, mellor que o amparo en sabores e cheiros resesos "made in Sangenjo", coñecermos como é debido como é que lle din/escriben os seus nomes e lugares os nosos concidadáns. Non sei Vdes.; mais, da miña parte, coido ben que, para alén de aprender filoloxía, sería acaso unha boa maneira para instruirnos en patriotismo.

Compartir el artículo

stats