15 de junio de 2018
15.06.2018
os camiños da vida

Doce de abóbora

15.06.2018 | 02:56
Doce de abóbora

Esta volta si que eran "os camiños da vida" de Otero, e eles levaban ao pazo vello de Tizón. Hai douscentos anos unha mangoleta portuguesa gobernara na lareira un doce de abóbora sen saber ela que aquilo era Boborás. Igual ca hoxe é.

Esoutro sábado déronse no pazo de Tizón os respectados premios Lousada Diéguez. Un diletante dixo, polo baixo, que estábamos en posesións que foran de Sarrazina, a esposa alarbia de Froila Gutérrez e cuñada de San Rosendo. Por iso aquilo fora chamado, en árabe, Boborás. Ou sexa os campos da abóbora, que era o nome árabe do calacú ou cabazo. Ao pándigo respostoulle o semitista. "Eu pasei pola Almuzara", dixo por se pór no alto. "Lugar de muiños aceiteiros, pois".E houbo quen saltou: "o certo é que estamos en San Mamede de Moldes"."E que?" Pois que san Mamede é unha cristianización subrepticia de Mohamed ou Mahoma" -insistiu o sabechoso.

E non é. Nin a abóbora de Boborás é árabe. Vella e sen procedencia certificada é a verba que deu lugar a Boborás, que imaxinamos nos tempos suevos ou de San Rosendo coma chans de cabazos floridos que os veciños destinarían a producir doce para relear en feiras e festas. Queda só a Almuzara, que os de Franza de xínea xermánica, ollarían con envexa por falar de oliveiras e aceites mansos.

Mansa caía a chuva sobre as esqueiras do pazo de Tizón, casa de Lousada Diéguez. E tamén chorou unha marmañada sobre os mirtos e begonias. Chuviña que enchoupou o musgo mol dos cenadores e pendellos traseiros. Pero o vento deu a volta e retirouse a auga. Dominaron as belas palabras na entrega dos premios Lousada Diéguez. Recibíronno escritores galegos en plenitude das súas potencias.

Xardín umbrío, o escenario podía suxerir a decadencia ou o difuminado que precede á desaparición das grandes castes. Pero non. X.L. Axeitos incidiu, baseado no seu premio, en Manuel Antonio e a utopía posíbel que non cesa, coma o lóstrego do outro. X.B. Reza debullou os números da extinción da sociedade agrícola; con precisión. Non se deixou levar por eles e dibuxou os grandes remedios. Un autor literario e un ensaísta recibiron o doce da abóbora misteriosa que cada ano os grandes mortos nosos lle ofrendan a dous autores vivos. Este ano Roberto Pascual explicouno moi ben, e tamén o fixeron os restantes oradores. A cultura galega débelle agradecemento leal ás entidades locais convocantes (Boborás e O Carballiño) dos premios Lousada Diéguez, que cada ano se entregan no pazo deT izón, Moldes, Boborás, Galicia. Aproveito para decer que a Xunta colonial de Compostela non concede Premios Nacionais de Literatura nin de Cultura Galega. Antes trousa.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine