Pasaron xa oito anos e este venres oficiábase nun emotivo acto o relevo do goberno da Universidade. Parabéns para o novo Reitor e para o seu equipo así como os mellores desexos para estes catro anos.

Cando voltas a mirada cara atrás decataste o que influeu na túa vida a responsabilidade de dirixir unha organización como a nosa. Comezas coa ilusión dunha nova tarefa compartida polo equipo que che acompañará na viaxe. Tiven a grande sorte de contar cun grupo de mulleres e de homes altamente comprometido. Cadaun deles foron indispensables para situar a Universidade onde na actualidade se encontra e sen eles este traballo non sería posible. O meu agradecemento nunca será tan grande como o seu compromiso.

Entendemos o noso paso polo goberno da UVigo como un exercicio de responsabilidade con Galicia. Coas familias e con cada cidadán que desexa ser máis libre a través do coñecemento e da sabedoría. Tamén co tecido social e empresarial que nos permitiu entrar no seu espazo para traballar xuntos e fabricar futuro. Todos fumos, e somos conscentes que a cooperación intelixente permítenos mellorar en cada eido que nos encontremos.

Alumnado,igualdade,competitividade,transferencia, mérito, capacidade, colaboración, talento, rankings, captación, internacionalización, investigación, desenvolvemento, intelixencia foron as verbas que máis se usaron nestes oito anos e sei que se seguirán usando porque cada unha destas palabras están no ADN do sistema universitario galego. Sistema a protexer polos gobernos porque estáse a garantir a fortaleza dunha Galicia que non está limitada polas fronteiras físicas.

Gobernar implica toma de decisións que non son do agrado de todos. Sei o significado de equivocarse e das consecuencias que traen consigo. Como seres humanos non somos infalibles e, polo tanto, fallamos, pero ninguén debe pensar que fomos contra de alguén. Gobernamos para todos. Ao fin e ao cabo todos pertencemos á mesma casa e na mesma ímonos encontrar cando deixamos as nosas funcións.

Iste é un manifesto de agradecemento.

Queremos berrar agradecemento a tódalas institucións, asociacións, agrupacións, clústers, corporacións locais, deputacións provinciais, o real club Celta, á Xunta e a administración do estado con quenes colaboramos moi estreitamente. Sentímonos en débeda con todos. E a todos, de corazón moitas grazas.

Desde onde nos encontremos seguiremos a server a Universidade. A mellor maneira de server a Galicia.

*Exrector da Universidade de Vigo