Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

OS CAMIÑOS DA VIDA

Xosé Luis Méndez Ferrín

Carambola Maxistral

Detesto falar de política en termos de xogo de azar ou de habilidade. Pero a moción de censura pareceume unha carambola portentosa a catro ou máis bandas. Sei ben que xa desapareceu o billar clásico. Invadeu o meu mundo, a, esoutro billar con buracos que as películas nos impuxeron. Ao día seguinte das anteriores eleccións xerais houbo quen dixo que había unha coalición gañadora. Esta era a que podía formar o PSOE con todos os partidos e agrupacións de esquerda e independentistas, incluidos os independentistas galegos que sairon elixidos coa Maré e en sociedade con Podemos. Pero non foi posíbel porque o PSOE non quixo que fose. Agora na sesión de censura e co conflicto nacional de Cataluña presidindo a crise de Estado Español, ficou claro que si, ho, que si que se podía.

Teño entendido que os do PSOE viaxaron estes días a Portugal e que viñeron encantados. Non tardarán moito en propoñer en España o modelo portugués como inspirador da política que teñen que comezar a facer hoxe xa. Está moi ben a idea dun PSOE a gobernar, aínda que sexa por pouco tempo, coa asistencia parlamentaria dos independentistas e outras esquerdas de caracter español. Como ocorre en Portugal? As diferencias son moitas e a imitación sería imposíbel. Portugal é un país uninacional. Non só non existen naquel país irmao nacionalidades discrepantes, senón que, polo contrario, en Extremadura española hai poboacións portuguesas e aínda eu coñezo galegos independentistas que desexan ser portugueses.

Con pasarnos a Portugal ameazou un día Otero Pedrayo nas Cortes Españolas, pois lle puñan atrancos ao noso Estatuto. En Portugal non había máis separatistas que os das colonias e eses hai xa tempo que se separaron. E Portugal é república desde 1910, o que o coloca en latitudes moi distantes da España borbónica. En Portugal está moi vivo o PCP, que nunca pasou pola degradación eurocomunista e exerce a vixiancia do goberno con precisión milimétrica dentro dun plan democrático-popular perfectamente obxectivado. Por se fose pouco, a asistencia parlamentar do PCP parece estar, esta vez, coordinada cun Bloco de Esquerda que xa non pode facer "radicalismo pequenoburgués de fachada socialista" digámolo usando palabras literais de mestre Álvaro Cunhal. Eiquí no Estado Español, o goberno de Pedro Sánchez vai ter que por en común diferentes políticas moi afinadamente. De momento grazas por nos librar de Rajoy e de Rivera cun un único golpe de taco, sobre o rectángulo verde do billar clásico.

Compartir el artículo

stats