Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Unha "nova" oportunidade para Agolada

O novo goberno de Pedro Sánchez é unha oportunidade para Agolada, sobre todo para negociar aquelas infraestruturas pendentes. Ábrese unha oportunidade única para acadar aquelas infraestruturas pendentes no noso concello, sempre e cando o goberno municipal dea os pasos axeitados reclamando e negociando co goberno de Madrid o que é xusto e moi necesario para modernizar Agolada.

Os gobernos do PP non supuxeron ningunha vantaxe para a xente e, por tanto, para Agolada. Mais ao contrario, os recortes do goberno Rajoy levaron a un empobrecemento da poboación. A xuventude máis preparada víuse obrigada a marchar á procura de emprego no estranxeiro e as persoas maiores e dependentes sufriron un devalo e conxelación das súas pensións públicas. Aparte a corrupción que supuxo o saqueo das arcas públicas. Un roubo dos políticos corruptos do PP a toda a cidadanía.

Uns recortes que tamén sufriu Agolada trala intervención da facenda municipal polo Ministerio de Facenda, consecuencia da bancarrota das contas do concello pola nefasta xestión do goberno de Ramiro Varela, tamén do PP. É preciso un novo financiamento dos concellos -e, por tanto, de Agolada- para facer fronte a aqueles compromisos e servizos que deben atender. A poboación envellecida (caso dun 40% en Agolada) e a dispersión dos núcleos habitados que precisan servizos públicos son un feito diferencial galego a ter en conta á hora de financiar aos concellos.

E en canto ás infraestruturas pendentes en Agolada que un goberno municipal debería xestionar ante o goberno de Madrid, hai que sinalar un novo sistema da rede de sumidoiros da vila de Agolada, dual, que separe augas pluviais de fecais e dea solución ás enchentes que se dan na depuradora cando se producen abundantes choivas vertendo as augas sen depurar aos regatos que desembocan no Arnego.

Outra infraestrutura pendente é un acceso adecuado ao polígono industrial de Merlín, dende a estrada N-640 e da estrada de Melide, que satisfaga un acceso adecuado a vehículos pesados e ao mesmo tempo evite o tráfico de camións polo centro da vila co perigo que iso representa.

Agolada necesita un plan de vivenda que harmonice o entorno dos Pendellos e converta ao núcleo da zona histórica nun atractivo turístico, revitalizador da economía municipal. Obxectivo primordial negociar co ministerio competente en materia de vivenda as aportacións económicas necesarias para levalo a cabo.

Tamén é precisa a elaboración, xunto cos concellos limítrofes, e con cargo ao financiamento do ministerio responsable en Medio Ambiente, dun plan de mellora e posta en valor do Sobreiral do Arnego, tanto para garantir a súa sustentabilidade como para convertelo nun centro de recursos e atracción turística do noso municipio.

Unha nova negociación da PAC que non supoña recortes as persoas que viven do campo no noso concello é primordial para o futuro de Agolada. O novo goberno vai ter a responsabilidade de afrontar unha negociación con garantías de viabilidade para o campo galego. Agardemos que así o faga.

Ábrese agora por tanto, cun novo goberno en Madrid, unha nova oportunidade para mellorar a situación, tanto da economía municipal como das infraestruturas, tan necesarias no noso concello, que traian un novo horizonte de porvir ás xentes de Agolada.

É responsabilidade e obriga do alcalde de Agolada demandar e negociar estas necesidades.

*Veciño de Agolada

Compartir el artículo

stats