Anova-ING acaba de lanzar, so a dirección de X.M. Beiras, un círculo de pensamento e política á altura do intre de disolución dos sistemas no cal nos achamos aboiados. En Láncara dixera un grande discurso Beiras e en Láncara veu á luz, en casa pobre de caseiros, o pai de Fidel Castro. Vén Láncara cando En Maré é atacada sen trégos por todos os medios de comunicación, e outros, do réxime cuxa constitución non votamos as galegas e os galegos. Trátase de conseguir que o neorrexionalismo ou galleguismo de dereita hexemónica En Maré, e outras Marés vivas. O intento de purga a Paula Quinteiro foi un episodio escandaloso do asalto ao poder de En Maré no cal a dereita galeguista está empeñada so a dirección visíbel de Villares e a oculta de toupeiras históricas. De Paula Quinteiro, que é a miña deputada, dixeron mentiras os media catacúmbicos e tamén o presidente do goberno español no hemiciclo das súas cortes. A dirección de En Maré non lle formou á acusada expediente nin lle diu voz para defenderse de acusacións externas que se proclamaron veraces sen ser averadas. Dixen purga, botando man da vella linguaxe antistaliniana. Pero podía decer linchamento en ianki. En todo caso, eu creo que tiven máis garantías procesais cando me xusgou o TOP que Quinteiro tivo cando a dereita galeguista pretendeu apartala do parlamentiño dun cachete. Pretendeu, sen conseguilo; tamén é certo. Os galeguistas que non queren unirse de xeito ningún ás esquerdas (ás independentistas galegas e ás de dirección española) detenta a cúpula de En Maré. Son a mesma Dereita Galeguista de 1936, e tamén o piñeirismo que intentou sepultar o Consello da Mocedade en 1963. Non sei como evolucionará Láncara. En todo caso eu estou en condicións de asegurarlles que neste novo espazo de pensamento para a acción vai haber memoria histórica de esquerda nacionalista e independista. O inimigo está fora e dentro das Marés. El propiciou alguna defección parlamentaria moito ben celebrada mediáticamente. Agora, a sede da Maré Atlántica da Coruña foi asaltada con métodos propios do fascismo louco de Ucraína. Fronte aos medios de comunicación que difunden a insidia e a mentira sistemática fronte os que usan da violencia reaccionaria para atemorizar a esquerda real e fronte aos contubernios da dereita galeguista a moverse na sombra, veleiquí as luces da intelixencia crítica que se ascenden. Boa sorte a Anova Láncara.