Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Petróleo e patria

O arsenal encomiástico do chavismo insiste no lema. Chávez vive. En realidade, Chávez está morto. Pero, como glosaba Jorge Manrique, os máis dos venezolanos din: "dejonos harto recuerdo su memoria". Vou á prensa sistémica de acó que ela odia o réxime chavista a detesta o que ocorre en Venezuela. Sen embargo, esa xente calou a boca cando o PP concentraba as caixas de aforros (fundadas e feitas crecer polos nosos avós e bisavós para ben do pobo) de Galicia e llas entregaba a Banesco, unha casa de banca de propiedade venezolana. En realidade, xa non pode o inimigo poner en América marionetas ensangretadas do tipo Batista, do tipo Pérez Jiménez, do tipo Trujillo. Tampouco poden asesinar doutores cultos e masónicos coma Salvador Allende, e por no seu lugar militaraismo católico, pseudoprisiano e franquista que en Chile representou Pinochet.

En Venezuela o golpe de estado militar non pode ser dado polo Imperio, porque a FA é chavista. O chavismo é a unidade frente populista de novo tipo que defende, principalmente, que o pobo de Venezuela mantén a propiedade estatal do petróleo e dos recursos do subsolo. O resto é propaganda. Como non pode o Imperio facer certas cousas, emprégase na comisión de desordes. Adopta os métodos da agit-prop, como dicían os manuais de prácticas da Internacional Comunista. Mobilizan axitadores de rúa co fin de converter Venezuela en Ucraína. E, como en Venezuela rexe a democracia, intentan participar nas eleccións. Os candidatos do Imperio fallan en Venezuela. Chegados a este punto, divídense. Uns retíranse, outros dan voltas sobre si mesmos ás recuadas.

Venceu a unidade popular en Venezuela, nas eleccións. Eleccións que considerarían impuras nos EE UU antes de se celebraren, o que constitúe unha declaración de hostilidade e inxerencia impúdica. Desde Dimitrov sabemos que só a unidade popular pode levar ao poder gobernos que executen unha política que beneficie esas grandes maiorías sociais ás que aínda algúns chamamos pobo. De non teren un Pinochet, eles estarían encantados cun Macri ou un Macron en Caracas. "Señor presidente", é a novela que convén ler estes días (é de M.A. Asturias) pois explica moi ben o modelo de figurón submiso (deixemos "Tirano Banderas" hoxe só que o Imperio necesita en Venezuela agora para se beneficiar das súas riquezas inconmensurabeis.

De momento, o petróleo segue sendo de propiedade nacional, pública, común. Funcionou a unidade popular e Maduro segue a ser presidente da República. Veño de brindar por el nunha xuntanza de vellos expresos políticos antifeixistas e galegos.

Compartir el artículo

stats