Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O patrimonio de Vigo ameazado por Abel Caballero

O Goberno Municipal, de xeito unilateral, decidiu proxectar unha cidade que denomina moderna e intelixente pero que corre o perigo de se converter nunha cidade fría e inhumana, na que a superficie arbórea e o patrimonio arquitectónico serán substituídos por materiais plásticos e sistemas mecanizados. Claro que necesitamos unha cidade intelixente e moderna, pero tamén unha cidade cálida, armónica e equilibrada, pois o grande reto deste século é atopar o equilibrio entre a tecnoloxía e o ser humano, non que a primeira devore ao segundo.

A Xunta de Galicia, con Alberto Núñez Feijóo ao fronte, empéñase en que Vigo medre, prospere, se adapte ao futuro e se modernice. Por moito que se lle bote en cara a inacción dende o Partido Socialista, a realidade é que os investimentos da Xunta en Vigo ergueron unha nova e moderna Depuradora, un novo e moderno Hospital Público, desenvolveron unha imperante laboura en materia de vivenda social no Pau de Navia e o Casco Vello, e están a ampliar, entroutras moitas cousas, dous centros educativos. Son accións por e para as persoas, que fan cidade sen destruir o que xa temos.

Un exemplo visible é a transformación do antigo Hospital Xeral en Cidade da Xustiza. Un edificio do ano 1947, deseñado polo arquitecto Marcide, convertido nunha icona desta cidade. Alguén entendería a súa demolición en aras da modernidade? A modernidade xa non pode ser un pretexto para danar o patrimonio de Vigo como pasou co edificio Rubira, o Chalet Agarimo ou a eliminación do tranvía, cando en cidades como Lisboa, Munich ou París os tranvías forman parte do seu encanto, ademais de garantir a mobilidade.

O proxecto de transformación da Gran Vía, tal e como está prantexado, dehumanízanos como cidade, afecta á identidade do conxunto de Vigo, obriga ao traslado da escultura dos Redeiros, require unha tala masiva de árbores autóctonas e afecta a 20 metros de edificios catalogados. E non mo invento eu, acaba de determinalo a Dirección Xeral de Patrimonio nun informe técnico que compre respectar. É un sinsentido que Abel Caballero e deputados do Partido Socialista acusen a Feijóo dun tema estrictamente local, que nada ten que ver con el. Cecáis sexa unha reacción política ante todas as inversións da Xunta realizadas en Vigo na última década.

Precisamos un Vigo áxil, moderno e con políticos de tódalas cores que aporten coherencia entre a acción política e o discurso institucional, que escoiten e que opten por respetar o noso patrimonio, a nosa cultura e a nosa realidade, tan diversa. Queremos seguir medrando pero con sentidiño, sen rachar co patrimonio que nos define.

*Doutora en Xornalismo e Deputada do Parlamento de Galicia

Compartir el artículo

stats