Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

A (i)rresistible ascensión laranxa

Nin que dicir ten, imaxino que han de resultar moitos aqueles de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- os que estean ao cabo das últimas enquisas electoriais levadas a termo polo CIS e mais outras demoscopias varias, segundo as cales Ciudadanos, a forza política -ou "el partido", no dicir do sempre célebre Andreu Buenafuente- liderada por D. Albert Rivera Díaz, está moi próxima, apenas un par de zumes máis e... bingo!, para efectuar o asalto aos ceos. Exaltadísimos diante de tal perspectiva, determinados editorialistas capitalinos e/ou das terminais de provincias, tertulianos de postín/postineo... andan xa a refregar as mans "con Rivera a un lado; Manuel Valls ao outro e Isabel Arrimadas no medio de ambos..., está claro que si que, por fin, gañaremos Eurovisión!"

Xa que logo, trátase dunha clara mostra da, seica, irresisible ascensión das laranxas mais as laranxas de todas as laranxas ou, polo contrario, e como o aínda Presidente do Goberno vén de significar, estamos tan só a percibir un moi fugaz efecto mediático destinado, si ou si, a perecer máis cedo/máis tarde? Fagan Vdes., as súas apostas: rien ne va plus!

A ver; tal semella que debamos reiteralo máis unha vez: a España artellada a fins de 1978 vén ser a consecuencia, na superestrutra -se os lectores me dan licenza para acudir ás, certeiras, terminoloxías de antano-, dunha mesa de tres patas: a pata da dereita -en herdanza directa do franquismo, mais consciente da pertinencia de cosméticas ad hoc-; a pata da esquerda -convertida ao pragmatismo malgré lui- e a pata dos nacionalismos (de dereitas) vasco e catalán, a practicaren arreo aquilo de "peix al cove, cul a l´aigua". Nin que dicir ten, unha mesa, unha superestrutura axeitada, á súa vez, sobre esoutra estrutura, cóctel máxico de: "Europa mais prosperidade." En fin, unha fórmula que, con altibaixos, veu funcionando durante anos e anos: ao cabo, as xentes con memoria da miña xeración -e das próximas- fomos ben conscientes, dunha banda, de devirmos aqueles que máis fomos ceder no pacto; pero así mesmo de resultarmos ser os españois que, talvez en toda a historia desta nación de nacións/tribo de tribos, viñemos gozar das maiores cotas de benestar e progreso.

"Panta rei", resolveu Platón. Van xa sete anos desde que semellante modelo entrou en aberta crise: así en Madrid como en Barcelona -ninguén lembra por aló a D.Artur Mas e a Dna. Núria de Gispert acudindo ao, cercado, Parlamento en helicóptero? "Se vogliamo che tutto rimanga come è, bisogna che tutto cambi": en contra dos designios de Jaime Peñafiel, Letizia ("Letisia") Ortiz Rocasolano veu sentar, daquela, no trono das Españas.

Primeiro foron D. Pablo Iglesias Turrión e mais os seus: "podemos?, si podemos!", os que consideraron que os tempos eran chegados e que a cousa non podía agardar xa máis. Agora, polo visto, vén ser o turno desoutros adversarios seus, ataviados de laranxa fluorescente. En calquera caso, os uns e mais outros fíaron/fían non só nas enquisas senón igualmente na presenza nas redes sociais, mundos cibernéticos e, desde logo, no concurso dos apoios mediáticos. D. Albert Rivera, ademais, conta cunha (suposta) querencia do electorado en favor dun Estado máis centralizado; unha especie de (constitucional faltaría máis!) España una, grande y libre, co beneplácito de todos aqueles electores decepcionados coa brandura de Rajoy diante do reto constante do independentismo catalán e/ou coa corrupción arreo que asolaga o Partido Popular e/ou aínda tamén coa indecisión perenne das hostes (mal) comandadas por D. Pedro Sánchez Pérez-Castejón. Postmodernidade xacobina e moito Ibex35: velaí a receita.

O malo -para D. Albert e tutti quanti- é que esa España das tres patas permanece, a pesar de todo. Permanece aínda que só sexa por aquilo dos intereses creados. Daquela, que fará o ascendente líder de C´s cando, si ou tamén, se vexa na ocasión de artellar novos pactos? De veras pensan, el e mais os seus, que é posible transformar as montañas en chairas e/ou viceversa? Que lles dará de comer -ou que posto laboral inventará para eles- aos parados andaluces? Como resolverá a crise demográfica galega? Con quen -e con qué- atenderá as demandas dos pensionistas? Aceptará formar un goberno paritario? Acudirá á cabra da Lexión se o de Barcelona non se resolve? E sobre todo: onde vai colocar os seus e mas as incotables "camisas nuevas" que, cal abellas ao mel, se virán anotar á movida? Naturalmente, o Sr. Rivera ten todo o dereito do mundo a predicar a súa oportunidade. Naturalmente, é lóxico que algúns nos fagamos, mentres, semellantes preguntas.

"Aprovechategui": sen dúbida, experto idiomático recoñecido que é, D. Mariano coñece ben o termo castrapo-euskera: "aprobetxategui". Sen dúbida,igualmente, que, en pleno revival dos 80, lle vaia espetar calquera día destes ao seu competidor aquilo de "¡para el carro, Menelao, que vas de lao!" E é que tratándose de Rajoy, o rei das citas, está claro que "los muertos que vós matáis gozan de buena salud."

Compartir el artículo

stats