Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

César Alonso de los Ríos

Souben da súa morte e agora poño loito nesta Segunda Feira. Lémbroo en Triunfo, aquela revista que se evadeu no burca escuro do franquismo extremo e que, en 1966, ergue en Madrid bandeiras de predominancia crítica. Estou a falar de César Alonso de los Ríos, que me levou a colaborar en Triunfo. Daquela facían Triunfo Víctor Márquez Reviriego e César Alonso de los Ríos, como redactores en xefe e únicos redactores. Eduardo Haro Tecglen exercía, coido, como subdirector. Moitos lembran Haro Tecglen como autor do concepto de "desencanto" para nomear un certo estado de ánimo que coincidiu con ascensión ao trono do rei Juan Carlos I.

O director de Triunfo, ao cal nunca coñecín, era un misterioso Miguel Ángel Ezcurra. Corrían tempos nos que Raimon cantaba en Madrid "El Vent" e as esquerdas universitarias aplaudían e asumían os dereitos nacionais de Galicia, Euskadi e Catalunya (ou mesmo Paisos Catalans). A fórmula de Triunfo era simple: tratar desde o marxismo a política internacional ao tempo que se gardaba silencio sobre España. Por veces se escribía con eufemismos e "mots de couverture" aprendido en Gramsci, a quen moito en Triunfo aprezaban.

Encomedoume é César un artigo longo sobre Portugal. Escribinllo na liña PCP, e publicouno Triunfo ocasionando que se estimulasen certos rancores históricos no círculo atlantista de Mário Soares. Leveime moi ben co cadro dirixente de Triunfo. Mesmo me encargaron un texto no extraordinario titulado "Los Españoles", no que me permitín, moi mediatizado daquela polas ideas histórico-antropolóxicas de Carlos Alonso del Real, definir Galicia como Nación. César Alonso de los Ríos era axente principal daquela milagre que Triunfo resultou ser. Nas citas da clandestinidade, a cegas, coidábanse os activistas de non levaren un Triunfo como contraseña, pola identificación da revista coa esquerda. Logo o Triunfo fíxoselle innecesario a certa xente na Transición. Aínda César intentou con otros unha segunda vida para a revista, que foi La Calle. Tamén Alonso de los Ríos chamou por min; e funlle. Pero os mesmos iniciadores do proxecto non estaban xa dacordo con el, e produciuse o paso do carrillismo (xa sen enfeites) a unha vaga socialdemocracia sen lugar na escena deseñada, e a cultura madrileña de esquerda sucumbiu aos garamelos que lle ofrecía a fin da Historia. Marx, unha vez máis, morrera, aínda que, coma sempre, non deu morto. César Alonso de los Ríos dirixiu o xornal de Germán Sánchez Ruipérez, patrón de Anaya, e de aí pasou a territorios nos que eu non quixen velo. Séxalle a terra leve a César Alonso de los Ríos.

Compartir el artículo

stats