Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

OS CAMIÑOS DA VIDA

Xosé Luis Méndez Ferrín

A fragmentación política do Mundo

"Todo tende á unidá, lei de entre todas,/ A máis ineusorabre do Progreso". Curros escribiu isto en certo poema e despois non sabía como saír dunha afirmación dogmática que borraba Celanova e Galicia do territorio do Futuro. Unha das falsedades máis extendidas e aceptadas hoxe é a que di que o mundo tende á unidade política. A verdadeira Unidade correrá, espero, nun Planeta comunista; non na era vixente.

Non hai moito o piñeirismo e o PNV profetizaban que a unidade europea traería a atenuación da España e un afloramento paradisíaco de Galicia con Cataluña e o País Vasco. Non foi posíbel por esa vía europeísta. Teño sobre a mesa a lista dos estados independentes do Mundo, 192, dos que excluímos Kosovo porque o tal monstruo é un país delincuente ou sexa fóra da lei internacional e do consenso ético da esquerda.

Eu vin nacer a maior parte dos estados actualmente existentes. E a maior parte dos meus lectores viu nacer algún deses estados independentes. Eu, por parte, identifiqueime coa loita de liberación nacional de Alxeria, ao abeiro de Sartre, cando os comunistas franceses, "á rebours" de Lenin, a condenaban. E a máquina Underwood de 1930 na que escribo esta columna aínda viu máis independencias ca min: Poucas anexións e, a maioría delas relacionadas con Alemaña.

A Idade Contemporánea naceu en 1776, cunha Declaración (precisamente) de Independencia: a dos EE UU. País este que comezou defendendo e difundindo o dereito internacional de autodeterminación. Logo, en 1789 e 1793, Francia formalizou e ofreceu á Humanidade os dereitos individuais. Aquel que escriba os nomes dos actuais países soberanos do Mundo por orden alfabética, de Alghanistán a Zimbawe, sentirá en que dirección sopra o vento da Historia.

A tendencia non é á unidade, senón a fragmentación, á diversidade. Tal e como nos ensina a ciencia, e o materialismo dialéctico, que ocorre na Natureza. Houbo imperios, e bloques e poderosos estados. Ningún dos grandes durou. Caiu Roma, caiu Bizancio. Alexandre e Gengis Khan duraron o tempo dun sospiro. Un intre pareceu que o imperio norteamericano era quen ordenaba en exclusiva o Planeta. Mais a globalización esborrallouse e o fin da Historia foi o final dun conto de medo.

Aínda que a nós nos toque soportar a adversidade, un tempo novo albíscase nesta vella Fisterra e Curro estivo errado do mesmo modo que, as veces, o mesmo Homero dormita.

Compartir el artículo

stats