En relación ao artigo de opinión publicado o pasado día 3 de maio e asinado por Joaquín Rábago "Cómo Alemania combate el antisemitismo" desexaría facer algunha aclaración.

Fálanos o sr.Rábago dun programa da televisión alemá no que participaban cinco poñentes nun debate sobre o preocupante medre na actualidade do antisemitismo en Alemaña, salientando o autor cal é a posición que sobre o Estado de Israel ten un dos participantes e nada dicindo sobre o resto dos intervintes. Para comprender por que o sr.Rábago achega esta información sobre un dos participantes abonda con ler unhas poucas liñas máis deste artigo no que sob a escusa de falar sobre o antisemitismo en Alemaña o autor en realidade do que quere falar -e fala- é sobre Israel. Esquecendo intencionadamente o autor que o Estado de Israel cumpre precisamente o vindeiro día 14 do mes que andamos 70 anos mentres que o antisemitismo conta xa a súa longa vida por séculos e incluso milenios.

Cóntanos tamén o sr.Rábago que "todos defendieron el derecho de Israel a existir". Obviamente! (digo eu), non entendo por que ninguén desde a racionalidade poida cuestionar este dereito. E continúa o sr.Rábago dicindo que "nada se dice en cambio sobre su comportamiento (Israel) tanto en relación con los territorios ocupados como con la banda de Gaza".

Ate aquí é onde evidentemente quería realmente chegar o autor xa dende as primeiras liñas do seu artigo, cando establece unha pretendida e falsa relación entre o antisemitismo secular e as políticas que poida facer ou non o actual Estado de Israel nado coma sabemos no ano 1948.

O odio antisemita, sexa en Alemaña ou no resto de Europa ten raigames moi fondas na terra máis escura dos tempos. Odio cimentado no medo "ao outro" desde os tempos nos que o xudaísmo era a única relixión monoteísta nun mundo politeísta. Construído e acrecentado logo co nacemento do cristianismo que fixo culpables aos xudeus da "morte de Cristo" para ser logo e ate hoxe, asumida a xudeofobia coma fácil recurso á hora de atopar cabezas de turco cando se procuran culpabilidades colectivas de calquera crise social. E desgraciadamente temos na historia moitos e duros exemplos de como "o xudeu" foi a vítima propiciatoria ideal para algunha das maiores infamias que o ser humano foi quen de cometer. En Alemaña e non só en Alemaña.

O antisemitismo existe moito antes do nacemento en 1948 e por mandato de Nacións Unidas do Estado de Israel. Responsabilizar, establecer falsos vencellos entre as políticas que un goberno israelí poida facer e a doenza secular da xudeofobia non só non ofrece ningunha resposta ou explicación seria ao por que existe e persiste, senón que obxectivamente contribúe ao seu medre ao darlle unha falsa "explicación" baseada no antiisraelísmo ao medre do antisemitismo.

Podemos facer debates sobre o conflito palestino-israelí con toda a lexítima crítica que cada quen teña a ben facer. Pero pretender relacionar as decisións de setenta anos de gobernos de Israel coa xudeofobia é realmente -consciente ou inconscientemente- unha posición antisemita.

*Presidente de la Asociación Galega de Amizade con Israel