A anunciada concentración parcelaria na zona de Oleiros (Silleda) ten aos veciños temorosos de que poida arrasar arboredo, camiños e valados e outros bens de interese patrimonial, como vén acontecendo noutras parroquias, sen que as distintas administracións fagan nada por evitalo.

Logo de que algúns veciños, sensibilizados co patrimonio e o medio natural, mandaran aviso de que no lugar ían comezar os traballos da Zona de reestruturación parcelaria de Oleiros, fomos botar un ollo acompañados do noso colaborador Lito Andión, bo coñecedor destas terras que encostan dende o Monte Chamor deica o río Deza e persoa recoñecida pola súa defensa ambiental da comarca.

Xunto coa maioría das terras da parroquia de Oleiros, entran na concentración parte doutras nos lindeiros de Cortegada e Laro onde os de Oleiros tamén teñen propiedades. Na parroquia de Oleiros quedan fóra os montes e carballeiras que rodean o Castro Montaz deica o lugar da Laxe e a Devesa, propiedade dos da Casanova na súa maior parte, repleta de arboredo e mato nun meandro do río Deza.

Como vén acontecendo noutras parroquias dezás, temen os veciños que, antes de que se concentren as terras e se permuten entre os propietarios, o arboredo que aínda ocupa boas extensións na parroquia sexa arrasado polos seus actuais donos, co ánimo de que non pase a outras mans. Tamén lles preocupa que moitos valados sexan derrubados para xuntar fincas ou ampliar accesos, malia a súa condición de elementos patrimoniais que agora gozan de protección; e que o enlousado dos antigos camiños -entre eles, un de arrieiros, que vén dende Laro- poida quedar baixo o asfalto para sempre.

Hai receo entre os veciños desta zona e mesmo das parroquias lindeiras que piden que non se permita chimpar nin unha árbore ata que remate o proceso de concentración ou, se fora preciso facelo, que se estude cada caso en particular. O Seprona e as autoridades municipais deberán evitar que se abra a veda da corta indiscriminada do arboredo e máis agora que o escaso valor das castes nobres nos serradoiros xa non xustifica a corta indiscriminada de carballeiras e soutos para obter un rendemento económico.

Tres castros e petróglifos

Oleiros é a única parroquia da comarca de Deza que posúe tres castros no seu territorio: O Castro Montaz, nunha vertente do Chamor, rodeado de decenas de gravados rupestres e algunhas mámoas que radican nun territorio preto do lugar da Laxe que quedara fóra da concentración; o Castro da Devesa, nun meandro do Deza, tamén fóra da concentración; e o Castro das Orelas, no centro da parroquia, con fincas de varios propietarios, que debería contar con protección e deixarse para o común polo seu valemento arqueolóxico.

No tocante a muíños, pontellas, cruceiros, hórreos, fontes e outras construcións populares ou relixiosas, coidamos que non fará falta insistir con respecto á súa conservación e aínda á mellora dos seus contornos. A parroquia, ademais de todos os valores prehistóricos, conta cunha igrexa parroquial con elementos románicos, o pazo de Sánchez Cantón, así como outros recursos que agardan aínda a posta en valor cunha sinalización axeitada e a súa divulgación en guías e publicacións.

Concentrar ten que ser sinónimo de ordenar, conservar e non destruír; e as distintas consellerías da Xunta -Medio Rural, Cultura e Medio Ambiente-, así como o Concello de Silleda e mesmo os representantes dos titulares elixidos para formaren parte do Grupo Auxiliar de Traballo desta parcelaria, deberán procurar que a concentración que se pretende levar a cabo traia beneficio para as persoas propietarias e non supoña perdas para o patrimonio colectivo.