Dado que ambos somos, que se dicía noutrora, dunha idéntica quinta -para alén da común cidadanía galega, de gastarmos barbas e lentes e de cursarmos estudos durante a mesma, compostelá, xeira uiversitaria; velaí todas as semellanzas-, coido ser quen, con licenza de Vdes., de poder entender un tanto a ideoloxía -isto é, a imago mundi- na que vén militar de certo D. Mariano Rajoy Brey.

Desde logo, e desde a óptica de determinados sectores -por veces, absolutamente contrapostos-, conforma xa un lugar común vir cualificar o (aínda!) presidente do Goberno das Españas e 155 engadidos como alguén aqueixado dunha -incurable?- indolencia e desleixamento socio-político arreo. Acusado, daquela, de padecer medo escénico, de resultar suxeito de variadas fobias -"los maricomplejines existen", no dicir do inefable caricato Jiménez Losantos- do que non cabe ningunha dúbida é de estarmos diante do dirixente máis conservador na historia da II Restauración española: e tanto é así que ben se puidera escribir sobre el que se trata dun político do século XIX, nacido no século XX, que está a exercer o seu mantado presidencial no transcurso destes primeiros compases do XXI.

"Pongan ustedes ahí que son españoles... los que no pueden ser otra cosa". Declarado pesimista histórico -tal parece que pronunciou dita sentenza durante a redacción da Constitución de 1876-, Antonio Cánovas del Castillo carecía, en calquera caso, dunha mínima fe nas virtudes dos seus compatriotas e de aí, en consecuencia, que fose argallar todo aquel envurullo da I Restauración. "Ten bos principios... e non penses": nin Hegel, nin Kant, nin -arrenégote demo!- Marx ou Lenin; tampouco Stuart Mill, Adam Smith ou mesmo Bernard Williams. En fin, nin tan sequera Thomas Paine -e iso que o pensador e escritor estadounidense ten no seu haber un título como "O sentido común", polo que cabería que o noso protagonista fose "picar"-; talvez, Gonzalo Fernández de la Mora e "El crepúsculo de las ideologías"? "Verás Vde. Non sei, non sei que dicirlle, realmente -retrucou, e retruca, o Sr. Rajoy Brey. A min todo iso paréceme demasiada filosofía. Vaia; é que... coido que tampouco hai que poñerse a debater tanta cousa; ademais, o sentido común demostra con total claridade que iso da revolución é unha simple ocorrencia, cousa de xentes que non teñen máis nada que facer, e aquí, qué quere que lle diga, non estamos para semellantes brincadeiras." En efecto, "un vaso é un vaso e un prato é un prato; polas estradas teñen que circular coches e dos aeroportos teñen que saír avións; exportar é positivo porque, daquela, vendes o que produces; farei todo o posible e incluso o imposible, se tamén o imposible é posible." Ou dito doutro modo: "canto peor, mellor para todos e canto peor para todos, mellor..." Ou non.

Apenas crente -iso si: un sólido crente- nas verdades moi solemenes do Dereito Romano, nas disposicións fiscais, na Lei Hipotecaria, na Inscrición de Actos de Natureza Urbanística, nas obrigas do vendedor e do comprador..., dos dereitos lexitimarios e mariachis adxuntos, nin a trama Gürtel nin tampouco o caso Bárcenas; nin a Operación Púnica nin a trangallada de Bankia; nin sequera o affaire Cifuentes han de prevalecer. Coñecedor, e sobre todo practicante dilixente, da célebre frase atribuída a Giulio Andreotti -"o poder desgasta, pero a oposición desgasta moito máis"-, Mariano Rajoy agarda sempre a que todos os ruídos, todas as campañas, todas as pancartas, todas as voces que corean "dimisión!", todos os movementos sociais, culturais, políticos..., todas as investigacións e sacudidas xurídico-mediáticas conclúan na afonía e/ou no cubo do lixo. Este, seu, modesto cronista descoñece se D. Mariano é/foi lector de Gaetano Mosca; porén, está ben claro que, como aquel politólogo italiano de outrora, o Sr. Rajoy -antiigualitarista convencido- acepta a democracia, mal menor, como un método de selección de élites. Xa que logo, deberían ir desesperando ben D. Albert Rivera Díaz e mais afíns respecto de calquera especie de consideración, ou trato correspondente, por parte do actual inquilino de La Moncloa; xamais de xamais vai consideralo Rajoy como membro desa sorte de aristocracia que lle permitiría ao galego, se a crolonoxía así o tivese disposto, desempeñar o cargo de Conselleiro de Comercio Téxtil no desaparecido Imperio Austro-Húngaro ou mesmo esoutro de Ministro de Pesca Fluvial na extinta Unión Soviética. Acaso, a única fantasía que se permite D. Mariano -canso de contar xuíces Llarena nalgunha noite de insomnio- vén ser aquela de ser capaz de facer retornar á vida (política, claro) a alguén moi parecido a Josep Antoni Duran i Lleida e transformalo axiña en novo presidente, por fin!, dunha Generalitat amiga.

Quietude, sosego, lecer..., desfiles de Semana Santa, camiñatas no Salnés e tardes de touros en Pontevedra y olé: velaí as Españas infindas do Sr. Rajoy. Os seus contrarios, incapaces e inermes, debátense mentres na impotencia febril. E sen embargo... mal que pese, e dimisión de Cristina Cifuentes polo medio e medio..., eppur si muove!