Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribuna libre

Antón Tovar, no Museo da Limia

A produtora Visualq.Ourense sacou a rúa un CD co título Casares, Valente, Tovar. Ourense, Xenebra, A Limia, que recolle fragmentos das entrevistas realizadas aos tres autores ourensáns por parte do xornalista e escritor Xosé Manuel del Caño e que foran reproducidas con anterioridade nos seus libros Cen Galegos (1993), Ourense, Atenas de Galicia (2014) e Antón Tovar. Conversas cun vello revoltado (2005). Unha lección de vida para cantos seguimos a sentir a emoción da súa presenza fecunda.

Tres figuras relevantes do noso panorama literario, extraordinarios creadores no ámbito da narrativa e da poesía respectivamente, entre os que se estabeleceu un forte vínculo de mutua admiración. O recoñecemento de Galicia a Carlos Casares chegou coa súa designación para as Letras Galegas do ano 2017. As homenaxes correspondentes a Antón Tovar e a José Ángel Valente, con certeza, non han de tardar en chegar.

O Museo da Limia, en Vilar de Santos, acolleu onte o acto de presentación do compacto e do libro, coa reivindicación de que a Real Academia lle dedique a Antón Tovar o Día das Letras Galegas 2019.

Casares

Un Carlos Casares novo e vigoroso fala dunha viaxe transcendental na súa vida. Esta conversa dá pé a un relato do libro Cen Galegos de Xosé Manuel del Caño, publicado por Limbo no ano 1993.

O 11 de setembro de 1970, nun tren que vai de Bilbao á Coruña, no treito Ourense-Santiago, Casares coñece unha moza alta e loura, Kristina Berg, unha sueca que fixera estudos de Náutica. O escritor dille a Kristina que sería un pecado non se deter a visitar Compostela. Námoranse ao instante e ao cabo de mes e medio celébrase o casamento.

Son moitas as reflexións a respecto da literatura que Carlos Casares vai verter ao longo da súa vida. O escritor de Xinzo de Limia entende que a categoría "o mellor", aplicado á literatura, non existe. As súas recomendacións literarias van das obras das figuras do grupo Nós - Arredor de si de Otero Pedrayo; O porco de pé, de Vicente Risco, e Os dous de sempre de Castelao- ás dúas novelas galegas de Eduardo Blanco Amor ( A esmorga e Xente ao lonxe) e a autores interesantes como Álvaro Cunqueiro, Méndez Ferrín, Víctor Freixanes, Manuel Rivas, Xavier Alcalá, Suso de Toro ou Xosé Fernández Ferreiro.

Das creacións propias, salienta as novelas Ilustrísima e Deus sentado nun sillón azul, das que se sente máis satisfeito. No seu extraordinario libro de ensaios literarios Un país de palabras, acertada metáfora de Galicia, Casares recolle singulares reflexións sobre a creación literaria e sobre algúns dos máis significados escritores galegos: Álvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ánxel Fole...

O seu gusto pola biografía lévao a escribir as vidas de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Manuel Curros Enríquez, Ánxel Fole, o padre Sarmiento e Ramón Piñeiro. Deixou inconcluso un libro de conversas con Álvaro Cunqueiro.

Valente

O poeta José Ángel Valente, autor de máis de 20 libros de poesía, fala, cheo de saúde aínda, dos dezasete primeiros anos da súa vida, os únicos que transcorren en Ourense. Son palabras da conversa con Xosé Manuel del Caño na viaxe de retorno de Ourense a Santiago, despois da homenaxe que lle tributa a revista Follas Secas en maio de 1998. O texto aparece recollido no libro Ourense, Atenas de Galicia, publicado por Linteo no ano 2014.

Valente pertence á xeración dos nenos da guerra. Na memoria da infancia, imponse a figura matriarcal da tía e madriña Lucila, coa que dorme e á que acompaña ás reunións de mulleres que se xuntan na igrexa de Santa María Nai. A crianza neste ambiente feminino favorece a sensibilidade, a emoción, a imaxinación. De saúde delicada, nunca vai participar en campamentos nin actividades da Falanxe nin do Movemento Nacional. Na memoria fica tamén a festa ou romaría de san Lázaro, que convoca centos de romeiros.

Estudante no instituto do Posío, non pode deixar de evocar o parque-xardín, inmenso e fascinante na lembranza, presidido polo busto do poeta cego Valentín Lamas Carvajal, onde gusta de entrar para o encontro coas rapazas.

Na casa familiar, a dependencia preferida é o gabinete, un espazo misterioso cunha mesa de despacho e unha biblioteca que fora do crego Basilio Álvarez. Aquí comeza a ler libros fantásticos que despertan a paixón da lectura e da escritura. Así nace a vocación polo oficio. Libros de Historia, libros de crónicas de Indias, novelas, libros pornográficos da ante-guerra, ... Libros prohibidos que propician a descuberta do corpo feminino.

O poeta vive dúas vidas paralelas: unha secreta, clandestina, oculta, que o leva a mundos marabillosos; outra de neno exemplar, devoto, bo estudante. Son como dúas personalidades que acaban por se soldar na condición de home maduro.

Antón Tovar

Escolares do colexio público de Rairiz de Veiga, de entre sete e once anos, póñenlles voz nova ás palabras do escritor ao leren fragmentos do libro Antón Tovar. Conversas cun vello revoltado, publicado por Galaxia.

A memoria fértil de Antón Tovar volta a miúdo aos espazos da ledicia infantil e aviva vivencias que nunca adormeceron de todo no berce da existencia, recuperadas e recreadas tantas veces na emotiva obra literaria. No centro, a farturenta casa grande da Pereira na que aínda está a cama especial onde nace o poeta.

Aquí está o estabelecemento comercial mellor abastecido da volta, o comercio do tío Pepe Bobillo. Foro lúdico e social que non pecha nunca as portas, cunha adega ateigada de xamóns e pipas de viño do val de Monterrei, onde algúns se atreven mesmo a falar dos presos do convento de Celanova fusilados no alto do Furriolo.

As horas pasan calmas e gratas na solaina, atalaia desde a que a vista abranxe a quietude da chaira fascinante e dos xigantes pétreos que a rodean. A fala da aldea desperta vivo interese no Tovar adolescente, que acabará sentíndose pastor e labrego da palabra.

Na casa da Ponte, en Ourense, polas festas de Nadal, a familia facía o tren, un tren humano. El tren y las cosas (1960), o seu primeiro poemario, escrito en español, recrea as vivencias e saudades desta época. Con el gaña o premio de poesía Marina, convocado pola Deputación de Ourense.

Na casa familiar, imponse a figura da Susa (Xesusa), que se vai converter na segunda nai do autor. A fiel e protectora criada, á que Tovar dedica o magnífico poemario Non, é compendio e símbolo da vida e saber campesiños, forte e duradeiro vínculo coa neneza leda da aldea.

A Limia fala emocionada e confidencial nos poemarios galegos: de maneira destacada en Arredores, Non e O vento no teu colo; máis aínda en Calados esconxuros e Berros en voz baixa. Dous relatos do libro A grande ilusión e outros contos levan tamén ás terras da chaira limiá.

Retornan as lembranzas da casa da Pereira e do lugar de Congostro, de onde era o tío Arsenio, o home da bondadosa tía Benita. Sentados nos mazadoiros de pedra, cantan moitas cancións, como as melancólicas "Unha noite na eira do trigo" ou "Nouturnio", poemas do admirado Curros Enríquez, que protagoniza tamén as primeiras lecturas, xunto con Rosalía de Castro e Prado Lameiro.

O tempo da infancia-adolescencia é tema recorrente no universo tovariano, no que moitos elementos de vida se converten en motivos funcionais e poéticos. A infancia é á vez agarimo onde refuxiarse da frustración vital e fonte de saudade, de tristura, pois que pertence a un pasado perdido.

Os ollos da memoria volven recrear a imaxe da procesión de persoas e cabalgaduras dirixíndose cara á Pereira, cando os camiños levan riada de xente dun sitio a outro. E os paseos amenos e pausados por carreiros do monte Albán, cun caderno onde anotar fermosas palabras e expresións. O mundo campesiño é realidade omnipresente, dunha forma ou doutra, en poemas e prosas. O poeta confesa que á Pereira lle debe a lingua e as referencias da cultura oral.

Non pode faltar a etapa de formación académica: primeiro, no colexio dos Salesianos, onde nace a primeira vocación relixiosa; despois, o impoñente instituto do Posío, onde vai ter o privilexio de ser alumno do patriarca Ramón Otero Pedrayo.

Cando todo semella un tránsito penoso cara a ningures, aparecen estanzas de esperanza e redención na casa de Pena Trevinca que levan ao nome de Tucha, Antonio Mirayo Pérez, onde apagar as sedes e fames afectivas, noutra cama grande na que non ha de nacer ningún meniño.

A celebración do casamento en 1968, sen confesión nin comuñón, provoca un pequeno escándalo e desavinzas familiares. Muller relixiosa mais confidente tolerante e eficaz, é destinataria do seu máis fermoso poemario amoroso, O vento no teu colo (Poemas a Tucha). "Sosego, acougo, compaña" do poeta até o pasamento desta no ano 2000. Musa cómplice, ampárao en durísimos transos de desesperación e angustia até conseguir o acougo e a clarividencia.

Na casa grande de Antón Tovar hai arredores lúgubres e interminábeis, marcados pola súa estadía no novizado dos xesuítas, onde os atormentaban coas desgrazas que lles aconteceran aos que abandonaran a orde, que acababan en arrepiantes mortes. A experiencia do internado de Salamanca desemboca nunha neurose obsesiva que ha de condicionar a súa existencia.

Ábrese o túnel das súas doenzas físicas e psíquicas, como o "pensamento" da despersonalización, que non lle permite distinguir entre o que pensa, o que soña e o que vive.

O relato "O pensamento" narra o seu internamento no sanatorio psiquiátrico La Cigüeña de Aravaca (Madrid) para se curar dos males da cabeza e da alma. Aquí non para de escoitar os berros desesperados dos tolos do soto, un lugar de separación infernal, de soidade e tolemia, con dous irmáns xemelgos que pasan toda a noite a se laiaren.

Compartir el artículo

stats