Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

OS CAMIÑOS DA VIDA

Xosé Luis Méndez Ferrín

Mázcaras fóra

Pasou o Entroido e nunca Galicia insistiu tanto nas súas figuras e disfarces tradicionais. Resustaron, máis ca nunca, os felos, reforzados polas fotografías e poemas de Emilio Araúxo e dos seus colegas de todo o mundo. E cos felos, as máscaras ou mázcaras ancestrais: peliqueiros, cigarróns, boteiros, pantallas. Rituais, eternos, eles regresan aos vales orixinarios do Suleste de Galicia e móvense como se movían cando eran deuses. Risco asociounos coas sociedades de máscaras dos Doghon africanos. Hai figuras de Entroido semellantes ás nosas, e mesmo con chocallos e pelicas, en diversos lugares de Europa. Normalmente montuosos, coma Euskadi, Sardeña ou Basilea dos Campos (Suíza). Misterios etnográficos ou abismos para a evocación! Sempre crin que hai un Entroido onde o cristianismo meteu, todos xuntos, deuses e figuras míticas de antano; se calla, da prehistoria. "Viva o Entroido de eiquí", que din en Laza. Logo están os Entroidos galegos con figuras que non tapan a cara. Uns son ecuestres e relacionados con fronteiras das tribos, caso do Entroido da Ulla que chega ao Castiñeiriño de Compostela. Marcial Valladares tiña os cabaleiros do Entroido da Ulla a darse o alto pé da fiestra do despacho onde escribía Maxina ou a filla espúrea, e non os viu nin oiu. Viu so o carnaval burgués de Santiago, que meteu na novela so a forma de "Comparsa dos Magnetizadores". Valladares amosa que, no seu tempo, os señoritos coñecían Mesmer pero non lle concedían atención aos xenerais montados a cabalo nin á corte celestial dos Cobres de Vilaboa. Tamén hai un Entroido medieval que está vivo, e moito, en Galicia. É o Entroido farsante e bulrista cuxa pegada na literatura europea descobriu Mikhail Bakbtín, crítico e teórico soviético. Quedan por aquí e por acolá, en Galicia enteira, "Testamentos da Burra": "A burra morreu/ quitáronlle os dentes/ pra o día da voda/ darllos aos parentes". Falamos dun Entroido que ataca, satiriza, desafía, sequer minimamente, o poder. O da igrexa, o dos señores, o do estado de cousas dominante. Hai pois varios estratos e camadas diferentes no Entroido de Galicia. A reforma protestante combateu e erradicou o Entroido alí onde chegou a ser hexemónica. Logo combateuno a igrexa católica. Franco prohibiu o Entroido porque tras do piliqueiro ou do cigarrón de Verín pode agocharse un partisano organizado na rede comunista. Esoutro día o pregón crítico do Entroido de Compostela foi condenado polos bispos e polos carcas todos do catolicismo nacional de España. Mázcaras fóra!

Compartir el artículo

stats