Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pe do farelo

O crego de Guitiriz

Vaia por diante que eu non son quen para falar con criterio, minimamente sequera, de relixión e moito menos da católica, desta santa nai católica e apostólica de Roma, por varias e diferentes razóns, e na procura de gardar unha certa equidade e principios, xa que non son practicante, e mais ben me considero un agnóstico descrido.

Unha vez deixado patente a miña ignorancia, neste coma en moitísimos outros temas, si que me subrogo o dereito a ter opinión e téñoa, dende logo coma calquera, ben formada sobre a petición estes días publicadas nos xornais, do Sr. crego de Guitiriz, D. Luís Rodríguez Patiño, "O Pai Luís", coma é coñecido polos seus feligreses das parroquias de Guitiriz e Xermade en Lugo, ou de Aranga (Na Coruña); da excomuñón ou expulsión da Igrexa, coma comunidade, comuñón de crentes practicantes católicos, dos ínclitos presidentes; Sr. Rajoy e Sr. Feijoo, porque coma recollía no seu ideario Santo Tomás; "Los que operen con usura no pueden estar con la Iglesia".

Quero recoñecer, que no fondo as miñas simpatías están co pai Luís, e mesmo a razón e o sentido común, me indican que se a Igrexa fora consecuente e o Vaticano algo máis que un niño de vetustos cardinais de orondos cus, máis preocupados pola boa vida que pola mala de moitos dos que chaman eufemisticamente "fillos", pois digo que efectivamente estes dous, e moitos outros, banqueiros, empresarios, políticos usureiros, sementadores de dor e morte, tiñan que estar hai anos fora do palio eclesiástico. Xesús, botounos fora do templo, aos escribas e fariseos, a golpe de látego, e díxonos que era máis doado que pasara un camello polo ollo dunha agulla que eles entraron no reino dos ceos. O pai Luís, pide que se lles excomungue e expulse da comunidade por ser culpables, e cómplices de dor, miseria, fame e ruína de moitas familias e persoas, sempre os mais pobres e desvalidos, os esquecidos invisibles que non contan para ninguén, porque sonche culpables de falla de humanidade e amor polo próximo, tal e como predica a doutrina cristián

Posiblemente para moitos esta petición deste crego que xa no ano 2013 predicaba contra a corrupción do PP, a usura dos seus amigos banqueiros e os políticos corruptos, e que mesmo chegou oficiar unha misa na estrada de Moman a As Pontes, para pedir a súa mellora, tan so provoca un sorriso, ou hilaridade, mesmo algúns pensaran del que está tolo.

Eu pola miña parte, comparto a súa denuncia e solidariedade cos menos afortunados, os parias, os miserentos, e fágoo dende fora desta comunidade católica, xa que vexo que dende dentro poucos ou ninguén van facer nada.

Compartir el artículo

stats