Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Que foi feito do Dalai Lama?

Os EE UU, nunha nova liña de combate

No seu exilio protexido polos EE UU, o Dalai Lama soía emitir mensaxes mínimos que ás veces el oralizaba en xiras internacionais. Asisto preocupado ao silencio do Dalai Lama, a cuxo respecto chéganme informes dubidosos que din que esta encarnación de Buda anda en tratos para regresar a Lhasa so a protección do PCh, cidade da que o coitado nunca deberá de fuxir. Como é sabido a promoción do independentismo do Tibet é unha das frontes estratéxicas do imperialismo norteamericano para enfeblecer o poderío da R.P. Chinesa. Outra é axitar en Sinkiang o islamismo louco. A este respecto debo acordarlles que foi na China islámica onde se destruiron por primeira vez figuras que representaban a Buda. Finalmente, o normal: intelectuais, artistas e xornalistas que aló e acolá denuncian as fallas de libertade e claman por un capitalismo ceibe da rigurosa tutela que sobre el exerce na China o goberno comunista. Dado que China crece e sen pausa, os EE UU parece que se están a entregar a unha nova liña de combate. Esta vez fora das fronteiras da RPCh, e mar por medio. Están a inventar unha pentarquía para intervir o comercio exterior marítimo de China. Visto que a alianza eurásica con Rusia é blindada e dado que o pobo de Corea avanza cara a reconciliación sen perder o xorne nacional popular nin estragar o Norte medio megatón, o Imperio retrocede no Pacífico e recorre estes días a unha especie de ideal Talasocracia, ou intento de tal. Os EE UU pretenden soldar Xapón (a quen odia toda Asia) coa India (con máis caras ca avatares tén Visnú) e con aquela Australia que foi "forte nó sen rival" entre Inglaterra e a Unión desque temos memoria individual histórica. A isto en Vincios, chámalle "tornafogos". As catro potencias coaligadas agora contra China, e iso é o Mal, ostentan en cualidade de líder uns EE UU diminuídos, en retirada e cunha especie de guerra civil a rillarlles o corazón administrativo. EE UU acaban de perder a guerra contra o goberno laicista e panarabista de esquerda en Siria. Que lles queda contra China? Facer o ridículo decretando un boicot internacional e prohibindo que os fluxos de containers asiáticos acugulados crucen o Pacífico e o Índico, ou sexa, as augas máis intensamente mercantís do mundo nesta hora? A decadencia do Imperio acentúa o accionar grotesco dun novo Heliogábalo en canto a esquerda sistemática da UE chora por Hillary. Chora pola súa Evita.

Compartir el artículo

stats