Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Nós, esperpento

Vénsenos á memoria o probe, esquencido Pedro Muñoz Seca. Precursor do teatro disparatado, fixo rir a todo Madrid e a España de clase media con comedias, ou cousas así, que recibiron o nome de "astracanadas". Home de extrema dereita, Muñoz Seca perdeu a vida nos inicios da Guerra Civil. Se os columnistas actuais da Contra coñecesen a obra de Pedro Muñoz Seca poderían ter revitalizado o termo con que se designou o seu teatro do disparate de dereita.

Pero os columnistas sistémicos (transcarrillistas, socialistas de todas as renovanzas, franquistas embutidos nas tripas ideolóxicas máis diferentes) nada parecen saber de Pedro Muñoz Seca e da astracanada. Probaron, para se referir a Cataluña Llivre, con "delirio", con "dislate", mesmo, últimamente e por eiquí, acordáronse da nativa fala e redescubriron "trapallada".

Anos e anos andaron os columnistas españolizantes de Galicia dándolle as voltas a "chapuza" para pisar agora no angazo e decatarse de que "trapallada" estivera todo o tempo aí. Pero a palabra chave dos periodistas españois reximentais para se referiren á crise de estado que laña España a causa da independencia catalana é "esperpento". Sónalles aos escritores do sistema "Luces de Bohemia", pero esquéncense de comprobar como alí figura a prensa servicial. Ou non leron a Valle-Inclán ou están incurrindo en delicto de apropiación indebida, como un día escribira, e noutro contexto, Celso Emilio Ferreiro (que diga, Arístides Silveira).

Definimos con "esperpento" o peculiar expresionismo valleinclanesco que domina numerosas pezas teatrais de seu, tamén a triloxía "Ruedo ibérico" e, singularmente, a novela "Tirano Banderas". Caricaturizando, animalizando, deconstruíndo rostros, costumes, clases dominantes, intereses, ceremonias, políticas, discursos, hábitos sexuais, prácticas católicas, Valle-Inclán defróntase á España borbónica sen dó nin medo.

Eis o esperpento valleinclanesco, que tamén pode exercerse contra a cobiza prestamista da emigración española en América, contra o imperialismo económico e contra o dictador mestizo que tortura e mata arreo. A monarquía española, o exército, a nobreza e a burguesía descompóñense na imaxinación do leitor de Valle-Inclán corroídos polos cocos ou vermes blindados do esperpento. "Si buscas milagros?", rezaba o Responso de San Antonio. Se precuras esperpento, mira para o rei de España impoñéndolle o Carneiro de Ouro á princesiña.

Compartir el artículo

stats