Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Memoria do Holocausto

O pasado 12 de agosto visitamos os campos de concentración de Auschwitz e Birkenau, situados en Oswieçim, preto da cidade de Cracovia na cerna da simpática Galicia polaca. Seis horas inesquecibles, que compartimos con outros centos de visitantes (máis dun millón cada ano) procedentes de todo o mundo, no lugar de martirio e exterminio máis coñecido do planeta, na chamada "residencia e porta da morte", transformada polo goberno polaco en Museo e espazo de educación para a paz e para a conmemoración das vítimas. Soubemos de primeira man por que Auschwitz e Birkenau son o símbolo do Holocausto, quizais o sinónimo máis preciso para referirnos ao homicidio e ao terror, ao racismo, á xenofobia, á intolerancia, ao antisemitismo e á conculcación dos dereitos humanos.

Foi unha visita para nós marcante pola reconstrución detallada do relato do exterminio de máis dun millón de persoas (a maior parte delas xudías) que se estima morreron nas súas cámaras de gas, como daqueloutra infamia das que foron destruídas por unha existencia humana miserable e aniquiladora, rescatando as palabras do escritor Primo Levi, e morreron a causa da fame, dos castigos, do traballo escravo, de doenzas e epidemias, de execucións no Paredón da Morte ou dos experimentos médicos criminais do doutor Mengele.

Na reconstrución da memoria de Auschwitz resulta moi emocionante o relato que coñecimos de Anatoly Shapiro, o primeiro oficial do exército soviético que entrou no campo o 27 de xaneiro de 1945 e abriu as portas da liberdade ás cincocentas persoas que aínda permanecían alí. O comandante ucraíno lembrou anos despois que cando os membros do exército vermello entraron en Auschwitz viron "algunhas persoas esfarrapadas, non semellaban seres humanos, eran puro óso". "Dixémoslle que quedaban libres do dominio alemán, mais non reaccionaron, non podían mover a cabeza ou dicir palabra ningunha". Shapiro lembra o horror que atopou nos barracóns de mulleres e como dous meniños que lograron sobrevivir cando os viron comezaron a berrar asustados: "Non somos xudeus!, non somos xudeus!". O ucraíno non esqueceu o feito terrible de que algúns dos superviventes morreron cando probaron os primeiros alimentos que os cociñeiros soviéticos lles prepararon, "porque os seus estómagos non funcionaban", rematando a súa testemuña coa intención de que "a seguinte xeración non permita nin por un segundo que se repita de novo o que sucedeu durante aqueles anos".

Con idéntica intención, o primeiro de novembro de 2005 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 27 de xaneiro como o Día Internacional de Lembranza do Holocausto. Unha efeméride que este 2018 a UNESCO propuxo se centrase na educación e na lembranza do Holocuasto como unha causa compartida. Un foco temático que alerta sobre o feito de que o Holocausto non só afectou aos países onde se cometeron os crimes nazis, senón que tamén repercutiu en moitos outros lugares do mundo de xeito que todos os estados comparten a responsabilidade colectiva de recuperar a memoria das vítimas e "a de educar sobre as causas, as consecuencias e a dinámica do delito de xenocidio, así como fortalecer a resiliencia da mocidade contra as ideoloxías de odio".

Nesa liña saudamos as numerosas iniciativas pioneiras que nestes días agromaron en Galicia para a conmemoración do Día do Holocausto, como a exposición escolar sobre Joaquín Balboa, o preso 3833 de Mathausen, ou a fotográfica de Boix, o fotógrafo de Mathausen. Xaora, particular interese tivo o extraordinario artigo de María Torres publicado no dominical de FARO DE VIGO sobre os vigueses en campos nazis, que evidencia a existencia de cerca de 10.000 republicáns españois recluídos en campos de exterminio coa beizón de Franco e coa colaboración de Pétain, dos que 180 (122 falecidos) eran galegos e dos que 13 naceran, residiran ou faleceran en Vigo, e dos que por ventura se rescatan do esquecemento os seus nomes e o periplo das súas vidas.

Como importancia histórica ten a aprobación o 24 de xaneiro por parte de todos os grupos do Parlamento de Galicia dunha "Declaración institucional sobre o Día de Conmemoración Anual en Memoria das Vítimas do Holocausto" na que se recoñece a existencia de 200 vítimas do Holocausto orixinarias de Galicia, así como a colaboración neste xenocidio da Ditadura franquista, "que perseguiu miles de homes e mulleres que fuxiron do Estado español despois da derrota da República en 1939 e tras a instauración dun réxime fascista". Dáse así un paso simbólico senlleiro, apoiado polo Partido Popular de Galicia, para asumir a tarefa de facer memoria da ditadura, de non volver nin acalar nin agochar os crimes de seis millóns de persoas, ao tempo que ao compromiso de traballar arreo contra calquera brote de racismo, xenofobia e discriminación.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats