Como dixo o Hamlet aquel de Sir William Shakespeare: " To be or not to be, that is the question". Pois iso digo eu: Dar ou recibir, que é mellor, ou que prefiren: que lles fagan un agasallo sorpresa, nestes tempos de Nadal que alá foron, co gallo do bendito Papá Noel, invento do demo do merchandising dos americanos, ou mellor de Reis, dos de sempre, ou do Apalpador, tradición rural e popular no país que estamos a recuperar lentamente, ou de cumpreanos, ou aniversario de voda ou como sexa que sexa? Ou quizabes prefiren mellor agasallar vostedes a alguén a quen queren ben, muller, fillos, pais, amigos, tanto ten? Con que teñen máis pracer, co acto de dar ou de recibir un agasallo?

Hai quen opina que a ledicia que produce o acto de sorprender a alguén cun agasallo inesperado é tan inmensa que poucas cousas a poden superar. Evidentemente, cando no agasallo vai todo o noso agarimo e amor, e non se trata de algo rutinário e por cumprir.

Claro que tamén os hai que sosteñen que ande eu quente e ríase a xente, e que mellor recibir que non dar, que ademais nos tempos que gastamos mellor non pasarse da raia e aforrar, porque no día a día non chegamos a fin de mes, e o futuro ven máis negro ca un burato; quizabes por iso a maioría de nós prefire agochar a cachola baixo a ala, ou nun recuncho calquera escuro, para non ver o que nos están a facer, e non pensar, ollos que non ven corazón que non sinte, a tormenta perfecta: cambio da peseta ao euro, aplicacións de reformas unha trala outra sempre a prol do mesmo lado e contra os mesmos, inseguridade laboral, desprezo e ausencia de liberdade e dereitos sociais, inestabilidade, mobilidade exterior da xuventude que ten que emigrar porque aquí non hai nada que rascar, carencia de oportunidades e futuro, e as pensións máis que en dúbida.

Tal vez por iso mesmo, algúns xa tan so pensan en que, como di o refraneiro popular: Ave que vuela a la cazuela, que alomenos hoxe levaremos a barriga chea e mañá será outro día, e entre tanto corramos ás rebaixas que se acaban, fagamos dos programas lixo, os famosos reality shows, un éxito absoluto, votemos políticos corruptos que nos rouban unha e outra vez, e sexamos felices pensando que alguén nos quere e queremos a alguén, e cando menos unha vez no ano toca rascarse o peto e ir mercar un bo agasallo, que ao día seguinte xa imos a descambiar á tenda, que para iso leva tique agasallo.