Pois nada amigos, alá foi o 2017 cas badaladas dos reloxos das televisións con non traxes de pedroches incluídos, por mor das batallas polos índices de audiencia, polos que todo vale, e alá foron as nosas frustracións, os nosos fracasos e desenganos, as boas promesas no comezo do ano e todo iso que sempre unha e outra vez nos dicimos e desexamos.

E alá foron as esperanzas nun mundo mellor, nunha sociedade máis humana e xusta no que o importante non fora coma sempre o imperio dos cartos e os máis poderosos, senón a solidariedade as ilusións e soños dos máis desfavorecidos, os invisibles que como formigas pululan no formigueiro dos inframundos, sen que ninguén lles preste a mais mínima atención, xunto cos vellos cargados de sabedoría inútil, esquecidos en modernos mortedoiros, e os nenos que non contan porque non votan.

Un ano cheo de catástrofes naturais, nun fermoso planeta azul, que entre todos estamos a converter nun inmenso vertedoiro de lixo e miserias, no que hai guerras non declaradas pero sanguentas e interminables nas que xa ninguén sabe que se busca, porque todos nos esquecinmos da causa do seu orixe, que non sorprenden e que a ninguén interesa, pero nas que se mata a diario e se morre de morte mortal.

Un ano no que os ricos e poderosos do primeiro mundo mirámonos no embigo da autocomplacencia, para non ver os milleiros de desfavorecidos que en precarias pateras no mellor dos casos, cando non nas mans e deriva desas mafias da fame e do horror, capaces de buscar proveito ata na morte das mulleres e nenos, en calquera das praias deste mar Mediterráneo de tantas ledicias como tristuras e desesperacións.Deixémolo ir sen un recordo agarimoso o ano, no que o país, máis poderoso do mundo foi quen de darlle o control do botón nuclear a un tolo, engreido e perigoso. Ano no que esta aldea global na que temos convertida a economía depende cada dia que pasa un pouco máis, das grandes corporacións, os emporios financeiros, e os trusts supranacionais no que tan so contan os resultados, os beneficios e os bonus dos seus executivos e que medren ata o infinito as cifras das contas en fermosos paraísos fiscais, destes sen escrúpulos, nin principios.

Rematou logo o 2017, e agora toca poñer fin a pantomima dos bos propósitos, e bos desexos de paz, amor, felicidade, sorte e todo iso que repetimos coma monicreques ben aprendidos e comezamos de novo outros 365 días para deixar xa devagar os nosos sentimentos de home lobo, insolidario, depredador sen piedade, asasinos das almas puras que deixou de crer en se mesmo hai séculos, e que camiña cara o abismo da auto destrución irremisiblemente.