A longa andaina da Casa do Patrón acaba de cumprir 22 anos, ou sexan 8.000 días, máis de 60.000 horas de traballo de cada un dos membros do equipo dedicadas ó estudo, á recuperación, á conservación e difusión da etnografía, a arqueoloxía, a cultura e a natureza da parroquia de Doade, de Lalín, da Comarca de Deza e de Galicia en xeral.

O ano 2017 que xa remata foi de auténtica fantasía para a nosa institución, no que se acometeron numerosas e importantísimas tarefas encamiñadas a consolidación e ampliación do museo, tanto no interior do mesmo, como na súa contorna, entre as que cabe destacar a terceira campaña de escavación e consolidación do Castro de Doade, que nos permitiu descubrir un dobre foso cavado na rocha nai de preto de 4 m. de profundidade, único en Galicia, a montaxe da sala de arqueoloxía que contén os 17.000 restos arqueolóxicos mobles deste castro, a construción dunha réplica da gran casa castrexa da Aurela, que enchemos de vida con múltiples recreacións para os nenos dos nosos colexios, o deseño, limpeza, sinalización e homologación da ruta circular de sendeirismo do Castro de Doade composta por 14,5 km. de sendeiros de gran beleza paisaxística, a sinalización turístico-cultural integral da totalidade dos puntos de interese da parroquia, a malla, a fía, as xornadas de menciña natural, a recollida, restauración e catalogación de pezas, a atención e guía de 13.000 visitas ó noso conxunto etnográfico, 5.000 delas nenos de colexios galegos que aquí fixeron os seus obradoiros...

Para culminar o exercicio, obtivemos a concesión dun dos premios de Agader pola nosa humilde pero constante e continuada contribución á mellora do medio rural e coa edición do libro A Casa do Patrón, o gran Ecomuseo do mundo rural galego, un traballado compendio destes 22 anos da historia do museo, no que se debulla polo miúdo o pasado, o presente e o futuro deste gran complexo etnográfico, arqueolóxico, cultural e turístico do máximo nivel, demostrando ademais que cumpre de sobra os parámetros requiridos para ser catalogado como aquilo que é fai varios anos: un verdadeiro ecomuseo, auténtico prototipo da vida de antano no campo galego.

É precisamente todo isto o que nos estimula para continuar por esta marabillosa senda do servizo a Galicia e as súas xenerosas xentes ás que todo lles debemos e cuxa impagable colaboración tentaremos devolverlles multiplicada.

Vaia dende aquí a miña máis profunda gratitude ó grandísimo equipo humano da Casa do Patrón, ó contrastado respecto, apoio e cariño dos nosos veciños e ós milleiros de leais colaboradores cos que contamos ó longo e ancho da Nosa Terra, ós que lle prometemos comezar o vindeiro ano con ánimos renovados, redobrando o noso máximo esforzo para intentar corresponderlle como se merecen.

Para todos eles, Bo Nadal, saúde, forza, ilusión e a maior das sortes no ano que alborexa, o 2018, un gran reto para todos, que acometeremos da mellor das maneiras: traballando a reo, coa fe e a esperanza necesarias para soñar coa consecución dun mundo mellor.

*Presidente da Casa do Patrón