Van redactadas as presentes liñas despois de que, por fin!, a primeira borrasca, temporal, galerna -ou, se así o prefiren os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais- cicloxénese explosiva, que atendeu por "Ana", deitase sobre os campos, montañas, ríos, ribeiras...., aldeas, vilas e cidades do fogar de Breogán a tan redentora como devezada chuvia pola cal as boas xentes andaban a pregar día si e día tamén. Escribe, pois, o cronista logo do paso de "Ana" e agardando, ademais, que "Bruno", "Carmen", "David", "Emma"... tamén acudan onde nós, sen présas pero, así mesmo, sen demoras. En fin, que o outono, o inverno..., as estacións e mais os meses do ano volvan polo seu. Amén.

Urano, Ameonna, Chibchacun. Iansán, San Isidro labrador... -disimulen Vdes., a miña confusión canto a determinadas mitoloxías-: quen queira que ande a gobernar, en fin, a cousa dos ceos próximos, tal semella que nos tivese esquecido de veras ultimamente. Dito/escrito ás bravas: a terra galega, por non parecer, nin sequera estaba a figurar de noso nin aínda mesmo aparentaba terra! Que é o que estaba -ou está- a acontecer?

Segundo explican os entendidos, e veñen difundindo, xa que logo, os diversos medios de comunicación, velaí que o que sucede anda en íntima relación coa cuestión do quecemento global, o emprego dos combustibles fósiles, o efecto invernadoiro, a retirada da banquisa...; isto é, todo o referido ao denominado cambio climático. Como queira que este cronista devén absolutamente respectuoso coas probas que expón a ciencia, non entrarei a discutir para nada de nada respecto daquilo que se poida contar, pesar ou medir cumpridamente. Non obstante, iso si, permitan Vdes. que, da miña parte, non deixe, con todo e e aquí e agora, de suxerir... poñamos que algunha conxectura complementaria.

Verán: hai xa tempo dabondo que un certo número dos habitantes -concidadáns e concidadás de noso- deste recanto noroccidental da península Ibérica andan a facer brincadeira, chanzas, as mais desenvoltas rexoubas..., mofa e befa verbo de todo, ou case todo, o que nos rodea, xa pertenza ao mundo visible ou a esoutro, máis esquivo pero igualmente presente, do Alén. E non apenas iso -que, en todo caso, ben pode constituír un exercicio de simpático escepticismo-, senón que, xa metidos nun exercicio do que haberán de dar conta antropólogos, psicólogos, neurólogos... e non sei se incluso expertos en parapsicoloxía e poltergeists varios, decidiron aínda, dispostos como van a poñeren en cuestión o universo enteiro, desfacerse incluso do seu (noso) propio país e asemade deles (de nós) mesmos. Vaia; entraren a formar parte dunha sorte de desenfreado, e moi sinistro, culto á Apocalypse now.

Arden e arden e volven arder piñeiros, eucaliptos..., bosques, fragas e mais carballeiras que houbese. Ao tempo, e tal e como se resultásemos ser as vítimas daquela novela -P.D. James, o autor- e/ou film, "Fillos dos homes", dirixido por Alfonso Cuarón, as nosas concidadás, con/sen axuda dos seus maridos, esposos, amantes, achegos..., tal semella que tomasen a decisión de poñer punto e final á tribo galaica: e é que aquí, a este paso, xa non nace máis ninguén. En fin; abducidos por esa nova relixión, ou o que sexa, da que estamos a falar, velaí que os adeptos concluíron, polo visto, na necesidade inmediata de transformar a súa (a nosa) contorna nunha nova Marbella e arrabaldes, especie de "Riviera céltica " ou de "Caribe enxebre". Terrazas e mais terrazas a todas as horas; paixón desmedida polo regetón e atrocidades adxuntas; andazo desatado de "chiringuitos" nos areais; aluguer de apartamentos con prezos de Miami beach; compañías aéreas promocionando o noso "Winter sun"; regatas múltiples e mais o rei emérito paseando por Sanxenxo... Se un xeque dos Emiratos compra de súpeto o Dépor e mais o Celta, todo estará consumado!: ite missa est.

Galicia/Galiza convertida nun soleado deserto, sen nenos que molesten.... Sentíndose definitivamente abandonados, amocados e aborrecidos, os vellos deuses/deusas da chuvia acordaron, daquela, en asemblea dimitir das súas funcións e, deste xeito, aceptar que se propiciase unha mudanza de proporcións bíblicas. Traducido: "se logo teñen sede, que vaian procurar a auga a Burdeos; se logo llela cobran a pezo dun "Château Latour" ou dun "Sainte-Croix-du-Mont", o problema será enteiramente seu! Ao fin e ao cabo, xa papan polbo made in Indonesia, cocido sen colesterol e mais bruños e percebes de Canadá de Arriba!"

Ai de nós! Toda a Gallaecia derramada na desfeita? Felizmente, algúns afoutos heroes comprenderon que tal non podía ser así. Que de quen falo? Non; non pensen Vdes. no presidente Núñez Feijoo nin, desde logo, nesoutro Rajoy Brey: en contubernio cos asturianos, D. Alberto, e absorto entre Palafrugell e San Carles de la Rápita, o segundo, o Lado Escuro da Forza non atopaba nin un mísero jedi que lle fixese frente. Mais velaí que, sabedores de que a música tanto amansa as feras como comprace asi mesmo aos donos da chuvia, o sempre inefable Tony Lomba -acompañado moi oportunamente pola mítica guitarra de D. Abel Caballero- foi e púxose de contado na tarefa. Ambos xuntos -a ver; tampouco subestimen Vdes. os superpoderes de D. Santiago Pemán, doutor que é en Nubeiros e mais as súas argalladas; segundo informan os nosos espías, algo tamén tivo que ver el no conto- executaron con brío e vigor o ritual requerido e eis que a deusa Deva e/ou o xarro de San Pedro -tan absolutamente abraiados como apiadados- decidiron, finalmente, suspender o seu particular artigo 155 e encher, como lle cómpre, o encoro de Eiras.

Quedará guay o de "Welcome to Vigo, the tropical Galicia" pero eu, de Vdes e "por si acaso", collería o paraugas penitente e poñeríame a cantar; digo, a rezar.