Certamente, coido ben que han de ser uns cantos/moitos de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, os que deveñan conscientes, e preocupados dabondo, diante de semellante conxuntura. En calquera caso, nestes pasados días, catropersonaxes ben diverxentes entre eles -ou iso cabe pensar, polo menos- como veñen resultar D. Pablo Iglesias Turrión, D. Enric Juliana Ricart, D. Miguel Ángel Revilla e D. Andrés Rábago García, "El Roto", advertiron aínda, cada un polo seu lado, arredor da cuestión: en efecto, tanto o secretario xeral de Podemos como o director axunto de "La Vanguardia", o actual presidente de Cantabria como, así mesmo, -ou, polo menos, tal parece podermos determinar respecto dunha das súas últimas viñetas- o coñecido humorista gráfico intepretan que se está a producir unha, cada vez máis evidente, dereitización da política española. Como queira que dito/escrito está que unha imaxe vale por mil palabras, eis aquilo que "El Roto" debuxaba o pasado domingo, 3: velaí un poste indicador de enderezos ao pé do cal rezaba o seguinte rótulo: "Aviso: todas las direcciones son la misma."

Que as cousas van como van, e que a xeometría resulta ser agora mesmo a que é, non semella, xa que logo, circunstancia moi cuestionable e de aí que un pense que nin sequera se fai necesario que o autor destas liñas lles teña que refrescar a Vde. a memoria sobre o particular. Polo demais, e diante de tal perspectiva, non faltan as voces, desde o pensamento progresista, a modularen moi sentidas ladaíñas, consultar os textos canónicos na procura dunha explicación rigorosa ou mesmo darse á desesperación e cruzar, ás agachadas, cara ao lado escuro da Forza. En fin, malos tempos -a ver qué acontece na próxima entrega de Star Wars!- para permanecermos na fe dos cabaleiros/damas Jedi cando esoutra Orde Sith vai talmente como unha moto (espacial, claro). De todos os xeitos, poucos, ou moi poucos, son aínda aqueles que enfrontan o "Confiteor" e recitan o que lle cómpre: "quia peccavi nimis cogitatione, verbo et opere: mea culpa, mea culpa, mea maxima culpa".

Nas Españas, pois, pero tamén no mundo mundial -Adam Curtis dixit- acontece que a esquerda non dá recuperado/artellado un mito poderoso, un gran relato que non se lle vaia, logo, das mans.En consecuencia, e toda vez que, desde o 2008, o sistema non é capaz tan sequera de aportar calquera sorte de satisfacción plena aos nosos sentimentos e desexos inmediatos, xorden en tropel Trump, o Brexit... ou Puigdemont e familia. Puigdemont e..., sinalan? E por que non incluímos na lista, igualmente, a D. Mariano Rajoy Brey e a D. Albert Rivera Díaz?

"Y cada tierra de las del mundo y a cada provincia honró Dios -explica a Crónica Xeral de Afonso X- en outras manera y dio su don; mas entre todas las tierras, la que Él honró más fue España, la de Occidente; porque a ésta abasteció Él de todas aquellas cosas que el hombre suele codiciar (...) España es abundante de mieses, delitosa de frutas, viciosa de pescados (...) rica de metales, de plomo, de oro, de piedras preciosas, de toda clase de mármoles, de sales de mar y de salinas en tierra y de sal en peñas, y de otros minerales..." Con certeza, que o mito de España -é dicir, das enormes riquezas que atesouramos- vén de lonxe. Con certeza asemade que a crónica das causas da decadencia de tanto poderío callaron ben en determinadas testosteronas patrias. A envexa por parte das demais nacións nacións europeas; a conspiración xudeo-masónica... pero tamén a perda da verdadeira fe, as discordias internas.... en fin, a presenza arreo de covardes e traidores vendepatrias: na falta dun visible inimigo exterior ao que derrotar -non houbo fortuna en Trafalgar; menos aínda en Santiago de Cuba-, as rúas de Barcelona, desde logo, pero, xa postos, esoutras de Donosti, Vigo ou, quen o diría!, de Santander -queixábase o pasado sábado en TV, o presidente Revilla de ser considerado, e tratado, como "un perigoso independentista"! (sic)- poden suplir aquelas, nas que se foi poñer o sol para sempre, de Gante, Bruxas ou Antuerpen. Con todo, non importa: aquí do que se trata é de organizar un relato. Quen era aquel que falaba de adoutrinamento?

Abducido, o pensamento progresista parece participar asemade da miraxe. Xa postos, nin sequera parece decatarse de que os galos da agarrada -non importa que un sexa máis grande, e con gardacostas, que o outro: galos son- propugnan idéntica política en relación ao conxunto do corral. En fin, mesmo semella que a única esperanza está en que, abraiados diante da facilidade (aparente) do éxito, os triunfadores nin sequera saiban como administralo. E é que non por virar máis e máis á dereita, nesta tola competición, se verán libres de escordaduras. Tempo ao tempo.