No Simposio Internacional que acaba de celebrarse na nosa cidade organizado polo Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Vigo E irei madr a vigo con motivo da estadía do Pergamiño Vindel na nosa cidade, tivemos ocasión de escoitar un extenso abano de palestras a redor das Cantigas de amigo de Martín Codax desde diferentes ópticas e perspectivas, ofrecidas por investigadoras/es e expertas/os en literatura medieval pertencentes as universidades de Galicia, Italia, Portugal, Francia, Brasil e os EE UU.

As sete Cantigas de amigo de Martín Codax, as máis antigas que se conservan cunha notación musical -excepción da sexta cantiga na que só se copiou o pentagrama- de calquera lingua da literatura europea, co que, é debido a este feito, converte ao documento que as contén como único na historia da nosa cultura. O estudo músicolóxico imponse como non podía ser doutra forma, tal como tivemos ocasión o pasado xoves día 23 de escoitar o profesor Manuel Pedro Ferreira da U. Nova de Lisboa, no edificio Cambón onde se celebra o Simposio anteriormente mencionado.

Os lectores de Faro de Vigo, coñecen a través deste medio o descubrimento en 1914 do pergamiño polo libreiro e anticuario Pedro Vindel, e dado a coñecer por primeira vez en febreiro do mesmo ano na revista Arte Español, co título de: "Las siete canciones de la enamorada. Poema musical por Martín Codax, juglar del siglo XIII".

Tamén somos coñecedores da divulgación da figura do poeta e a súa poesía en Galicia, no século XIX polo músico e escritor vigués Teodosio Vesteiro Torres o primeiro que transcribe os textos, copiados do Códice da Vaticana e posteriormente e inmediatamente ao descubrimento do pergamiño, o galego Eladio Oviedo Arce aportaría unha actualización e ampliación científica a estes documentos, referíndose ao contido musical do mesmo como: "Melodías simples, de gusto delicado, de color y sabor indígenas, evocadoras del céltico alalá".

No apartado musical, que nos ocupa hoxe neste artigo, o primeiro estudo musical e de transcrición, débese ao colaborador e amigo de Oviedo Arce, o músico compostelán Santiago Tafall Abad (Santiago, 1858-1930), quen en 1917 publica no boletín da RAG nº 118, o artigo: "Texto musical de Martín Codax (interpretación y crítica)".

Tafall, canónico compostelán era Académico de número dá Real Academia Galega e fillo do compositor e famoso organista de Lleida, Mariano Tafall, que en 1855 emprende a viaxe coa súa familia ata Santiago. Formado e educado musicalmente na catedral, participa dende moi novo en grupos de cámara en veladas realizadas en Compostela, aportando un repertorio diferente ao escoitado naquela altura. A partir do seu ingreso no seminario, e como músico da catedral foi ocupando os cargos de segundo violín meritorio (1873), primeiro violín (1877), organista (1881), e mestre de Capela (1895), ata 1898, cando é nomeado Capelán da Capela Real dos Reis Católicos de Granada.

Á marxe da súa actividade como intérprete, compositor e musicólogo, Tafall realiza unha encomiable labor docente na Escola de Música da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, sendo un personaxe imprescindible na instauración da reforma relixiosa iniciada a finais do s. XIX, que culmina coa publicación e instauración do Motu Propio, de Pío X.Do mesmo xeito que fixera con algunhas das obras do Códice Calixtino en 1897, xogou un papel crucial como folclorista na transcrición da música popular e medieval no Cancionero Musical de Galicia do redondelán Casto Sampedro.

Oviedo Arce e Santiago Tafall, trazan unha liña continua desde a tradición celta e pasando pola música medieval, momento na que se fusiona a tradición celta co canto gregoriano, aceptando o pasado celta proposto polas teses de Manuel Murguía.

No seu traballo sobre as Cantigas de amigo, Tafall realiza unha transcrición paleográfica e céntrase nas críticas cara á aplicación do texto á música, sobre todo nos puntos onde non se corresponden as sílabas cós neumas. Tamén pon a súa atención na ausencia do texto en determinados puntos, atribuíndo a causa da mesma ou ben ao mal estado do pergamiño ou a un erro do copista, xa que sostén que non está copiada a música por un músico.

Ao respecto da transcrición musical e co obxectivo de achegar estas obras ao público en xeral e así evitar un carácter en exceso litúrxico, decide levar a cabo unha vía máis libre, polo cal confesa que viu truncada o seu inicio da tarefa seria e técnica.

Avoga Tafall pola interpretación dun único intérprete e no caso de que sexan máis, cantarase a unísono, isto é, cantando todos a mesma melodía. En canto ao acompañamento, Tafall propón un pianístico o cal desenvolve cun cometido de divulgación. A maiores é o primeiro músico en poñer música á sexta cantiga.

En verbas de Filgueira Valverde: "Galicia debe a Tafall os primeiros intentos serios de interpretación das raíces medievais da súa música popular, da valoración das melodías de "segreles" e trobadores e dos seus inmediatos antecedentes, así como o transcendental "descubrimento" do papel das capelas catedralicias de música e do interese dos fondos dos seus maltratados e esquecidos arquivos".

*Membros da AA CC Pertenza