22 de novembro de 2002. Hai dous días que se afundiu o "Prestige" e a costa está tinguida de petróleo. Dúas duras xornadas onde o pobo tentou parar aqueles hilillos de plastilina que segundo o Goberno saían do buque. Pero non, non eran hilillos, era unha inmensa mancha negra que os mariñeiros tentaban recoller sen éxito desde os seus barcos de pesca sen máis instrumento que as súas propias mans; que as xentes en terra procuraban eliminar de rochas e praias. Unha loita titánica contra un imposible. Aquel venres de novembro, coas mans manchadas de chapapote e os ollos negros,o pobo galego ergueu a súa voz farta e tanto tempo silenciada e saiu a rúa baixo o único e contundente berro de Nunca Máis! O que seguiu, milleiros de voluntarios, de dentro e de fóra, que cos seus monos brancos e moita solidariedade foron devolvéndolle a cor e a vida á costa galega.

20 de agosto de 2006. Galicia ardeu aquel verán con moita máis virulencia que outros anos, en especial na primeira quincena de agosto. Centos de focos de lumes coincidiron no tempo de xeito incontrolable destruíndo unas 77.000 hectáreas de monte, segundo datos do Goberno galego, e levándose a vida de catro persoas. Ante tal catástrofe,as xentes volveron a saír a facer fronte o desastre, a pórse diante do lume e tentar protexer as súas casas e leiras, os nosos recursos e riqueza medioambiental. Aquel vinte de agosto o negro Nunca Máis volveu a percorrer as rúas, a ser berrado con forza, esta vez tinguido de vermello, para reivindicar un cambio de rumbo nas políticas forestais, un compromiso dos poderes públicos co medio natural e unha posta en valor da función dos montes así como unha política para o medio rural co fin de evitar o despoboamento e abandono deste.

15 de outubro de 2017. Espertaba Vigo cunha calor inusual. Avisaran desde había días que se agardaban temperaturas altas e fortísimos ventos, restos dun furacán que se aproximaba. E sabíase que a terra estaba moi seca, había moito que non chovía. Xa o sábado comezara o lume nalgunha poboación. Co paso das horas foi cundindo a alarma. A Cañiza, Ponteareas, As Neves, Salvaterra, Porriño, Mos, Gondomar, Tui, Nigrán, Baiona, Pazos de Borbén, Redondela, O Morrazo?, o ambiente tornábase irrespirable e a cidade comezaba a quedar aillada, rodeada de lume por tódolos puntos, cortadas as liñas férreas e os accesos por estrada. Momento de caos, día de volta a casa, con xentes desesperadas no medio de lumes a ámbolos dous lados da autoestrada, ou parada horas dentro dun túnel sen saber como saír; horror da xente que vía as muxicas extender o lume cada vez máis perto das súas casas, evacuacións, búsqueda de familiares? Caía a noite e todo se complicaba. Chandebrito, Fragoselo, Valadares, a tormenta perfecta. Sen televisión pública que informara -ata pasadas as once da noite a TVG non decidiu facer un especial, e cando o fixo a versión oficial falou de condicións climatolóxicas adversas, nin rastro de referencias, claro está, aos 436 brigadistas recén despedidos- as noticias, os rumores e os vídeos comezaron a inundar as redes sociais. Samil, Navia?, o lume estaba dentro da cidade. Os servicios de emerxencia non podían atendelo todo. E a xente, moita xente, saiu a rúa formando cadeas humanas para o transporte de auga, mentres outros abrían as portas das súas casas ofrecendo aloxamento, resgardo para animais, transporte gratuíto.... Unha vez máis o pobo en primeira liña, cubrindo as carencias dunha política forestal que se revelou a todas luces insuficiente.

O poeta Eduardo Pondal escribiu en 1886 "Queixumes dos pinos", obra da que se extraiu a letra do himno galego. Nela fala dos rumorosos -os piñeiros- da costa verdescente e do ruido compasado que fan. Esa mañá os rumorosos non dicían nada; a costa verdescente é hoxe cinza; as altas copas, o arume arpado, gardan o silencio da traxedia, un panorama desolador de miles de hectáreas queimadas, casas calcinadas e catro vidas perdidas. Cansancio, tristeza?, pero tamén orgullo, por unha xente que volveu a pórse en primeira liña e a loitar unha vez máis activamente plantándolle cara á desgraza. Por iso, desde as manifestacións que sucederon á traxedia o Nunca Máis volveu a resoar ben forte, esixindo que algo cambie, para que situacións como estas non se repitan? Nunca máis?