Normalmente, un é dono dos seus silencios e refén das súas opinións, por iso, ás veces é mellor estarmos caladiños, cando non teñamos algo para dicir capaz de mellorar o silencio.

De sempre tiven, confésoo sen vergoña, unha envexa san e admiración profunda polas persoas que desempeñan na vida o seu rol vital como mestres. Nada hai tan fermoso como entregarse aos rapaces, e sementar neles a curiosidade de coñecer, aprender, mellorar mergullando no interior das cousas, amosarlles o que a vida ten de fermoso e, sobre todo, encamiñar as súas inquedanzas, valías, medos ou frustracións, para que sexan boa xente, e felices, dende logo dentro dos límites dos talentos e calidades que nos tocou a cada quen nesta lotaría que é vivir.

Xa sei que, como as meigas, habelas hainas, e loxicamente dentro do colectivo de mestres haberá de todo; bos, malos, burricáns, lelos estúpidos e fatuos, boas persoas, malas, grandes profesionais, e xente que odia a súa profesión; seino de sobra, e tiven máis dunha mala experiencia con máis dun deles, como en calquera das actividades profesionais que temos que desenvolver para gañar o pan coa suor das nosas frontes, castigo bíblico, normal. Mais a inmensa maioría do colectivo, no que conto con varios amigos, confesa abertamente que non cambiaría, se puidera volver atrás, a súa experiencia profesional como mestre, por ningunha outra, todo un indicador do nivel e calidade que temos no noso país, de mestres, como persoas; outra cousa ben distinta eche o nivel educativo, os plans de estudo e as materias impartidas obrigatoriamente por imperativo legal.

Resulta máis que preocupante o que estamos a ver: O acoso escolar, a violencia noxenta dentro e fóra das aulas, a frustración dos rapaces e falla de estímulos e ilusións, a agresividade e desconsideración e falla de respecto dos pais, e mesmo dos alumnos, a degradación progresiva da estima e consideración social, admiración e autoridade dos mestres, se non abertamente o desprezo, todo o que está a repercutir no colectivo de mestres e na calidade do ensino, sen dúbida algunha, co custe social que ao longo estamos pagando todos.

O desencanto, as baixas por estrés, o medo a ir e ter que facer fronte aos alumnos, a falla de respecto e non saber como levar adiante o grupo de rapaces que tes sentados na aula, está a provocar que os nosos mestres mellor se coloquen de perfil, para pasaren desapercibidos, chegar, dar unha hora de clase da materia da que se trata, e ata mañá, se te vin xa non me acordo. Terribles consecuencias que nos retrotraen aos tempos nos que o refraneiro popular recollía a realidade naqueles tempos: Pasa máis fame ca un mestre de escola.

Eu aínda recordo con cariño os meus mestres e moitos dos alcumes co que os chamabamos: O Caravaca, que me suspendeu un trimestre as matemáticas porque lle denegaran un préstamo que pedira na sucursal do banco onde meu pai era o director; O Estirao, que facía que a física mesmo resultara interesante; O Carpanta, que sempre ía cunha barba de dous días e cunha chaqueta chea de remendos e lamparóns. Tempos de mestres, si.