Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

OS CAMIÑOS DA VIDA

Xosé Luis Méndez Ferrín

Omnium Cultural

Para pasarnos desapercibidos, un día rexistramos como "Asociación Cultural" de Vigo unha entidade legal de carácter antifranquista e nacionalista galega. Fixeron o propio en Cataluña ao fundaren o "Omnium Cultural", con máis medios e apoios económicos ca nós. Tanto a viguesa coma a barceloní levaban, fronte á represión, nomes neutros ou aparentemente insignificantes. Nós viamos o Omnium con envexa san. Eles tiñan cotizantes e estaban a levantar unha fronte cultural con forza. A nós sobrabannos as ideas e o vigor e a disciplina, na Asociación Cultural de Vigo.

O Omnium dispuña de recursos, os cales estaban moi ben administrados. O Omnium instalouse nun vello palacio da Barcelona histórica. Nós en López de Neira. De seguida coordinou o Omnium as agrupacións catalanistas que subreviviran á ocupación, á represión da identidade e á liquidación do Estatuto; operación na que se incluíu o fusilamento de Lluís Companys (aquel president que foi leal á República Española e que protexeu a Castelao). En 1962 o Omnium catalán levou adiante a campaña "de la Lingua", con sumo éxito. Foi entón cando o abade de Montserrat, Aureli M. Escarré, fixo as súas vigorosas declaracións democráticas e nacionalistas a Le Monde.

Fraga Iribarne, ministro de Información da España Negra, desencadeou unha ofensiva de odio anticatalán, e o abade foi obrigado a escoller o camiño do exilio político. Multaron os conferenciantes en catalán e proibiu Fraga o "Festival de la Canço" que ía celebrarse en Vilanova i La Geltrú. O Ministerio de Fraga ilegalizou o Omnium Cultural e incautou a súa documentación e os seus fondos económicos. Pouco despois, o 22 de nadal de 1962, a sede dos "Minyons de la Muntanya", ou sexa dos scouts católicos de Cataluña, era incendiada por axentes do goberno de Franco.

Estes días chega a nós a noticia de que o actual presidente do Omnium Cultural, por orde dunha xuíza de apelido Lamela, ingresou en prisión. E isto ocorreu poucos días despois do aniversario do fusilamento en Montjuic de Companys, quen fora detido pola Gestapo en Francia e entregado a Franco para o seu sacrificio. Omnium, en Latín, significa algo que a xuíz Lamela coido que ignora.

Compartir el artículo

stats