Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Para despois da cicloxénese (e II)

Desde logo, o autor destas liñas ten a impresión de que han de ser, se cadra, uns cantos de entre Vdes. -sempre moi amables lectores-, os que, moi a pesar dos editoriais incendiarios, dos berros dos hooligans e da proclamación da Apocalipse now, aqueles que non acaben aínda de tomar por completo en serio a veracidade do drama, ou traxedia, que nos amosan 24 horas sobre 24. Acontece talmente como cos súpermísiles integalácticos de Kim-Jong-un: non é que un agarde que vaian cargados de caramelos, pero... E é que a ver; os actores e mais o guión si que están aí; a iluminación, o son..., os luxuosos decorados asemade; a sensación de verosimilitude é (case) completa, que máis nos falta, daquela? Non sei; mais por moi boa e acabada que semelle unha esceneografía, por espléndidos que abrollen os efectos especiais; até por moi convincentes que comparezan os extras... sucede que o teatro é teatro e o cinema non vai para alén da gran pantalla. "Insensato!, imprudente! -de certo que ha de retrucar alguén- Pero é que non se decata Vde. que estamos a un pé do abismo?"

Vale; poida que así sexa e que non teñamos remedio: se Rambo era "nasío pa matar", nos nacimos, entón, p´ra "matados", triste historia! Claro que, iso tamén, se nos poñemos a falar realmente de insensateces...

"Non es o meu dono, non son outro xoguete teu./Non es o meu dono, ti non me tes a treu./Non me digas que debo facer,/Non me digas que hei de dicir,/déixame, que eu quero vivir./Non son túa nin o podo ser/por máis que diga un papel...". Por idade, é un tanto difícil que D. Carles Puigdemont faga memoria dos versos -disimulen Vdes. a tradución/adaptación un tanto libre- de "You don't own me" -que cantaba a, moi infelizmente, desaparecida Lesley Gore- por moito, iso si, que ande todo o día a proclamar algo parecido, Catalonia freedom adiante. Si que ten anos, porén, o "molt honorable" para lembrar aqueloutro que reza "Impossible is not a fact. It's an opinion. Impossible is not a declaration (...) Impossible is temporary. Impossible is nothing!" Agora ben; algún dos seus axudantes debería explicarlle a D. Carles que, ben antes de conformar o lema da campaña publicitaria dunha coñecida marca de produtos para o deporte, semellante proclama foi saír dos beizos, nin máis nin menos, que do inconmensurable Muhammad Ali.

A cuestión é, polo tanto, que o señor presidente da Generalitat -como un servidor- gasta lentes de miope e non ten, ademais, nin a menor idea desa arte do rope-a-dope que tan ben sabía practicar Alí/Clay. Ou sexa, que, chegado o caso, ben que llas poden dar todas do mesmo lado a Mor. Puigdemont. Sinceramente e entre nós, de veras que paga a pena tanto e tanto ruído para apañar tan poucas noces? Tan escasos cariños, tan moitísimos traumas lles causou a el e mais aos seus esa (suposta) madrasta cañí á que queren abandonar si ou si tamén?

Licenciado en Dereito e rexistrador da propiedade cando apenas viña contar con vinte e catro primaveras -de feito, foi o máis novo en toda España-, se nalgunha cousa ha de crer de veras o actual presidente do Goberno español, iso ha de ser no BOE e mais na lexislación vixente. Traducido: por máis que el si veña contar con anos dabondo para cantaruxar as estrofas de "You don´t own me", acontece que D. Mariano permanece convencido arreo de que o hábito si fai o monxe e que a verdade xudicial vén ser sempre a verdade. Mágoa que non sexa dado, o noso señor mandatario, á ficción literaria do seu país nativo: "Non señor, non lle foi eisí como está nise papel (...) que os papeis teñen conta do que lle poñen enriba", retrucáballe Cibrán Canedo ao todopoderoso, e absolutamente, distante (ausente) xuíz de "A esmorga". E é que está moi ben o da Santa Constitución e etc, pero... un pouco de por favor e un pouco de imaxinación tampouco están nunca de máis, non lles parece?

Nadar e gardar a roupa: de certo, sabío consello o que busca poñer en práctica Dna. Ada Colau Ballano. Agora ben; se a sabedoría (supostamente) popular demanda tal comportamento, o adaxio clásico non deixa de avisar, da súa parte: "amicus Plato, sed magis amica veritas". E aínda avisa Tibulio: "In solis sis, tibi turca locis"; en todo caso, se algunha dificultade ten co latín, a ilustre alcaldesa de Barcelona bona, que lle pida axuda ao Sr. Iglesias Turrión, que para iso é profesor universitario. En todo caso, dito/escrito rápido, aquí e agora: acontece que "máis vale estar só que mal acompañado". Realmente, é Cataluña unha colonia? Pero de veras España -por certo: de qué raios falan algúns cando falan de España- está a roubarlles aos cataláns? Xa sei que a equidistancia non leva moi boa sona entre nós; non obstante, tal parece que, como na vella copa, "ni contigo ni sin ti,/tienen mis males remedios./Contigo porque me matas,/sin ti porque yo me muero./Ni contigo ni sin ti".

Oxalá que cando lean Vdes. estas liñas, a conspiración dos insensatos non teña provocado que algún malvado fose cambiar as pistolas e os puñais de atrezzo por esoutros de ferinte aceiro. Oxalá, logo da cicloxénese alguén se poña a pensar. Mentres e "por si es caso", non estaría mal poñerlle unha vela á Virxe da Almudena e outra á Mare de Déu de Montserrat (Santa Moreneta querida). A ver se elas dous, polo menos, si son capaces de chegar a algún acordo. Amén.

Compartir el artículo

stats