Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Miscelánea independentista

Queren a independencia segundo os principios éticos e xurídicos do mundo en que vivimos

Os que consideran ilegal e non democrático o referéndum de Cataluña deberían pensar por qué foi considerado legal e democrático un referéndum da mesma natureza en Escocia. E máis no Canadá francés. Era tán léxitimo alí, que o mesmo presidente De Gaulle incitou á independencia dos francocadanianos cun berro moi audíbel: "Vive Québec Nivre. O dereito internacional, desde a Sociedade de Nacións (alí foi recoñecida Galicia como nación sen estado) á ONU e o mundo civilizado, consensúan o dereito autodeterminación de todos os pobos coma un universal xurídico. Os que consideren que o mundo tende á uniformización como pretendía Curros no século XIX, fagan o seguinte. Miren cantos estados independentes había no Globo Terraqueo o día en que eles naceron e cantos hai hoxe.

A xente máis nova pode ter memoria das independencias nacionais que se produciron coa desaparición da URRSS e co estalido de Iugoslavia. Mesmo houbo estados que racharon en dous, como Chekoslovakia. Non é de extrañar xa que a Idade Contemporánea nace realmente cun documento independentista. Nace en 1776 coa Declaración de Independencia dos Estados Unidos. Deulle alimento á fogueira a Revolución Francesa, e todos os virreinados e provincias españolas de América se fixeron repúblicas independentes. Algunhas partes de España, coma Marianas ou Puerto Rico foron ocupadas polos EE UU. Pero, no futuro, os nosos descendentes veránas tan independentes como meu pai viu facerse independentes Noruega e Irlanda. E eu vin nacer como estados a India e Islandia. Tamén vin pasar a repúblicas soberanas as colonias europeas de África e Asia. E tamén vin converterse estados a minúscula Malta e tamén as illas numerosas do Caribe e de Polinesia. Cómo ignorar que o dereito á autodeterminación e á independencia nada ten que ver coa legalidade ou ilegalidade particular dun estado dominante dado. As legalidades democráticas ou fascistas están postas polas circunstancias e poden ser depostas por outras circunstancias.

Por exemplo: durante o século XIX houbo lugares e países, entre eles España, nos que a escravitude era legal. Pro tales legalidades merecían ser destituídas, como foron. Por outra parte, vexo que hai persoas que din non saber por que os máis dos cataláns queren a independencia, e qué e o que eles van facer fóra de España. As respostas son sinxelas. Queren a independencia e teñen dereito a ela segundo os principios éticos e xurídicos dominantes no mundo en que vivimos. En canto ao proxecto práctico de independencia, pode lerse, traducido ao galego, o texto completo da Constitución da República de Cataluña no último número da d´A Trabe de Ouro.

Compartir el artículo

stats