Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Costa de Su a Vela

Lembro o día (hai tantos anos) no que Henrique Massó nos levou a Bernardino Graña e a min a visitar a Gorita do monte do Facho de Donón, Concello de Cangas. Trátase dunha especie de templete cuxa orixe eu nunca souben con certeza. En canto a Donón houbo un tempo no que se pensou que o topónimo era o único resto en Galicia do celta, fortaleza, que deixou moi longua herdanza nas Galias Lugdunum, coma tal, diu Lyon. Estas cousas gustábanlle moito a Henrique, que foi un dos prospectores orixinais do chamado templo de Berobreo, que hai alí, en Donón. Berobreo, que en nominativo e na lingua dos nosos devanceiros debía de ser Berobreos.

Aos nosos pés abríase o abismo que cai sobre o mar, fronte á Illa do Norte das Cíes. Case se oe bruar o mar acolá na Punta do Cabalo. Aquelas "altas debrocas" son o paredón que garda por Oeste o Morrazo. O seu nome é marítimo porque llo puxeron os que andan ao mar. Chámase, e chamouse sempre, Costa de Su a Vela. Se imos en barco, ao pasar a Coste de Su a Vela nótase que un mundo de pedra pode cairnos enriba da cabeza. Agora déronlle en chamar Costa da Vela. Seguramente por pensar que a palabra ten algo que ver coas velas dos navíos. Pero non, Vela significa cantinela, e velar é o mesmo que vixiar. O edículo que está na cima do Monte de Donón ao mellor, non estou certo, insisto, é o refuxio das velas, ou sexa das centinelas. "Ella velar/alama de los judíos"-cantaban nas cidades de Castela nas que había xuderías populosas-.

Na vela de Donón velábase o paso dos buques inimigos, se cadra mesmos os corsarios bérberes de Alxeria, que viñan facer no Morrazo as súas presas. Pasáronme un escrito da autoría de Antón Lois, sobre a Costa de Su a Vela. É un texto moi ben escrito e conservacionista, a pesar de escribir o nome da debroca e monte de forma deturpada ou sexa "Costa da Vela". Gostoume que se ocupase do toxo, vexetal que a miña xeración coñeceu como dominador dos montes de Galicia, e que hoxe se retira acurrado polas plantacións forestais masivas e invasoras. En todas as landas de Gasconha de Bordeos a Baiona, eliminaron o toxo e piñeirizaron de forma inmisericorde a paisaxe da Occitania Atlántica. Pero non é do toxo do que queríamos tratar hoxe aquí. É do Parque Nacional (español) das Illas Atlánticas, de cuxa excelente xestión (salvo no caso das concesións privadas) nos alegramos cada día que pasa.

Sostén Antón Lois que ao Parque lle falta unha porción continental. El di que ao Parque das Illas Atlánticas hai que lle sumar a Costa de Su a Vela, que lle sumaría ao conxunta un fragmento precioso de Galicia no que se refere ao legado prehistórico e á xeoloxía e especies vivas. Por parte, ao pé da Costa de Su a Vela, e no fondo do mar que a separan da Illa Norte, están os areais nutricios onde o peixe plano se multiplica para ben e fartura do mariñeiro, como soe decer o Bernardino Graña citado ao comén desta columna.

Compartir el artículo

stats